Leer el artículo en castellanoLesen Sie den Artikel auf DeutschPresencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Lula: “orientar, disciplinar e fiscalizar”
Por Miriam Bader (Canal Mundo, 17/08/2004)
 
 

Que relación existe entre estas tres palabras e a prensa brasileira? Describen a función principal que deben cumprir os medios de comunicación? É dicir, orientar á poboación de maneira liberal e independente sobre o que acontece en Brasil e no resto do mundo? Ou disciplinar a través da publicación e valoración dos delictos cometidos contra a lei e os ataques aos dereitos individuais ou sociais? Ou fiscalizar a acción do goberno para garantir a súa vixilancia e crítica? Dende hai dúas semanas estas tres palabras provocan discusións intensas entre intelectuais, políticos e xuíces. Pero non se trata tanto da función xeral da prensa, como da creación do CFJ, o Conselho Federal do Jornalismo.

O 5 de agosto, o goberno de Lula presentou no Parlamento o proxecto de lei que regula a creación deste órgano, xa planeado desde 1996. O CFJ se encargará de “orientar, disciplinar e fiscalizar” o exercicio da profesión, establecerá o rexistro dos periodistas, outorgará as licencias para o desempeño profesional e acompañará a súa formación. Por primeira vez alguén terá poderes para castigar aos periodistas que violen a “ética da profesión”. Ata agora o exercicio periodístico non dispoñía de ningunha forma de control ou categorización por parte do estado para garantir a liberdade de expresión e fixar os límites da súa actividade.

O proxecto de lei foi presentado xustamente nun momento cargado de presuntos escándalos sacados a luz pública pola prensa. O presidente do Banco Central brasileiro, Henrique Meirelles, está acusado de suborno fiscal e de branqueo de diñeiro e se escoitan reivindicacións de dimisión por parte da oposición. Na mesma situación e coas mesmas acusacións se atopa Cássio Casseb, o presidente do Banco de Brasil, o maior banco estatal de América Latina. Ambos foron os candidatos preferidos de Lula para estes postos.

A coincidencia destes acontecementos, é dicir, denuncia e tentativa de control, suscita en moitos a impresión de que o goberno brasileiro non está de acordo coa forma de informar sobre algúns feitos por parte dos medios de comunicación. Lula declarou que “a prensa prefire as noticias negativas ás positivas” e que a opinión pública “ten sede de noticias boas”. E iso leva a pensar que o goberno, con este proxecto de lei, intenta limitar a liberdade de expresión dos profesionais.

Esta sospeita se confirma ademais co coñecido caso do periodista do NYT (New York Times), Larry Rother, acontecido en maio deste mesmo ano: a última hora o Tribunal Supremo impediu a súa expulsión de Brasil, decidida polo goberno por ter informado sobre a presunta “adicción á bebida” de Lula.

O proxecto do goberno conta co apoio de algún sector da profesión. O Fenaj (Federación Nacional de Jornalistas Profesionais), un dos sindicatos de periodistas máis numeroso de Brasil, que participou na formulación do proxecto de lei, se amosu favorable á creación do CFJ, argumentando que actualmente o ministerio de Traballo non sanciona aos periodistas, de forma adecuada, polas contravencións cometidas contra os criterios de calidade e a “ética periodística”.

Luiz Gushiken, ministro de Comunicación e Xestión Estratéxica, critica os “deslices” dos medios en xeral, e condena a “producción” e “fabricación ” de noticias. Ademais, afirma, en relación coa liberdade da prensa, que “nada é absoluto” nunha sociedade. Defende a creación do CFJ como un instrumento necesario para “protexer á sociedade e os periodistas” e garantir a boa calidade das informacións.

O ministro de Xustiza, Masco Thomasz, considera a fundación do CFJ como algo positivo: “Nin vexo nel un instrumento de censura, nin unha limitación da prensa, soamente o entendo como unha medida para regular a profesión”.

De forma completamente distinta o percibe o presidente do ABI (Asociación Brasileira de Prensa), Mauricio Acedo. Segundo o seu entender, o establecemento do CFJ representa “unha violación da orde democrática definida pola Constitución ”.

Milton Temer, vicepresidente do ABI, tamén reproba a creación do CFJ, porque considera que o control da profesión xa se efectúa suficientemente na comisión de ética do ABI, no Fenaj e nos sindicatos do sector. Asegura, que o CFJ significaría soamente mais burocracia, algo que debe evitarse a toda costa.

O ANJ (Asociación Nacional de Periódicos) chama a atención sobre o feito de que o proxecto de lei conteña “todas as características que representan cercenamento á liberdade da prensa ao establecer castigos aos periodistas e contemplar o control de empresas dos medios de comunicación”.

No exterior, a percepción tamén é crítica e xa se escoitan voces preocupadas. Bill Kovach, un dos principais teóricos do periodismo en EEUU valora a creación do CFJ como un propósito “alarmante”. “Se o goberno decide o que é unha conducta adecuada, a prensa non pode ser independente”.

En verdade, o goberno e os defensores del CFJ non demostran ter moita fe na función de control que exerce a xustiza ordinaria, por exemplo no caso da publicación de informacións falsas, se o goberno considera imprescindible crear unha institución coma o CFJ. Tampouco nos mecanismos de autoregulación que se atopan implícitos no sistema democrático, como a rectificación na prensa, a publicación de opinións ou informacións distintas e o propio autocontrol dos periodistas, as orientacións dos diferentes medios de comunicación e a selección dos lectores.

Pero a intervención do Estado no exercicio da profesión de periodista corre o grave risco de derivar facilmente nunha forma de censura ou de presión, principalmente en tempos de crise, aínda que a función principal do CFJ sexa o control da “ética da profesión”.

E quen define esta “ética profesional”? Nun país democrático non pode ser o goberno, senón os propios profesionais do sector. O traballo dos periodistas debe desenvolverse nun clima de liberdade de expresión para poder opinar sen influencia gobernamental. É, ademais, o que garante a Constitución brasileira.

O CFJ podería ser, quizais, unha boa proposta para enfrontar o problema das investigacións falsas e a publicación de informacións erradas ou adquiridas ilegalmente, que se poden encontrar nalgunhas reportaxes. Pero é unha resposta equivocada para resolver o problema da suposta mala calidade da información, porque nun país democrático non é o Estado quen ten a función de vixiar a prensa; ao contrario: a prensa vixía ao Estado.

Puidera ser mellor a creación polo goberno dun consello especifico para controlar e cercenar os oligopolios das empresas de medios poderosos implantados no mercado brasileiro e favorecer unha maior diversificación no sector da información, apoiando o autocontrol do exercicio da profesión de maneira democrática e liberal.

 
 

Miriam Bader é estudiante da Universidade de Paderborn-Alemania en prácticas no IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2004
Fernando Pol