Pasar factura

A Coordinadora Democrática perdeu o pulso con Chávez. Despois de dous meses de mobilización permanente e folga continuada, os seus obxectivos se saldaron coa recollida de varios millóns de sinaturas para pedir a renuncia do Presidente: moitas adhesións, sen dúbida, pero unha conquista pírrica para tan elevado prezo. Este ano o PIB venezolano pode caír entre un 10 e un 20 por cento, a inflación chegará ata o 50 por cento e o desemprego vai aumentar exponencialmente. Nunca ninguén imaxinou que Chávez podería resistir tanto. Agora, moitas pequenas e medianas empresas, agobiadas polo esforzo destes meses, facendo fronte ao pago de salarios que non foron traballados, vense na obriga de apretarse o cinto. As denuncias por despido se multiplican.

Pero nada de referendo e menos de renuncia. Máis aínda, Chávez aproveitou a situación de tensión para "limpar" as forzas armadas e militarizar a maiores, con persoas da súa confianza, os resortes básicos da administración civil e económica. Claro que, habida conta do que a Chávez lle duran as lealdades das persoas de confianza, non hai motivos para ser optimista. E aumentan os perigos para unha deriva autoritaria. A firma do acordo "Contra a violencia, pola paz e a democracia", coa mediación de Gaviria e o grupo de países amigos, abría un chisco de esperanza, quizáis uns e outros aprenderan a lección e optaban por reconducir o clima de confrontación a un escenario de maior racionalidade. Pero os asasinatos (e torturas) de varios militares opositores e a detención dos líderes da protesta, inducen a pensar que a fase na que entramos é a das represalias. Ogallá que non sexa así.

O conflicto en Venezuela non se poderá resolver coa simple eliminación do adversario e nesa tesitura permanecen aínda uns e outros. Erra Chávez se pensa que sae fortalecido sen máis desta crise. E erra dobremente se pretende pasar factura do pasado. Mellor concentrar todas as enerxías en tender pontes que amplíen a base social da súa política.

A victoria sobre os opositores presenta ante si un panorama que podería aproveitar para avanzar nunha dirección distinta, tratando de recompoñer unha sociedade fragmentada e ferida. Coa oposición literalmente queimada, incapaz de programar accións de protesta significativas, a revocación do seu mandato xa non será tan pan comido. Deberá votarse en agosto, por máis do 25 por cento do electorado, e contar con máis votos dos que apoiaron a candidatura de Chávez nas eleccións de xullo de 2000 (3,8 millóns). Pero incluso superada esta proba, a revocación tampouco asegura necesariamente a convocatoria de eleccións anticipadas. Quen esté na liña de sucesión presidencial podería aspirar a completar o mandato ata 2006. Instar unha modificación constitucional para alterar estas previsións non semella ao alcance dunha oposición que conta con escaso respaldo parlamentario.

En quebra técnica toda esa oposición directamente mobilizadora (empresarios, sindicatos), os medios de comunicación son o único baluarte que hoxe pode soster o antichavismo máis visceral. Como ven a dicir a xornalista Naomi Klein nun artigo publicado en La Vanguardia o pasado domingo, Chávez ten nos medios de comunicación o principal rival. En Venevisión, RCTV, Globovisión ou Televen, cun estilo informativo que practica a censura en maior medida que o propio goberno, os "golpes" se producen a diario. É neste campo donde Chávez debe impulsar reformas, cuidadosas para non ameazar a liberdade de prensa, e non facendo leña da árbore caída. Desenferruxando a crispación, promovendo políticas de encontro cos sectores máis proclives ao acordo. Para superar a polarización, cómpre saír das trincheiras.