A incombustible inoperancia da ortodoxia Lula

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Nada peor que un acelerado período preelectoral para tomar, con tranquilidade, o pulso dun país como Brasil. Pero a tensión arterial do xigante sudamericano é tan feble que síntomas de recuperación esfúmanse. O ortodoxo rumbo da política económica trazado polo ministro Antonio Palocci, e o presidente del Banco Central, Henrique Meirelles, resulta inoperante. O dólar encareceuse no Brasil nun 6,25% na semana pasada e chegou a 3,06. A Bolsa de Sao Paulo rexistrou unha caída do 16,3% nos últimos 30 días. E o risco-país aumentou nun 89,6% dende o 9 de xaneiro. Debilidade parlamentaria e fracturas internas ameazan a incombustible popularidade de Lula.

O pobo acredita en Lula…, o pobo continua a acreditar en Lula…, mais a paciencia ten un límite. Así explican os analistas a alta porcentaxe de confianza no Presidente, que detectan as enquisas. En nada se parecen ao suspenso que lle outorgan ao seu goberno. Pasado case ano e medio, dende a toma de posesión do Presidente do Brasil, as expectativas levan camiño de acabar nunha nova frustración, á que o pobo se resiste, e prefire prorrogar o tempo de credibilidade do seu presidente.

No mes de outubro, nas eleccións municipais, están postas as grandes expectativas de todos os partidos: para consolidarse no goberno ou como alternativa na oposición. As derrotas nas Asembleas Lexislativas, a deslealdade dos actuais socios parlamentarios e as fracturas nas bases nas que engorda o número de deputados rebeldes que non entenden un duro programa económico, propio de gobernos situados máis á dereita no espectro político… debuxan un inequívoco escenario de crise.

A operación de acoso e derribo á que foi sometido o José Dirceu, encontra agora sentido, poucos meses despois de que o ministro da Casa Civil sobrevivise ao naufraxio dos seus colaboradores implicados na trama corrupta do Jogo do bicho carioca, na etapa pregobernamental. Dirceu representa a cara da outra ortodoxia.

Mentres, Lula e Palocci semellan posesos do síndrome da austeridade, esmagados polo peso da débeda externa e entregados na tarefa de cumprir os seus compromisos internacionais, enfeitizados do mesmo síndrome que levou a inanición da economía arxentina nos tempos de De la Rúa… Pola contra, Dirceu non ten reparo en recoñecer que o Brasil está no medio dun vendaval financeiro, para a continuación reclamar a suficiente audacia para unha viraxe económica que faga retomar o crecemento económico. Concordante análise coa doutro ministro de Lula, o de Planificación, Guido Mántega, quen admitiu que o Brasil "quizais se convertese no primeiro epicentro da crise financeira".

Ao tempo, a vida parlamentaria brasileira semella formar parte da fábula do mundo ao revés. O goberno de esquerdas defende con unllas e dentes un salario mínimo que se eleve moderadamente dos 240 reais ata os 260; os moderados socialdemócratas do PSDB cren que existe marxe para ser audaces e chegar ata os 275, e os díscolos rebeldes que habitan na propia casa do PT non queren pasar por menos dos 300 Reais, ameazando con deixar o partido.

A esperanza que venceu o medo non atopa argumentos para xustificar a consolidación de Lula na presidencia do Brasil, pero o Presidente aínda atopa compresión nun electorado que precisa crer en algo ou en alguén. Se aferran a Lula como se fose a última esperanza para non retornar ao medo.