Ucraína: nova doutrina militar

O presidente Kuchma ven de instaurar unha nova doutrina militar para Ucraína que substitúe a primeira, adoptada en 1993, en virtude da cal, Kiev proclamaba a súa renuncia ás armas nucleares herdadas da Unión Soviética e o seu desexo de non adherirse a ningún bloque militar.
A nova doutrina parte de novas realidades e contempla a Alianza Atlántica como a base do sistema de seguridade europea, ao tempo que promete seguir empeñado na integración euro-atlántica con vistas á adhesión de Ucraína á propia OTAN e á UE, considerados como obxectivos do proceso. "A OTAN e a Unión Europea son os garantes da seguridade e a estabilidade en Europa", afirma Kuchma.

Ucraína non atisba ningún país como adversario militar e promove o carácter defensivo da doutrina. As principais ameazas exteriores para Kiev, segundo enfatizou Kuchma, son a proliferación de armas de exterminio en masa, a posibilidade de verse involucrada en contendas con outros Estados, inestabilidade militar e política e conflictos en países veciños, a non conclusión do proceso de formalización legal e contractual da fronteira nacional.
Igualmente se sinalan ameazas militares interiores, entre as que cómpre salientar as actividades ilegais de organizacións extremista e os intentos de creación de grupos terroristas, así como a reducción perigosa do nivel de abastecemento do exército ucraíno e a acumulación de material bélico obsoleto.

Poucos días antes, Kuchma dixo que "con respecto ao acceso á OTAN, creo que estamos ao mesmo nivel que coa Unión Europea. Na actualidade non estamos preparados para dicir "sí". Anque se ven poucas alternativas para a integración euro-atlántica de Ucraína, o proceso real tropeza con moitos obstáculos que xorden de ambos lados.

O pasado 11 de xuño, a Administración Presidencial cualificou de interferencia en asuntos internos de Ucraína o comunicado emitido pola Asemblea Parlamentaria reunida en Bratislava. Nese documento se exhorta a Ucraína para que asegure o carácter libre, xusto e transparente das eleccións presidenciais a celebrarse en outono próximo y se di que Kuchma debe retirarse cando en outubro expire o seu segundo mandato como Presidente.

Os aliados occidentais de Ucraína non teñen moita confianza en Kuchma, quen parece estar involucrado en varios escándalos políticos, entre elles o provocado polo asasinato dun periodista que publicou datos sobre falsificacións e outras irregularidades cometidas durante os comicios. Altos funcionarios da Alianza manifestaron en moitas ocasións a súa preocupación polas insuficiencias do proceso democrático en Ucraína.

Entre os membros da OTAN, Ucraína parece contar para a súa adhesión unicamente co apoio de Polonia, EEUU e Turquía. Tamén poderían apoiala os países bálticos e probablemente Inglaterra e Romanía. O resto, incluídas Alemaña e Francia, non se imaxinan polo de agora a Ucraína como candidato a ser membro de la Alianza.

Así mesmo debe terse en conta a reacción negativa da Federación Rusa con respecto á extensión da Alianza cara o Leste. É un factor que pesa moito tanto en Kiev como en todos aqueles que toman decisións na OTAN.

En igual sentido se pronuncian altos funcionarios europeos. O pasado 10 de xuño, Verheugen sinalou que a adhesión de Ucraína non está contemplada na axenda de Bruselas. A Unión soamente pode ofrecer a Ucraína a "política de veciñanza" sen prometer nada co que non puidesemos cumprir a corto prazo, dixo.