EEUU: A evolución da maquinaria militar

Trala fin da guerra fría, as administracións Reagan e Bush propuxeron unha reducción das forzas da súa maquinaria militar, de xeito lento pero progresivo, mantendo un estado de vixilancia sobre a nova CEI (Comunidade de Estados Independentes) cun papel no escenario internacional aínda dubidoso. A distensión plasmouse no abandono de diversos programas militares como a denominada "Guerra das Galaxias" ou o escudo antimísiles. O abandono destes programas non implica unha reducción substancial do número de forzas, senón o abandono da disuasión nuclear ó faltar un rival neste ámbito. Malia a reducción no número de efectivos, a estructura e organización non variou. Segue rexéndose pola lei Goldwater-Nichols, posterior a Vietnam. Dende entón a estructura permaneceu inalterable malia o fin da guerra fría.

Neste intervalo, intervencións como as guerras do Golfo Pérsico ou Afganistán saldáronse con claras victorias, pero Estados Unidos sufriu derrotas case inexplicables que tiveron gran repercusión entre a súa opinión pública como a experimentada en Somalia. A superioridade tecnolóxica e de potencia de fogo estadounidense perigou por simples guerrilleiros con lanzagranadas RPG. A flexibilidade e axilidade das guerrillas que basean os seus ataques en técnicas de sabotaxe e emboscada resulta insalvable para unha maquinaria bélica de gran capacidade destructiva pero escasa manobrabilidade. O fracaso en Somalia tamén foi político. A opinión pública estadounidense non esquece Vietnam e a morte dos seus soldados en Somalia significou un durísimo golpe para a poboación e toda unha derrota igual á que hoxe senten cada vez que hai un morto estadounidense na ocupación iraquí.

O problema de acadar o respaldo social ás intervencións militares solucionase mediante un control absoluto das imaxes que saen do campo de batalla cara ás televisións. Así nos atopamos cun conflicto cheo de imaxes tomadas dende satélite ou avións que mostran o impacto dos mísiles intelixentes sobre as estructuras e vehículos inimigos. Imaxes afastadas nas que non se pode apreciar o sangue das baixas inimigas durante os bombardeos intensivos a grande altura e onde os avións están fora de perigo a custa da perda de precisión. Uns bombardeos prolongados ata que a debilidade do inimigo garante que a ocupación sexa un paseo militar.

Nun intento por adaptar as súas forzas á realidade dos novos conflictos, o goberno de Clinton foi sen dúbida o que máis esforzos realizou a prol da remodelación do exército coa implantación do "Military Affaire Revolution", o programa "Land Warrior" e a "Médium Brigade" entre outros. Con estes programas alentaba unha remodelación parcial do exército creando unidades ata entón non contempladas no modelo militar estadounidense. Unha mestura de infantería lixeira dotada de altas capacidades de comunicación e novos materiais que lle proporcionan alta resistencia ao fogo inimigo e vehículos de transporte e armas autopropulsadas dotados de capacidade para operar en calquera terreo e baixo calquera condición climática. En definitiva, dotar ós Estados Unidos dunhas unidades que puidesen actuar en calquera lugar do mundo independentemente da súa topografía e clima e cun transporte máis sinxelo, rápido e económico que os impresionantes despregues de armas pesadas que adoitan acompañar as súas intervencións militares.

Isto acada todo o seu sentido nos novos conflictos asimétricos que existen na realidade internacional. Tan só unha fracción das forzas estadounidenses podería poñer en xaque ás anticuadas forzas de moitos países. Serían forzas máis polivalentes, capaces tanto de resistir un ataque do inimigo como de perseguilo posteriormente ou realizar un ataque lóstrego. A implantación destes programas aínda levará varios anos de traballo, a penas hai brigadas operativas que posúan estes medios. Gracias á súa alta flexibilidade estas unidades serían moito máis adecuadas para as funcións que hoxe en día realizan as forzas convencionais en Iraq e noutras operacións internacionais: ocupación militar, control, pacificación e labores policiais.

Nembargantes algúns dos seus militares pensan que ese descomunal poder oculta unha debilidade. Igual que os dinosauros pereceron polo seu tamaño e Roma por non poder soster as súas lexións, as forzas americanas son moi custosas e a pesares da súa superioridade en canto a capacidade, a rixidez das súas unidades supón un perigo en escenarios inestables. Outra gran pregunta que rolda as cabezas dos analistas militares e qué sucedería se un día tiveran que enfrontarse con países máis fortes como China, Rusia ou India con esta estratexia de "cero víctimas americanas". Sospeitan que a implantación destes sistemas podería significar a fin da hexemonía militar norteamericana, pensada e preparada para paseos militares e bombardeos a distancia.