Recursos en conflicto

En Côte d’Ivoire, as rendas do cacao veñen contribuíndo nos últimos anos a financiar un de tantos conflictos esquecidos. En Madagascar, o futuro da mellor vainilla do mundo estaba presente na curta guerra civil protagonizada e gañada por Marc Ravalomanana, co apoio de EEUU. En Angola, foron os diamantes no seu tempo. En Bolivia, foi o gas agora. En Colombia, da coca ao café, o control dos recursos naturais está igualmente presente na dinámica do conflicto, co Plan USA planeando sen poder aterrar. Certo que o do petróleo é o caso máis coñecido e evidente na medida en que o seu control global está asociado moi directamente co dominio universal, pero non o é o único. É unha radiografía ausente que nos leva case ao comezo dos tempos, aínda que esteamos no século XXI e soñemos que chegar a Marte.

Días atrás, nunha visita a Galicia de Carlos A. Fernández-Jaúregui, da división de Ciencia da UNESCO e responsable do primeiro Informe Mundial da Auga, reflexionamos sobre a auga, tamén un recurso escaso, como fonte de conflicto. Ben se sabe que a relación entre a dispoñibilidade de auga dun país, a súa poboación e o nivel de desenvolvemento desexado pode xerar tensións entre países con máis ou menos poder sobre estes recursos, que se utiliza como un instrumento non militar con fins bélicos ou é mesmo, directamente, obxecto de agresión (un encoro, por exemplo) na medida en que sexa indicativo dun alto nivel de vulnerabilidade estratéxica.

É indispensable a perspectiva dos recursos para aproximarse á explicación, ás claves de moitos conflictos que aniñan no mundo contemporáneo. Sen embargo, están escasamente presentes en moitas análises e mesmo no que debería ser a información mínima facilitada polos medios de comunicación para que o lector poida ter a visión global, panorámica e contextualizadora dunha determinada crise. Non todo o explican os recursos, pero si poden axudar a comprender mais e mellor as claves ocultas de problemas que en aparencia teñen difícil explicación.

Sen esquecer que tamén teñen outra lectura en positivo. Se no control dun determinado recurso está o problema, tamén aí pode estar a solución. Previo aos acordos de Oslo para a paz que non chega en Oriente Medio, houbo un acordo sobre o uso dos recursos hídricos entre palestinos e israelís, porque a posibilidade da paz nesta zona é indisociable da cooperación na explotación de tan prezado recurso. O enviado da UNESCO salientaba en Compostela o valor da auga como fonte de cooperación. Do seu Informe se desprende que o historial de cooperación é enormemente superior ao de conflicto agudo, ou o que é o mesmo, a auga é moito mais un vector de cooperación que unha fonte de conflicto, mesmo entendendo este nun sentido lato, oscilando nese longo abano entre a guerra formal e a hostilidade verbal leve e non oficial.

As perspectivas dunha mala colleita de cacao poden facilitar a reconciliación en Côte d’Ivoire. Moitos plantadores de cacao fuxiron das explotacións para refuxiarse nas cidades, escapando das bandas armadas, pero a enorme dependencia deste producto, que representa o 15% do PIB, o 30% das exportacións e o 20% dos ingresos fiscais, está obrigando ás partes a sentarse a falar para recuperar un diálogo que garanta a complexa supervivencia do estado. ¿A quen interesan as ruínas?