Uribe en Europa: unha visita con reservas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai unha semana, Javier Solana e Álvaro Uribe asistiron a un acto no que os responsables da Oficina Europea de Policía (Europol) e da policía colombiana asinaron un acordo de cooperación contra o crime organizado.

Este encontro formou parte da xira europea do Presidente de Colombia, quen visitou, entre outros lugares, Bruxelas e Estrasburgo para presentarse ante varios órganos da Unión Europea. O presidente viu a reiterar a súa mensaxe de tolerancia ‘cero’ co terrorismo.

Dende hai dous anos, cando fracasaron as negociacións do goberno anterior coas FARC (Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia), mudou a estratexia oficial para enfrontar o conflicto. A actual política de Álvaro Uribe está alineada con Estados Unidos, intentando recuperar a autoridade sobre o conxunto do territorio a través da forza, e o "Plan Colombia", a estratexia favorecida por parte de EEUU, baseada na militarización do conflicto, se presenta como a principal opción.

¿Dispón Europa dunha posición específica ante o conflicto colombiano? ¿Ou a receita consiste, tamén aquí, como en Iraq, en máis do mesmo: o silencio como resposta? O presidente da Comisión Europea, Romano Prodi; o comisario de Comercio, Pascal Lamy; e o comisario de Relacións Exteriores, Chris Patten, criticaron a política de Álvaro Uribe, sobre todo a lexislación antiterrorista que outorga poderes xudiciais aos militares.

Esas diferencias poderían ter pesado no feito de que a Comisión Europea non concretase a axuda comercial para Colombia trala reunión con Álvaro Uribe. Non fixaron nin data nin lugar para celebrar unha conferencia de donantes. E respecto a un acordo entre a Comunidade Andina de Nacións (CAN) e a UE, o comisario Lamy explicou que estes países primeiro deberían afondar na súa integración rexional para poder despois atraer aos inversores europeos.

No Parlamento europeo, anque o presidente da Cámara, Pat Cox, deulle a benvida ao presidente Uribe, quedou claro que para resolver o conflicto civil resultaba imprescindible afondar na democratización do Estado, o respecto aos dereitos humanos e o asentamento dun Estado de dereito. Varios deputados, sobre todo os de esquerda e os verdes, non asistiron á sesión para demostrar máis enerxicamente a súa protesta. Álvaro Uribe debeu defender a súa política ante un auditorio medio baleiro do Parlamento europeo.

Existe unha gran preocupación na Unión pola política de Uribe e as medidas a aplicar para afrontar os problemas causados pola desigualdade social, sobre todo a violencia contra a sociedade civil, a corrupción nos ámbitos institucionais e políticos e a producción e o tráfico de drogas.

Algúns analistas incluso dubidan se, falando de Colombia, se pode falar dun estado. Segundo Max Weber o monopolio do uso da forza é o factor máis importante para poder falar da existencia dun estado. E en moitas partes do territorio colombiano este poder gobernamental está moi limitado ou é practicamente inexistente. Todos estes factores impiden aos colombianos establecer un sistema social e democrático no que poidan confiar.

Anque o enfoque do actual goberno colombiano e do seu aliado e donante número un, os EEUU, está baseado en sinalar o narcotráfico como causa do conflicto, está claro, que este conflicto require respostas sociais, económicas e políticas.

„Make peace profitable": O narcotráfico sigue sendo o mellor negocio dentro da economía colombiana. Para resolver o conflicto, cómpre desenvolver alternativas para substituír este negocio e así acabar coa violencia causada pola súa producción e distribución. Ata agora a Unión limita a súa axuda ao sector humanitario, pero a política restrictiva da Unión Europea respecto ao sector agrícola impide á economía colombiana, e a moitos países latinoamericanos, consolidar un negocio rendible a partir da comercialización dos seus productos agrarios.

Ademais, hai que reducir a demanda da droga, non soamente en Estados Unidos senón tamén en Europa, porque mentres exista esta demanda, producción e tráfico de drogas seguirán sendo un sector moi importante da economía colombiana, o recoñezan ou non en Bogotá.

A Comisión e o Parlamento Europeo fixeron saber a Uribe que a súa percepción do conflicto colombiano e a aposta polo desenvolvemento da paz non significa automaticamente o respaldo dunha política de forza. Outra cousa é, claro está, a posición dos gobernos europeos: tamén nesto, mentres uns se alinean con Uribe e a súa política -caso de España-, outros respaldan as teses oficiais da Unión. Pero dúas palabras diferentes ante un mesmo problema volven a poñer en tela de xuízo a fortaleza das posicións europeas. Bruxelas pode poñer máis ou menos diñeiro -o que busca Uribe- para conter o conflicto, pero non así algo de claridade estratéxica que o respalde.