Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Seregni despídese nas portas da victoria
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 03/08/2004)
 
 

Si os prognósticos electorais se cumpren, o Frente Amplio conseguirá a victoria nas eleccións presidenciais uruguaias de outubro con Tabaré Vázquez.. O seu carismático fundador, loitador contra da dictadura e defensor dos Dereitos Humanos, o xeneral retirado Líber Seregni, finou o pasado sábado, en Montevideo.

No ano 1937, con só 21 anos, sendo alférez do exército, padeceu a primeira sanción por solidarizarse coa república, durante a Guerra Civil española. O resto da súa vida sería unha interminábel batalla pola democracia e os Dereitos Humanos.

Cando no ano 1959, desempeñaba o cargo de subxefe do Estado Maior do Exército, a súa figura volve cobrar dimensión de estadista ao desempeñar un papel relevante, na transmisión ordenada do poder ao Partido Branco, tras cincuenta anos de goberno ininterrompido do Partido Colorado.

Pero é fundamentalmente a partir do ano 1968, cando o seu compromiso democrático en tempos difíciles, lle vai ocasionar as maiores amarguras vitais.

A próspera Suíza sudamericana, o Uruguai, se mergullaba nunha pronunciada decadencia socioeconómica. Desde o ano 1962, coa aparición na escena pública do movemento guerrilleiro dos Tupamaros, o país vivía a maior confrontación social do século. Correspondeulle desempeñar delicadas misións como militar, en pleno auxe do descontento social escenificado nas frontes políticas, sindical e estudiantil, que convocaban nutridas mobilizacións populares.

Mais, cando a súa conciencia rebordou o limiar de tolerancia contra da represión posta en marcha polo Presidente Pacheco Areco, se rebelou expresando publicamente a súa discrepancia e solicitando o pase ao retiro, comezando a gañarse o alcume de "xeneral do pobo".

Comezaría entón un calvario polo que transitaría durante décadas. Daquela mudou o seu perfil de laureado militar, para transformase nun carismático líder político. Atrás deixaba unha carreira chea de proxección publica nacional e internacional, como xeneral, como agregado militar en México e os EEUU, como activo participante na decisiva conferencia internacional de Chapultepec, pola que se creou o sistema defensivo interamericano...

Con retallos de movementos políticos esnaquizados pola poderosa e implacable maquinaria bipartidista nacional-colorada, cofunda e preside, no ano 1971, o movemento de esquerda do Frente Amplio que fracturaría a hexemonía bipartidista: "A nosa Frente converteuse nunha grande forza nacional que abarca dende xente que vai en Mercedes Benz ata xente de alpargatas". Nela se integrarían demócratacristianos, socialistas, comunistas e líderes provenientes directamente do movemento guerrilleiro dos Tupamaros.

Loitou ate a extenuación, contra do golpe de estado de 1973, apoiado polos militares e liderado polo Presidente Juan María Bordaberry. Acusado de traizón á patria, é condenado a 14 anos de cárcere, a perda da condición de militar e a unha inhabilitación para exercer na vida política durante dez anos. Unha grande campaña internacional, defendeu a inocencia de Seregni, que se convertería xa nun símbolo mundial das liberdades.

Lonxe de posicións revanchistas, o día da súa excarceración, diante dunha emocionada multitude que o agardaba, reclamou posturas moderadas nas loitas populares. Mesmo foi impulsor decisivo das negociación do Frente Amplio, co Partido Colorado, para procurar unha saída política non traumática para a férrea dictadura que se esnaquizaba aceleradamente.

Coa autoridade moral da súa traxectoria vital e con ladrillos como o diálogo, acordo institucional, non-violencia, democracia, foi construíndo as sólidas bases da restauración democrática do país máis avanzado socialmente do continente.

Moderado politicamente, negábase a que se cualificase o programa do Frente Amplio como socialista. Prefería defini-lo como "democrático avanzado".

Cando no ano 1996 decide deixar a presidencia do Frente Amplio, afastouse da política activa, pero traballou na construcción de alternativas e na elaboración de análises dende o Centro de Estudios Estratéxicos 1815.

A figura de Seregni, a súa conducta exemplar, a súa fe democrática, a coherencia vital, transcende as paredes do Frente Amplio. Quizais por iso, o actual presidente Jorge Batlle afirmase: "Na historia da sociedade uruguaia, hai un lugar reservado para Seregni. Os uruguaios de todos os partidos vamos sentir profundamente a ausencia do Xeneral Seregni".

O xeneral do pobo, tal como adoitan cualificalo nas filas do Frente Amplio, tivo a ledicia de comprobar como medraba e se robustecía a renacida democracia uruguaia.

Pero hoxe, os triste somos todos aqueles que nos sentimos orfos do seu inquebrantable alento cheo de conviccións democráticas. Orfos, por sentir como nos deixa un dos mellores. Orfos, de percibir, como foi un dos imprescindíbeis.

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/08/2004
Fernando Pol