Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Venezuela merece outra oposición
Saber perder, saber gañar

Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 31/08/2004)
 
 

Dez días despois da RR (Referendo revogatorio), a teleoposición venezolana continúa sen dixerir uns resultados, que xa coñecían por anticipado nas enquisas. Non teñen aportado ningunha proba do suposto fraude, só esgrimen coincidencias estatísticas que consideran improbábeis ou irregulares. Se atreven a considerar ilexítimo ao presidente Chávez e arremeten contra a comunidade internacional. Os máis de 400 observadores estranxeiros pasaron en 24 horas de ser os grandes desexados a ser os odiados, por refrendar, unanimamente, os resultados oficiais do Consello Nacional Electoral.

Jimmy Carter nunca esquecerá aquel día de agosto cando foi caceroleado no Restaurante Limoncello, luxoso barrrio do Rosal, no leste da cidade, xusto despois de ter avalado os resultados do CNE. Tampouco lle será fácil a César Gaviria esquecer os apoupos que recibiu ás portas do Hotel Tamanaco. Nin o actor Fernando Carrillo esquecer como foi asediado e agredido por igual motivo.

Asdrúbal Aguiar, voceiro da oposición aglutianada ao redor da Coordinadora Democrática, tiña anunciado que só recoñecerían os resultados si eran avalados polo Centro Carter e a Misión de observadores da OEA. Entre ambas entidades sumaban máis de 130 observadores que estiveron distribuídos polos oitos estados de maior poboación de Venezuela. O luns 16, cando ambas entidades anunciaron a coincidencia dos seus propios estudios aportados polo reconteo rápido, en mesas estatísticamente escollidas por representativas das primeiras papeletas nas mesas xa escrutadas, acabaron con boa parte dos argumentos e credibilidade da oposición.

Aínda así, para poder disipar as persistentes dúbidas, o CNE, o Centro Carter e a OEA, aceptaron a proposta da Coordinadora Democrática de comprobar a coincidencia entre os resultados das votacións electrónicas e os das papeletas físicas, con códigos encriptados e únicos. Nun sorteo público, aberto a todos os observadores, aplicaron o programa Pascal para designar aleatoriamente 150 mesas e 350 máquinas de votación. Entre elas estaban alomenos dúas mesas nas que se tiñan denunciado irregularidades. Nun traballo impecábel, os observadores decidiron pernoctar nos lugares nos que estaba o material a auditar, tal como anunciou Jennifer McCoy, voceira do Centro Carter.

Os resultados da proba volveron a dar os memos resultados. César Gaviria, protagonista de grandes desencontros co goberno de Hugo Chávez, declaraba: "a proba aleatoria, permitiu avaliar o proceso na súa totalidade e despexar as dúbidas plantexadas pola oposición". As palabras de McCoy foron na mesma dirección: "A auditoría debería ter detectado as supostas anomalías denunciadas pola oposición, e non detectou nada. Non se atopou ningún patrón a favor o en contra de ningunha das opcións".

Tampouco este novo teste de fiabilidade electoral foi aceptado pola Coordinadora Democrática. ¿Por qué?...

Non é fácil atopar respostas coherentes e responsábeis para esta actuación, pero algunhas pistas comezan a aflorar. En primeiro lugar, ninguén está disposto a asumir os tremendos custes dunha severa derrota, a un mes das eleccións nos municipios e nos estados. A frustración que revelan os rostros do 40% dos venezolanos que confiaban, cunha tremenda ilusión, na Coordinadora para desaloxar a Chávez, pode transformarse en desánimo, en futuros abstencionistas, ou en esixencia de responsabilidades pola derrota aos dirixentes da coordinadora.

O 15 de agosto, Hugo Chávez traspasou o incerto labirinto do Chavismo, cara á oposición na que comezan a evidenciarse gretas abertas, que nin os chamamentos desesperados á unidade conseguen tapar.

Declaracións como as do ex-gobernador do Estado de Carabobo e o fundador de Proxecto Venezuela, Enrique Salas Römer, nas que o 24 de agosto afirmou: "O pobo votou si e a comunidade internacional, votou no...o Presidente Chávez pretende seguir sendo presidente non pola forza da vontade popular, senón pola forza dun demo de intereses internacionais..." son xa abertamente criticadas nalgúns xornais, ata agora herméticos a calquera crítica á Coordinadora.

Só profundo o escuro labirinto no que está inmersa a oposición pode explicar a aparición pública de declaracións de importantes dirixentes da oposición nas que propoñen alternativas tan audaces como fugaces: mobilizacións na rúa, non entregar o poder nas próximas eleccións locais, non participar nos próximos comicios, non aceptar o resultado do RR, etc...

Se aproximan novos tempos, novos cambios nas programacións das cadeas televisivas, novos dirixentes opositores e novas estratexias políticas.

Máis do 40% dos venezolanos, que non confían en Chávez, merecen unha oposición que non fracture, teñen dereito a unha oposición que constrúa, que saiba perder, sabendo que ten un importantísimo apoio electoral. ¿Será isto posible cos actuais dirixentes? Esta é unha das grandes incógnitas que deixa o RR. A outra é saber se Chávez sabe gañar.

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/08/2004
Fernando Pol