20041203ukraine kiev

Ucraína: a indignación nas rúas

 Clic para aumentar
Resulta moi significativo que mentres nas zonas pro gobernamentais son queimados os símbolos laranxas -a cor desta revolución- e agredidos os partidarios de Yúschenko, en Kíev non hai enfrontamentos. En cambio, hai comprensión con respecto aos partidarios de Yanukóvych que foron mobilizados polas administracións e ameazados con ser despedidos. Abandonados polos organizadores, reciben té quente e ata comida dos partidarios de Yúschenko, quen lles compran as súas bandeiras branco-azúis e as enarboran adornadas con numerosas cintas laranxa.
 

Despois de dez días de confrontación trala segunda volta dos comicios, as partes que se disputan a presidencia de Ucraína, coa mediación de representantes da UE, a OSCE, o Consello de Europa, Polonia, Lituania e Rusia, asinaron unha declaración conxunta o mércores pasado que, lamentábelmente, non ofrece de momento unha solución viábel.

Os asinantes exhortaron a tódalas forzas políticas de Ucraína a contribuír a unha solución da crise política e económica que atravesa o país. Acordaron volver a reunirse despois do veredicto final da Corte Suprema de Ucraína, que está estudiando a queixa do candidato a Presidente, Yúschenko, sobre as falsificacións cometidas durante a votación. Tamén acordaron modificar a Lei que regula a elección do Presidente de Ucraína, iniciar unha reforma política de maior calado e formar, sobre estes principios, un novo Gabinete de Ministros.

O mesmo día, a Rada Suprema, o parlamento de Ucraína, daba o seu visto e prace a unha moción de censura contra o goberno de Yanukóvych que implicaba a súa dimisión. A moción obtivo soamente tres votos mais do mínimo requirido de 226. Un deles foi o do famoso escritor e membro do grupo parlamentario comunista B. Oliynyk, quen para sumarse á evidente vontade popular que esixe desfacerse do actual goberno rachou a disciplina do seu grupo parlamentario que, facendo bloque cos grupos pro gobernamentais, tratan de dificultar os traballos do lexislativo.

A resolución sobre a dimisión do goberno debe ser firmada polo Presidente, pero Kuchma negouse a facelo. Tampouco Yanukovych quixo recoñecer esa decisión. Os dous opóñense a unha repetición da votación porque a estas alturas vese claro que a victoria de Yúschenko sería inapelábel. Kuchma propón a celebración de novas eleccións en 2005 e conta co apoio de Putin, quen así llo fixo saber o xoves último durante una visita lóstrego de Kuchma, a quinta entrevista dos dous estadistas nos dous últimos meses. Putin realizou dúas viaxes a Ucraína inmediatamente ante das dúas votacións manifestando o seu apoio a Yanukóvych e foi o primeiro dos poucos xefes de estado que o felicitaron polo resultado, a pesar de que os datos oficiais nunca foron publicados. Nin hoxe. Putin expresouse abertamente contra a repetición das votacións e expuxo a súa visión de Ucraína: "Segundo o censo demográfico oficial, en Ucraína vive un 17 % de rusos. En realidade son moitos mais. É un país totalmente ruso parlante. Non o dividimos en Oeste e Este", dixo.

É cousa sabida que o Estado ruso pretende ser representante e defensor de todos os rusos, incluídos os rusoparlantes que residen noutros países, e o goberno da Federación Rusa fai uso deste motivo nas súas relacións con eles, ante todo nas antigas repúblicas rusas.

Aínda sendo certo que a comunidade rusa é importante en Ucraína nas rexións orientais e meridionais, onde Yanukóvych contou con certo apoio, e que son en boa medida ruso parlantes, o factor étnico na actual crise reviste pouca importancia, case nula diría. Na capital ucraína, entre os manifestantes hai representantes de todas as rexións e de varias etnias. A razón fundamental da protesta é o desprezo con que o poder tratou a vontade popular, que aventurou nas eleccións presidenciais unha posibilidade de mudar o estado das cousas, pero o poder – para manter as súas posicións intactas – lle impuxo un candidato pouco presentábel e recorreu a un fraude masivo e mais descarado aínda cando se fixo evidente que unha inmensa maioría da sociedade non o aceptaba de maneira ningunha.

Nos seus procedementos, a Corte Suprema constatou falsificacións brutais da lei electoral, dende o uso de papeletas de votación en ausencia que se emitían a un mesmo nome ducias de veces e se utilizaban en diferentes circunscricións, ata discrepancias nos protocolos dos colexios de voto, protocolos selados e asinados, pero sen ningún dato informativo. Un membro da Comisión Central de Escrutinio falou na Corte do funcionamento irregular do sistema automático de información da Comisión no día da votación e que despois de pechados xa tódolos colexios a cantidade de votantes incrementouse nun millón de sufraxios.

Foi esa burda e descarada manobra do poder, violentadora da vontade popular, o que provocou o actual movemento de protesta, nunca visto neste país por masivo e disciplinado. Segundo o alcalde de Kyiv, as accións de protesta non causaron problemas á capital. Incluso a policía capitalina recoñece que a delincuencia decreceu nunha terceira parte dende o comezo das accións de protesta.

Anque moitas veces se comenta que as eleccións dividiron o país en dúas partes – Centro-Oeste e Este-Sur -, a realidade non é esa. Si existe certo apoio a Yanukóvych na parte Este-Sur é ante todo por falta de información contrastada (por exemplo, se insinúa que Yúschenko prohibirá o uso do ruso, cousa que non é certa; ademais Yúschenko mesmo provén dunha rexión oriental) ou por un sentido de solidariedade local e rexional. Soamente por falta de información ou de sentido común se pode prestar atención ós discursos da señora de Yanukóvych, quen se trasladou a Donetsk para explicar que os manifestantes que están reunidos na praza central de Kiev, calzan botas de feltro americanas (calzado utilizado antigamente no inverno en Rusia e nunca visto na praza da Independencia), comen laranxas cargadas de droga e polo frío pillan meninxite. Por si acaso, os médicos de Kíev declararon que descoñecían a aparición de caso algún de meninxite, e o resto de declaracións non merecen ningún comentario anque a televisión pro gobernamental tivo a gracia de transmitir aquel discurso.

O que si é mais grave é un problema que non terá solución en próximos años: no Leste existen vastas áreas que non teñen outra industria que as minas de carbón que dende hai décadas non son rendíbeis. Durante o goberno de Yúschenko se pechaban, e o goberno de Yanukóvych mobilizou recursos para avivar este sector. Os numerosos mineiros recobraron os seus ingresos e a conciencia da súa importancia sen decatarse de que aportan ó orzamento moito menos do que consumen as súas rexións.

E resulta moi significativo que mentres nas zonas pro gobernamentais son queimados os símbolos laranxas -a cor desta revolución- e agredidos os partidarios de Yúschenko, en Kíev non hai enfrontamentos. En cambio, hai comprensión con respecto aos partidarios de Yanukóvych que foron mobilizados polas administracións e ameazados con ser despedidos. Abandonados polos organizadores, reciben té quente e ata comida dos partidarios de Yúschenko, quen lles compran as súas bandeiras branco-azúis e as enarboran adornadas con numerosas cintas laranxa.