Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
O presidente boliviano sae reforzado tras do confuso referendo do Gas
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 20/07/2004)
 
 

Do maioritario si outorgado ás cinco confusas preguntas do referendo boliviano sobre o Gas, só tres cousas extraenerxéticas están claras: 1.- O Presidente Mesa tivo un resultado a pedir de boca. 2.- O líder opositor, Evo Morales, confirmouse como alternativa moderada. 3.- A oposición máis radical fracasou no seu intento de boicotear a consulta. O diáfano resultado das ambiguas formulacións das preguntas, permitiría tanto nacionalizar, como proseguir a explotación das empresas estranxeiras. Mesa, escollerá o camiño do medio.

Cando o 17 de outubro o daquela vicepresidente ocupou a cadeira de brazos presidencial, que deixara vacante Gonzalo Sánchez de Losada, popularmente coñecido como Goni, tivo antes que pactar coa oposición unha axenda para o seu mandato, na que se incluían dous puntos esenciais: un referendo sobre a xestión dos hidrocarburos bolivianos e unha asemblea constituínte antes de rematar o primeiro semestre do 2005.

Carlos Mesa, foi presidente non electo, tras daquela Guerra do Gas na que os bolivianos se alzaran masivamente contra a decisión do seu antecesor de outorgar concesións de explotacións gasíferas por 40 anos a empresas maioritariamente norteamericanas, que recalarían en portos chilenos para a carga do combustible. Este feito colateral levantou do seu letargo secular á pantasma da perda da saída ao mar de Bolivia, pechada polas armas dos seus veciños chilenos.

Na nova xeopolítica mundial de mercados abertos, bloques comerciais integrados, de fronteiras permeábeis... as saídas ao mar perderon todo o seu valor estratéxico, pero na conciencia colectiva boliviana quedou como unha ferida que lonxe de curar, co tempo, non fai máis que grangrenarse.

Pola mecha da perda da saída ao mar, activouse a Guerra do Gas, da que saíu chamuscado Sánchez de Lozada deixando un baleiro que ocupou Carlos Mesa no gobernamental Palacio del Quemado.

O referendo do día 18 pretendeu ser o extintor que acabase coas últimas brasas daquel conflicto que acabou coa vida de 56 persoas, víctimas dunha cruel represión.

O hábil e intelixente manexo dos medios de comunicación que posúe o antigo xornalista ilustrado Carlos Mesa, permítelle aboiar entre múltiple conflictos cruzados no país máis pobre de Sudamérica. Antagonismos culturais, desencontros étnicos, pugnas rexionais, complexidade social, pobreza extrema... tensionan ao país de forma crecente. Entre tanta convulsión, sen partido político no que sustentarse, Mesa ten sabido aboiar na pertinaz tempestade boliviana.

Sabedor de que o 82% do electorado é partidario da nacionalización do Gas, redactou as preguntas 1 e 2 nas que non se propugna a estatalización das empresas, senón nas que se censuraba as privatizacións de Lozada ou nas que se podería deducir a maior intervención do estado, pero sen que iso significase liquidar explotación privada, na que son líderes a brasileira Petrobras e a franco-belga Total.

Logo do referendo, se abre unha vía para negociar coas empresas privadas a continuidade das explotacións a cambio de aumentar os seus tributos, progresivamente, pasando dos 450 millóns de dólares anuais, ate os 1.500, no prazo de oito anos. O Presidente reforzará a empresa nacional residual YPFB (Yacimientos Petrolíferos Fiscales Bolivianos), pero procurará non ter que pagar a voluminosa indemnización que a rescisión dos contratos asinados coas empresas multinacionais implicaría. Resarcilas, segundo as diferentes estimacións, cunha cifra entre 3.500 e 5.000 millóns de dólares, é unha fantasía quimérica para un país cunha renda per cápita que non supera os 1.000 dólares anuais.

O outrora radical e agora posibilista Evo Morales, considera que Bolivia non está obrigada a tal resarcimento xa que os 78 contratos asinados con 20 empresas petroleiras non foron ratificados polo parlamento e, por tanto, son ilegais, fraudulentos e inconstitucionais. Residuos de radicalismo para un líder que aspira a disputarlle a Carlos Mesa a cadeira de brazos presidencial, seguindo a estela da transformación de Lula.

Durante a contenda do referendo, Evo Morales foi o branco favorito das iras saídas das antigas filas aliadas dos indíxenas aymaras ou da central obreira boliviana, da que foi expulsado por apoiar a convocatoria do referendo e promover o sí para as tres primeiras preguntas. Traidor! Vende patrias! Referendista!... foron algúns dos cualificativos cos que foi obsequiado por líderes que ata hai pouco formaban parte da base social que o levou a disputar a presidencia do país, con resultados espectaculares.

Evo Morales tamén saíu gañando o día 18, ao desacreditarse nas urnas as posturas boicoteadoras do referendo.

O camiño das presidenciais está xa despexado para os dous líderes. Mesa, para manexar o respaldo acadado no referendo, e Morales para erixirse na voz dos pobres dende posicións institucionais e abríndose progresivamente ás clases medias.

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2004
Fernando Pol