Un par de apuntes sobre a Constitución afgana

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Como cando Genghis Khan cruzaba as chairas, neboas e claros; a estratexia definida nos Acordos de Bonn consolídase no aspecto formal ao seren aprobada a primeira Constitución afgana do século XXI. O 4 de xaneiro a Loya Jirga daba o respaldo consensuado, como indica a BBC, ao modelo normativo que vai rexir as institucións, o goberno, etc. Agora ben, a Constitución nace no seo dun goberno provisional liderado por Hamid Karzai, aliado de talibáns e colaboracionista dos EUA. A convocatoria de eleccións libres será a derradeira fase do proceso de transición que se establecía no diseño de Bonn. Toda Constitución é unha declaración normativa sobre a que se rixen todas as leis. Porén, que consecuencias inmediatas e que aspectos desta Constitución van repercutir na sociedade e mais concretamente nas mulleres? Será este o texto definitivo, que grado de intencionalidade se adiviña nas disposicións para fomentar cambios a posteriori?

Certamente, antes de comezar a analizar os puntos anteriores é fundamental deterse no seguinte. En primeiro lugar, na historia contemporánea afgana cinco foron as Constitucións vixentes: 1923, 1963, 1976, 1987 e 1990. Todas son o reflexo de diferentes reximes políticos, eis inestabilidade e confrontación social. Asemade, a composición da Loya Jirga: onde están presentes 400 homes e 100 mulleres con competencias exlusivas na que destaca á aprobación dunha Constitución, asumiu con valentía exercer esta potestade. O 3 de novembro presentabase un borrador. Comezaba deste xeito a deliberación, tan habermasiana. Pashtúns, tajiks, hazaras, uzbeks, os refuxiados, os nómadas, os académicos, as institucións culturais, as organizacións sociais, o eido relixioso e as mullleres aprobaron o texto, mais non sen antes pronunciar as súas dúbidas ou negativas.

En consecuencia, cinco son os eixos a salientar nesta nova Constitución afgana. En primeiro lugar, no referido á relixión, Afganistán é definida como unha república islámica no artigo 2 do capítulo 1: a relixión de Afganistán é a relixión sagrada do Islam; no artigo 3 recoñécese a libertade de culto: os seguidores doutras relixións serán libres para celebrar as súas ceremonias relixiosas dentro das previsións legais. Aínda que en nengún momento se menciona a Shari’ah é unha debilidade existente.

Outro aspecto de suma importancia é o que recolle o establecemento dun modelo presidencialista forte, como se menciona no capítulo terceiro e no que no artigo 64 se recollen todas as potestades; xa no debate previo á aprobación da Constitución este punto suscitou o 17 de decembro de 2003 un altercado protagonizado por Malalai Joya, muller que criticou dun xeito aberto a elección dun modelo presidencialista, no que un seguidista das doctrinas americanas ía ter demasiado poder nas súas mans.

En terceiro lugar, o establecemento dunha sociedade de dereito no referido á cuestións como libertade de expresión, de prensa, presunción de inocencia, prohibición das torturas, etc, e a independencia do poder xudicial; en cuarto lugar, recoñécense dúas linguas oficiais: o pachtu e o dari, así como a consideración de linguas oficiais ás linguas minoritarias como por exemplo o uzbeka. Así se recolle no artigo 16 do capítulo primeiro e no artigo 43 do capítulo segundo: recoñécese que o estado tamén dará a oportunidades de ensinar linguas nativas nas áreas onde se falen.

Un dos problemas máis graves durante o goberno talibán, foi a perda de dereitos para as mulleres; sen embargo, na Constitución do 4 de xaneiro as mulleres aparecen mencionadas como tales por primeira vez no artigo 44 do capítulo segundo: o estado implementará programas efectivos para equilibrar e promover a educación das mulleres, mellorando a educación dos nómadas e a eliminación do anafalbetismo no país; e no artigo 83 do capítulo quinto: alo menos unha muller delegada será elexida por cada provincia. É pertinente lembrar, que en abril do 2003, xa se celebrara un seminario auspiciado pola ONU, baixo o lema: A muller e a reforma constitucional en Kabul. Mais a definición vaga do termo de cidadán do artigo 4, no capítulo primeiro pode provocar diferentes interpretacións e non recoñecer as mulleres como tales. Certos grupos de mulleres manifestan que estas lagoas conceptuais non deberan de existir, tal como recolle a páxina web da Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios en Afganistán.

A inclusión e o recoñecemento destes principios xerais normativos supoñen un relativo avance, pero considerable no tratamento das minorías e das mulleres. É imprescindible que se regule respetandóos. A dotación dun listado sustancial de competencias ao presidente, lonxe de favorecer a estabilidade, contribúe a xerar desconfiaza entre os membros da sociedade afgana. No tocante as mulleres, é fundamental crear unha dotación orzamentaria para os Asuntos das mulleres e facer posible e efectiva a Constitución e que se contemple no Código Civil como salienta o Borrador vivo de Mulleres vivindo baixo leis musulmanas, quen solicitan que deberá invalidarse calquera lei, incluindo o Código Civil, que vulnere á Constitución.

Coa aprobación da Constitución o proceso de transición en Afganistán é xa imparable, unha realidade que inspira certa continuidade co rexime anterior evidenciado no actual Presidente e nalgunhas declaracións dos seus ministros, quen teñen a un pequeno sector da sociedade internacional pendiente dos seus movementos. Tanto a natureza islámica do estado afgano como os dereitos e libertades recollidos na Constitución son dous aspectos inamovíbeis, sen embargo a laxitude de certos aspectos é considerable. O seguinte chanzo na escaleira democrática pende dun fío, nun país onde a sociedade civil presenta elevados índices de analfabetismo, sobre todo entre as mulleres, a dúbida que se formula aquí é a da posibilidade de celebrar eleccións dentro do prazo dos seis meses citado no artigo 157 do capítulo décimosegundo, cando ate o de agora o número de votantes censados era insuficiente. A inexistencia dunha lei electoral, a ineficaz campaña informativa para a inscripción no censo electoral é un boceto das intencións para ter baixo control os resultados, facéndose evidente a falta de interese real en crear dinámicas e apostar por unha dimensión educativa da democracia que debe traspasar as fronteiras da Loya Jirga e dos notables para inundar a todos os sectores sociais.