O soño polaco

O meu oriente comezou en Polonia e logo seguiu ata a China. Algún día haberá que dar a volta completa. Os chineses din que dúas persoas poden durmir na mesma cama e non ter o mesmo soño. Algo así debeu acontecer en Polonia multiplicado por moitas veces e moitas persoas, e ata nos dous actores principais da vida política deste país nas dúas últimas décadas, Solidarnosc e o POUP (Partido Obreiro Unificado Polaco).

Ven isto a conto do camiño percorrido por este país nos últimos vinte anos. Este domingo pasado o voto maioritario dos electores daba o seu prace ao ingreso na Unión Europea, superando mesmo o nivel de participación, que se agardaba baixo, requirido pola lei. Polonia sempre foi un país estraño: aquí pode haber moita participación política, o que non quer dicir que sexa algo equivalente de participación electoral. Agora vese que vai entrando pola senda da normalidade: os cidadáns van votando cando lle mandan aínda que a política semella interesarlle cada vez menos.

Hai vinte anos o soño dos polacos non era este. Querían desprenderse dun réxime que saqueaba o socialismo en nome do poder obreiro. Querían, dicíao moi ben unha señora nun programa de Documentos TV que emitiron o pasado sábado na primeira española, a liberdade, liberarse da opresión daqueles líderes mediocres que conduciran a construcción do socialismo por camiños cheos de lama. A dereita e esquerda, os líderes daquela rebelión hoxe non son ninguén. Nin Kuron, nin Modzeleweski, os autores da Carta Aberta ao Partido de 1964, nin tantos outros… Quedan os da segunda ola, Michnick, Mazowiecki, Geremek… e Walesa reducido á mínima expresión, case pintoresca.

Daquela, dentro, moi poucos sabían ou imaxinaban a onde podía conducir aquel proceso. Mesmo en 1989 cando Guennadi Guerasimov, o portavoz de exteriores de Gorbachov dixo que o Kremlin ía substituír a doutrina Brezhnev (soberanía limitada) pola doutrina Sinatra (cada quen á súa maneira), a inmensa maioría dos que batían con crucifixos contra as sedes onde residenciaba a nomenclatura do POUP, querían ser libres, ter acceso aos bens normais de consumo, máis benestar en suma. ¿Quen pensaba na OTAN, en Europa? Algúns si, por suposto, Geremek e o seu grupo de intelectuais. E, naturalmente, os dirixentes do POUP, de Jaruzelski a Rakowski. Os da segunda tanda máis aínda. Kwasniewski, o actual presidente do país, tivo a habelencia de situarse sempre con vento favorable e acabar por ser máis papista que o papa. Se en Washington pensaban en Walesa como o seu testaferro, ignoraban as habilidades doutros.

Atrás quedou o discurso dun socialismo democrático, dun capitalismo de rostro humano, dunha socialdemocracia de sensibilidade social. E por detrás dos discursos, a realidade dun país repleto de desequilibrios, cuns niveis de pobreza e desemprego que hai vinte anos encherían as igrexas de protestas e as rúas de procesións. Pero case todos asumen que esa amalgama de situacións ven a demostrar que a Polonia de Chopin entrou para sempre na senda da normalidade histórica, nese mundo dos privilexios no que non todos poden ser privilexiados.

As boas cabezas, que sempre as houbo en Polonia, non se renden aínda pero a súa influencia vai a menos e a apatía e o cansazo fai o resto. A nacionalista Polonia fíxose europeísta e nese treito perdeu toda esperanza de anovar socialmente algo, como pensara Adam Shaff. O socialismo real fracasara no seu intento de conseguir a democracia política e socioeconómica como proclamaba no seu ideario, pero en xustiza social, nestes vinte anos, Polonia camiñou cara atrás. Ata o Papa soñaba con outra cousa.