A estraña renegociacion das OCM

O pasado 22 de maio, o sector agrícola español recibiu un duro golpe coa reforma das Organizacións Comúns de Mercado para o algodón, o aceite de oliva e o tabaco, sendo este último o único que saíu indemne. A dureza das reformas sobre o aceite de oliva puña en serio perigo a concorrencia das empresas españolas do sector que, pese a tratarse da maior producción de toda Europa, vían como Francia e Portugal duplicaban a axuda recibida por España neste producto. Ademais, a magnitude da reforma do algodón provocou unha corrente de temor nos sindicatos agrarios ante a desaparición deste cultivo.

Agora, no seo dos comités técnicos atenden as demandas españolas, subitamente apoiadas polos gobernos da Unión e especialmente dende a Presidencia irlandesa, chegando varios membros a manifestar o seu desgusto ante a falta de sensibilidade cara aos intereses españois amosada polo comisario europeo de Agricultura e Pesca. Nunha reunión de carácter técnico para concretar o texto e as cifras do acordo previo chegouse a unha modificación que o goberno socialista de Madrid considera satisfactoria, sobre todo comparándoa co resultado anterior, que sentenciaba ao sector do algodón, do que dependen en España unhas 10.000 persoas.

A noticia, máis alá da defensa dos intereses españois, é a forma na que se logrou suavizar este acordo. Cunha presenza de tan só dous días nunhas conversacións que en conxunto duraron nove meses, o novo Executivo español non foi quen de mobilizar os seus recursos e influencias a tempo na busca dun acordo máis favorable para os seus intereses. Non embargante, o empeño posto por Elena Espinosa en mellorar o acordo pese a supoñerse cerrado, o labor de Moratinos na tarefa de acadar apoios para esta modificación e a ameaza de conxelar a reforma levándoa ante o Tribunal de Luxemburgo deron, finalmente, os seus froitos. Nos últimos días mobilizaron todos os recursos a disposición da diplomacia española para acadar un novo acordo.

Tras acadar este novo acordo, o ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, realizou unhas declaracións esclarecedoras sobre o proceso de negociación no seo da Unión Europea: "Hai que traballar en paralelo (…) a través dos lobbies, as diplomacias, a presión… Só o momento final é o momento do voto". Non cabe dúbida de que para cambiar en tan pouco tempo o resultado das negociacións precísanse todos estes recursos, pero iso non e suficiente. Cómpre tamén a vontade dos interlocutores para realizar eses cambios. ¿Cómo logrou isto Moratinos tras nove meses de negociacións infructuosas realizadas dende o Executivo previo? ¿Cicais as autoridades comunitarias amosaronse máis receptivas ás demandas españolas co novo Goberno? ¿Quizais por mor da oposición á guerra de Iraq? ¿Fixéronse acaso oídos xordos ao Goberno que apoiou a Bush?

Á marxe dos inescrutables terreos da diplomacia de alto nivel, a novidade é que se chegou ao acordo final no seo do Comité Especial de Agricultura, órgano dende o cal se preparan as reunións de ministros e se realizan axustes, unicamente técnicos, dos acordos acadados. É dicir, nesta ocasión, un órgano destinado a exercer funcións burocráticas actuou coma se desempeñase funcións políticas ao rectificar os acordos acadados por órganos superiores. Dende logo, o cambio realízase co beneplácito destes e dos seus gobernos, mais esta forma de saír ao paso supón unha novidade sen precedentes; nunca antes foron tomadas este tipo de medidas na Unión Europea. En resumo, non só cambiou o resultado das negociacións, ademais utilizaron un método que nada ten de convencional para solucionar o problema, o cal é representativo da urxencia da modificación. Esta velocidade resulta curiosa observando o historial de acordos da Unión Europea, que nestas materias adoita compensar no tempo o que quita aos seus membros mediante dádivas noutras negociacións.

Dende sempre, a toma de contacto para coñecer as diferentes posturas e solicitar o apoio aos intereses propios de forma previa ás negociacións é unha constante na diplomacia. Neste caso, o novo Executivo español incorporouse demasiado tarde a unhas negociacións levadas polo PP, e os seus resultados a piques estiveron de constituír o primeiro fracaso a nivel europeo do PSOE, algo especialmente comprometedor tralo énfase posto por Zapatero en volver ao lado do eixo París/Berlín. Finalmente alcanzouse un acordo que dende os sindicatos agrarios é cualificado coma un mal menor fronte ao texto inicial e que satisface ao Goberno español. Pero é de sinalar que a rapidez e a excepcional forma na que foi correxido o acordo inicial son sintomáticas dunha nova actitude en Europa cara ao Goberno español.