Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Fox acosado polas críticas
Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 07/09/2004)
 
 

México, un país fronteira. Paradigma do monopolio partidario no poder en democracia. Ate hai catro anos. O ascenso do poder do PAN non deixou a ninguén indiferente. Un home de empresa, formado no universo Coca-Cola, prometía cambios na cultura política e novos retos no plano económico. Sen embargo, a crispación política do país fíxose patente o pasado 1 de setembro na lectura do IV Informe de Xestión no Congreso. Fox está a vivir o seu K 2 particular. O enfriamento da súa popularidade entre os sectores que lle deron a súa confianza pode aillalo e retiralo da política. Porén, a definición dunha nova estratexia será clave para realiñar as futuras bolsas electorais.

“Invito a todas as partes a que fagamos unha tregua, rempréndamos o diálogo”; con estas palabras o presidente Fox recoñecía un enfrontamento político cada vez máis patente en todos os escenarios. No Congreso e nas rúas. A dous anos dunha nova convocatoria electoral, o mandato de Vicente Fox reflicte as contradiccións nas que a sociedade mexicana se ve inmersa. O cambio que supuxo a chegada do poder do PAN foi unha flor dun cactus. Unha política económica e social con espiñas.

Nembargantes, o discurso esquemático, en positivo, do que significou a xestión do PAN para México e para a historia da democracia no país, contrasta co recoñecemento aberto das dificultades no proceso. Así din: “o cambio político amosa aínda carencias importantes. Unha das máis importantes é que a comunicación entre os poderes lexislativo e executivo non sexa tan fluída como demandan nestes tempos”.

Os eixes temáticos do informe son unha boa radiografía dos retos e dos relativos logros do executivo federal. Non é casual que comece co tema da seguridade e do estado de Dereito. Un dos puntos febles do seu futuro rival, López Obrador, de Distrito Federal, é este. E sábeno. Sen embargo, a campaña para deslexitimar ao líder do PRD estase a votar contra él. De aí que unha reordenación da estructura federal, que se analizou na Convención Nacional Facendaria, sexa fundamental para o equilibrio entre diferentes administracións, cando a actual con dos partidos ao fronte dos estados, non é o que o PAN desexara.

Cunha política que favoreceu o investimento de capital estranxeiro no país, e como recoñece “é a máis alta da historia nun período de catro anos”, Fox apostou por unha liberalización da economía. A privatización do sector enerxético é outro dos eidos polémicos entre os diferentes partidos con representación no goberno federal.

En relación á política migratoria, a creación do Instituto dos Mexicanos no Exterior e a iniciativa da reforma electoral para o recoñecemento do voto aos mexicanos ao exterior, son propostas interesantes e que poden axudar a reformular tensións. A negociación do caso das balas de goma e o intento de controlar ás remesas por parte das autoridades estadounidense, son un bo exemplo das dificultade do goberno Fox á hora de defender aos cidadáns do seu país e velar polos seus dereitos.

O 2004 foi un ano de sombras para Fox. Un dos puntos álxidos desta crise política foi a reforma, aprobada no mes de agosto, da Lei do Seguro Social. Máis de doce millóns de traballadores e traballadoras do Instituto Mexicano do Seguro Social, afectados no réxime de pensións e xubilacións. A procura “dunha viabilidade financeira deste organismo” foi o argumento que motivou un cambio sen precedentes no país. A resposta de sindicatos, partidos, etc., foi unánime. Chamada a paros coincidindo coa rendición de contas do presidente e manifestacións polo Paseo da Reforma que remataban nunha concentración na Praza do Zócalo.

Agora ben, esta crise política é unha nova oportunidade para o goberno e para a oposición. Analizar as causas do enfrontamento e asumir erros, por un lado, e o reagrupamento das voces desconformes polo outro, pode favorecer unha victoria a medio prazo. O comezo dun novo curso político obriga a recuperar temas antigos. A seguridade, a pobreza, a corrupción, seguirán a ser algún dos temas transversais da axenda política mexicana.

Os trascendentais cambios políticos en países como Brasil e Venezuela, son un novo foco de atención para analistas e para o tecido empresarial en todo o mundo. O que vaia acontecer en México dependerá en boa medida no modo no que se solucionen os conflictos e no consenso na aprobación de reformas estructurais. Polo momento, cun goberno máis preocupado na sinatura de tratados de libre comercio que na posta en práctica de proxectos que sexan máis efectivos que os de Programas 3 por Un ou Oportunidades, está a crear as condicións para un novo cambio no liderazgo político en México.

 
 

Iria Alonso Casares é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2004
Fernando Pol