Milosevic na súa hora máis baixa

O último día de agosto, o ex presidente da ex Iugoslavia Slobodan Milosevic, acusado de crímenes contra a Humanidade e, no caso de Bosnia, de xenocidio, iniciou a súa defensa no Tribunal Internacional da Haia para os crímenes na ex Iugoslavia. A continuación deste proceso foi fixada para principios de xullo, mais foi aprazada varias veces debido á mala saúde de Milosevic. Agora, no segundo día da apertura do proceso, o Tribunal ordenou que o acusado tiña que aceptar un defensor obrigatorio. Ata esa data, Milosevic viña defendéndose a si mesmo, rexeitando vehementemente un avogado.

Dende hai tempo, os xuíces do Tribunal tiñan dúbidas da capacidade de Milosevic para se autodefender. Dúas parecían ser as razóns que alimentaban estas sospeitas:

A primeira era o obvio mal estado de saúde do acusado, quen xa sufría de hipertensión arterial e problemas cardíacos cando estaba no poder. Dende comezos do procedemento xudicial, en febreiro de 2002, perdéronse 66 días de xuízo pola súa enfermidade, con só tres días de audiencias por semana. En xullo confirmouse que Milosevic estaría en condicións de facer fronte ao xuízo pero o stress do procedemento e o reto de dirixir a súa propia defensa, poderían supoñer un esforzo enorme.

A segunda razón ten que ver coas dúbidas suscitadas en relación á complexidade do escrito de cualificación. Polo tanto, ¿cómo sería Milosevic capaz de defenderse considerando o gran número de cargos de acusación (66 en total), e as montañas de portafolios dos fiscais? Aínda que o acusado conta cun "grupo de asesores informais", é evidente que non podería asumir esta tarefa. Só lle permiten 150 días de disposición para a súa defensa, nos que Milosevic xa informou que quere chamar a 1.631 testemuñas. A acusación necesitou máis de dous anos para escoitar a 300 testemuñas e para expoñer a súa argumentación.

Os xuíces deben levar adiante o proceso porque o tempo ata a sentencia é escaso. Será no 2008 cando tódolos procedementos de primeira instancia terán que estar rematados, un espacio de tempo a penas suficiente para o proceso de Milosevic.

O transcurso do procedemento anterior deu lugar a sospeitas tales como que o acusado utilizou a súa enfermidade como pretexto para prolonga-lo proceso coa intención de que o mesmo fora suspendido sen emisión de xuízo. Iso significaría un triunfo para o ex presidente que, dende que foi extraditado, acusa de ilegal ao tribunal da ONU e de ser un instrumento da OTAN para ocultar os seus propios erros en Cosovo. O paradoxo é que o propio Milosevic aceptou a legalidade do Tribunal da Haia cando estampou a súa sinatura no acordo de paz de Dayton en 1995, no que foi considerado un avance importante.

Milosevic rexeitou fortemente a reiteración dos xuíces de nomear un avogado para a súa defensa, argumentando que o contrario sería recoñecer a legalidade do Tribunal. Pero a decisión dos xuíces de impoñerlle un avogado obrigatorio fixo que o exmandatario puidese seguir mantendo a súa postura. De feito Milosevic empeñouse en soster que as condicións do proceso eran ilegais e que con esa decisión veríase imposibilitado para exercer os dereitos da súa defensa.

Pero, isto non é só unha crítica persoal de Milosevic. No seu país, Serbia, varias organizacións sociais e políticas, incluíndo o seu partido, socialista, rexeitaron esta decisión da Haia. Pero, con esta disposición, o que queda claro é que os xuíces non someten o proceso legal ás tácticas de defensa e a veleidade do ex presidente iugoslavo, aínda que oficialmente o tribunal argumente que só se debe ao estado de saúde de Milosevic.

Do mesmo xeito, a decisión dos xuíces é oportuna xa que garante a continuidade do procedemento. Correrase o risco de que o acusado se negue a traballar co seu defensor obrigatorio, ou, incluso, que non apareza nas audiencias. Mais, o nomeamento dun avogado defensor ten como obxectivo evitar que o acusado abuse do tribunal e o utilice como un "teatro político" para a divulgación propagandística e a súa percepción das guerras civís nos Balcáns, como xa o fixera outras veces no pasado.

O significativo deste proceso non é explicitamente a correcta actuación do tribunal cara o antigo instigador das guerras na rexión, nin tampouco significa que a correcta actuación do Tribunal estea limitada polo nomeamento dun avogado defensor obrigatorio. Senón que tan importante coma eso é a determinación que o tribunal teña á hora de alcanzar unha sentencia definitiva, xa que nestes momentos é a Haia o único lugar onde a recente historia dos Balcáns está sendo actualizada e verificada.

O traballo do tribunal da Haia impide que figuras simbólicas e claves neste proceso como Slobodan Milosevic, simplemente poidan negar os crímenes de guerra e contra a humanidade, e que eles simplemente se declaren como víctimas das agresións cometidas polos países occidentais. Aínda que sexa cedo para saber cal será o resultado do proceso, xa existen outros precedentes significativos que impiden o esquecemento e o ocultamento dos crímenes de guerra. Isto é importante para atopar un clima de reconciliación e para a reivindicación das víctimas. Pero tamén é unha tarefa irrenunciable para que as diferentes etnias balcánicas se enfronten coas súas historias bélicas máis próximas, e non se esquezan os crímenes cometidos.