Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
San Martín&Bolívar por Petroamérica
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 27/07/2004)
 
 

Kirchner e Chávez selaron co abrazo de Margarita a alianza arxentino-venezolana que tanto preocupa ao norte do Río Grande. Asinaron acordos en materia financeira, naval, enerxética e empresarial e manifestaron gratitude mutua. Diante da inminente consulta electoral, a presencia de Kirchner entendeuse como un apoio ao proceso político bolivariano.

Cincocentas empresas participaron na illa de Margarita na rolda de negocios entre empresas arxentinas e venezolanas. No encontro ao que se achegaron 145 provenientes do país austral, se asinaron acordos económicos privados por un total de 80 millóns de dólares. Tamén no 2005, Arxentina comprará fuel oil venezolano. En reciprocidade, barcos de PDVSA serán reparados nos estaleiros de Río Santiago, en Ensenada, deixando aberta a posibilidade de construír buques para Venezuela.

A presencia de Kirchner serviu para redondear un ciclo de relaxación nas relacións internacionais venezolanas e para avanzar no proceso de apertura do réxime bolivariano cara a sectores da clase media.

Dende que se puxo no horizonte a data do 15 de agosto como fronteira da revolución bolivariana, o chavismo soubo que chegara a hora de distensionar as relacións exteriores, concentrando ás críticas nos EEUU, e de procurarse o apoio perdido nas clases medias.

O primeiro paso deuno, a finais de febreiro, cando fixo retornar a Chile ao embaixador Victor Delgado, tras tres meses de ausencia provocados pola postura de Chávez a favor das teses bolivianas sobre a reclamación da saída ao Pacífico do país do altiplano. Cunha das súas reveladoras frases, e seguindo consellos do Presidente Lula, Chávez deu por rematada a crispación diplomática con Chile: "só quero bañarme nunha praia boliviana logo dunha solución negociada entre Chile e Bolivia. Si non é así, o Presidente non se baña". O ataque de pragmatismo que Chávez exhibe con maior evidencia a medida que se achega o 15 de agosto, conseguiu que o Goberno de Lagos mantivese unha posición neutral diante da situación política interna de Venezuela.

Máis tarde virían os encontros co presidente colombiano Álvaro Uribe e a recuperación do diálogo con España, tras da elección de Zapatero como Presidente. España cancelou un contrato subscrito con Aznar para a venda de 60 carros de combate que ían ser destinados á fronteira colombiano-venezolana. Hai poucos días en Puerto Iguazú, Venezuela asinaba a súa entrada como membro asociado do Mercosur.

Agora da chegada de Kirchner no tramo final da campaña polo revocatorio venezolano, non deixa de ser outro éxito na percepción de apertura do chavismo, acusado pola oposición de ser unha illa anacrónica en período de extinción.

É verdade que Kirchner, para dar sensación de neutralidade, se reuniu coa Coordinadora Democrática, o organismo da oposición venezolana, pero non quixo fotos do encontro. Pola contra na mega-refinería de Puerto La Cruz, a 38 graos de temperatura e diante duns 4.000 traballadores entregados á cerimonia de apoio a Chávez, mostrouse admirado pola recuperación de PDVSA, o que non deixa de ser un recoñecemento da cualificación dos novos directivos de PDVSA. Máis tamén marcou entusiastas e futuras liñas conxuntas de acción "algún día vamos ollar Petroamérica"…" Venezuela, Arxentina e Brasil; impulsan unha alianza estratéxica enerxética a través da chamada Petrosur".

Tampouco lle van mal as cousas a Chávez no interior. O díscolo BCV (Banco Central de Venezuela) ven de facer públicos os datos da economía venezuelana, que ten medrado entre un 10 e un 12% no primeiro semestre.

Afortunadamente a data do 15 de agosto tamén foi quen de levar o pragmatismo á oposición agrupada na dividida Coordinadora Democrática. Nesta semana acaban de presentar un plan de actuación conxunto. Non foron quen de propoñer un candidato único para as potenciais presidenciais, no caso de que Chávez perda o revocatorio. Mais alomenos conviñeron en que ningún se postularía como candidato inmediatamente, senón que habería un período transitorio cun candidato de consenso que convocase a novas eleccións ás que todos poderían concorrer.

Benvido sexa o 15 de agosto! Sexan benvidos todos ao pragmatismo!

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2004
Fernando Pol