Defensa antimisís

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

A finais de xullo deste ano 2004, en Fort Greely, Alaska, Estados Unidos instalaba os primeiros silos do que vai ser o seu sistema de defensa antimisís. É o primeiro paso dun proxecto futurista de extraordinaria ambición para protexer o país de ameazas exteriores. É o vello soño de Ronald Reagan (A guerra das galaxias), rexurdido das súas cinzas.

O seu nome agora é Missile Defence (MD). A lóxica do MD parte dunhas premisas básicas. Estados Unidos ten asumido que: a/ as armas nucleares (e as súas irmáns pobres, as biolóxicas e químicas) están entre nós para ficar; b/ cada vez máis países teñen acceso tanto ás técnicas de manipulación de átomos como ás de lanzamento de proxectís.

Como consecuencia desta evolución, o territorio americano é hoxe máis vulnerable ca nunca. Un "estado canalla" calquera (Corea do Norte ou Irán) estará cedo "tal como adiantou un comité de sabios presidido por Donald Rumsfeld" en condicións de danar ós todopoderosos Estados Unidos. Elo converte en imprescindible certo resgardo, certo sistema antimísil, que lles protexa de posibles ataques dun estado desprezable.

Fronte a esta lóxica explícita e politicamente correcta, que enfatiza o valor defensivo do MD, temos outras razón máis agresivas. O que pretende o MD non é tanto aumentar a protección ante o inimigo, como acabar coa forza disuasoria deste. É dicir, un inimigo feble, cunhas precarias pero certas capacidades de damnificar a Estados Unidos, está en condicións de atemorizar, e por tanto frear, á superpotencia. Cun MD desenrolado, capaz de destruír no aire un pequeno número de mediocres misís inimigos, Estados Unidos xa non pode ser amedrentado por un "estado canalla". O MD é un modo de seguir exercendo a disuasión nun mundo de proliferación nuclear.

Por conseguinte, non cabe enganarse. O armamento nuclear, así como a macabra lóxica que o acompaña, ten cada vez unha maior vixencia. A súa proliferación, tanto vertical (as potencias teñen cada vez máis e mellores vehículos e oxivas nucleares) como horizontal (cada vez son máis os países que as teñen) parece imparable. Onte foron India e Paquistán. Hoxe é Corea do Norte, que arrastrará, inevitablemente, a Corea do Sur e a Xapón). Mañá será Irán… A lexitimidade dos acordos de non proliferación, que aceptan as armas dalgúns países mentres rexeitan as doutros, nunca foron demasiado firmes.

Así pois, anque deixamos atrás o medo á bomba, a bomba sigue máis ameazadora ca nunca entre nós.