“O Bicho” causa insomnio en Lula

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O popular "Xogo do Bicho", tan ilegal como masivo, que ten como centro da súa actividade ao Río de Janeiro, ven de inxectar a súa nociva dose de corrupción na man dereita do Presidente Lula, o ministro da Casa Civil José Dirceu. A peza clave da estructura do Goberno foi duramente golpeada ao descubrirse, que un dos seus máis directos colaboradores, Waldomiro Diniz, cando ostentaba o cargo de presidente da Lotería Oficial de Río de Janeiro, pediu diñeiro tanto para o partido como para o seu peto privado, a Carlos Augusto Ramos, alcumado como Carlinhos Cachoeira, un dos magnates da quiniela ilegal "o xogo do bicho". José Dirceu é unha das trabes angulares que sustentan o conglomerado ideolóxico do PT. O escándalo que causa insomnio en Lula, non é casual, senón que responde a un poderoso xogo de intereses político-económicos.

Os catrocentos mil turistas que nestes días visitan Río de Janeiro, non poderían gozar da vistosidade e luxo do carnaval carioca, se o popular xogo do bicho non alimentase, e consolidase co seu poderío económico, a gran festa do sambódromo.

Coñecido popularmente como bicho, por utilizar inicialmente as imaxes dos animais do zoolóxico, move boa parte dos fíos máis escuros da vida política e económica do estado. Ninguén en Río descoñece o ilegal xogo do bicho, ninguén en Río se atreveu a acabar co bicho. O monstro que ten moi pouco de clandestino, a pesares de ser ilegal, é demasiado grande e perigoso como para atreverse a enfrontarse a el, sen resultar ferido. Máis ben é utilizado como panca e motor para o financiamento adicional de proxectos políticos.

Por iso que, a poucos meses das eleccións estaduais e municipais, salte unha crise por corrupcións cometidas antes da chegada de Lula da Silva ao Planalto, require dun análise máis atinado.

O escándalo saiu á luz pública no xornal O Globo, mergullado nunha descomunal crise económica, un xornal co que o entorno do Goberno de Lula tiña establecido pontes para evitar a súa mutua hostilidade. Estoupa cando o presidente Lula aínda conserva unha popularidade do 60%, por máis que a súa acción de goberno, nun ano de durísimo e ortodoxo axuste, xa non enfeitice aos brasileiros.

José Dirceu, representa o outro piar no que se sustenta Lula, antagónico do poderoso Antonio Palocci, ministro que manexou a economía tapando os ollos para non ver as bases do PT, tapiando os seu oídos, para non escoitar as crispadas voces do sectores máis esquerdistas que se laiaban porque a clase traballadora tiña perdido emprego e capacidade adquisitiva durante o 2003. Era o prezo que Lula estivo disposto a pagar, para gañar a confianza internacional, para resultar apetecible para os investidores estranxeiros e controlar o desbocado déficit do Brasil. A única política posible, dice o ex-metalúrxico.

Son moitos os analistas que consideran ao temperamental, José Dirceu, como o mago que transformou a Luíz Inacio da Silva, nun presidente crible, e ao PT, nun partido que venceu o medo dos brasileiros a confiar na súa capacidade de gobernar.

Conseguiu que as bases comulgasen con José Alencar, un vicepresidente que chega dende o Partido Liberal, contribuíu a limar as arestas de Lula, foi peza decisiva na reforma da previdencia (Pensións), contribuíu a dar estabilidade parlamentaria ao goberno poñendo a alfombra a un pacto co centrista PMDB (Partido do Movemento Democrático do Brasil), tivo a habilidade de conseguir unha prórroga entre as bases para deixar que os froitos da política de Palocci puidesen empezar a albiscarse, tal como predicen tanto o FMI como a CEPAL.

A pesares de que o goberno Lula tentou fulminar calquera sospeita cun inmediato decreto que prohibía bingos e maquinas tragamoedas en todo el país, para deixar claro que non estaba atado, nin afogado polos poderosos capos do xogo legal e ilegal, existen moitas sombras sobre o financiamento dos partidos, tamén do PT, e non precisamente recentes algunhas delas. Carliños Cachoeira, xa gañara a licitación do xogo legal e oficial en Río Grande do Sur, no ano 2001, durante o mandato de Olivio Dutra, actual Ministro para as cidades. A posterior revocación da concesión non apagou as brasas da sospeita de financiamento ilegal do partido.

Unha vez comprobado que o inmediato cesamento de Waldomiro Diniz, non conseguiu sufocar o lume do escándalo, dende as inmediacións do Palacio presidencial anuncian que van a protexerse do incendio, prendendo outro incendio, un contralume que funcione como cortafogos. Denuncian que non é casual a difusión da noticia, agora que os datos económicos xa empezan a cadrar, agora que o presidente ten recoñecido o papel de líder rexional, agora que xa están á vista as eleccións municipais e estaduais. O Presidente do PT, José Jenoino advertiu a José Serra líder do PSDB -partido no me milita o anterior presidente Fernando Henrique Cardoso-, quen agora esta a sopesar o feito de presentarse ás eleccións na cidade de Sao Paulo como plataforma na que saltar ás presidenciais, que no PT están en condicións de desvelar as fontes de financiamento do PSDB, e das xenerosas contribucións recibidas, que están a procurar as probas. Sinanou Jenoino que pronto estarán en condicións de facelas públicas.

Por unha vez os do PT ollan con entusiasmo cara a consultora JP Morgan, entidade que a pesares de ter caído o real nun 2,2 % e a bolsa de Sao Paulo nun 5%, segue a animar aos investidores estranxeiros a comprar bonos do estado no Brasil. ¿Será este o augurio de que a tormenta xa vai de resto? ¿Poderá Lula recuperarse do seu insomnio?