20040615sudan darfur ardamata camp01

Sudán: o salto das alarmas

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Clic para aumentar
A zona de Darfur vive nestes momentos unha situación de pánico absoluto. Representantes de NNUU, como a alta comisionada da Organización para os Dereitos Humanos, Louise Arbour, denunciaba esta fin de semana que ós mais de 50.000 mortos, dende o ano pasado, hai que sumar o terror de mais dun millón de desprazados que non poden regresar as súas casas e que se senten prisioneiros. (Foto: Campo de refuxiados de Ardamata, Darfur-Sudán, 15/06/2004).
 

Dende que exipcios e ingleses acordaran a liberalización do país en 1953, a historia de Sudán ven marcada polo enfrontamento. Xa no ano 1956, cando a descolonización se tiña que facer efectiva, se desata a primeira guerra: o sur organiza a súa defensa ante a presión dos radicais islamistas do norte. Non será ata o ano 1972, cos acordos de Addis Abeba, cando se respire algo de relativa calma. Pero de novo en 1983, coas Leis de Setembro, e no ano 1989, coa instauración do réxime revolucionario islámico, cando a inestabilidade ocupa o país.

A pesares do Protocolo de Machakos, asinado entre goberno e oposición para fixar as pautas da pacificación do país, e a pesares de levar en loita dende hai catro décadas, Sudán volve de novo a ocupar un escuro espacio na esfera internacional. Dende primeiros de ano moitos son os colectivos que estaban avisando da catastrófica situación na que o país se podía ver inmerso. Pero con avisos e todo non é ata xullo que a ONU toma cartas no asunto, aínda que, dito sexa de paso non, sexan todo o efectivas como era de esperar.

Esta situación que se inicia o pasado ano, cando en Darfur, o Sudan Liberation Army (SLA) e o Justice and Equality Movement (JEM) se enfrontan á opresión do goberno de Jartum, dura xa demasiado tempo. Nas filas destes movementos atopamos aos Massalit, Zaghawa e Fur, grupos tribais que levan moito tempo disputando os recursos da zona cos nómadas árabes. A causa das súas diferencias viña determinada pola competencia polos recursos escasos, pastos e auga, nos que os nómadas tiñan vantaxes explícitas, concedidas polo presidente al-Bashir no ano 1994. Aínda que o polvorín tiña prendido de cando en vez, co xurdir dos grupos mencionados, e coa alianza do goberno coas milicias – janjaweed– a explosión estaba garantida.

A zona de Darfur vive nestes momentos unha situación de pánico absoluto. Representantes de NNUU, como a alta comisionada da Organización para os Dereitos Humanos, Louise Arbour, denunciaba esta fin de semana que ós mais de 50.000 mortos, dende o ano pasado, hai que sumar o terror de mais dun millón de desprazados que non poden regresar as súas casas e que se senten prisioneiros. Outro enviado, Jan Pronk, responsabiliza ao goberno pola súa negativa a pedir axuda internacional. Algo lóxico se temos en conta que é o propio goberno e as súas escuras alianzas o causante de tal sacrilexio.

O resto do mundo manténse impasible ante esta realidade na que a relixión volve funcionar de catalizador lexitimador da violencia e cohesionador no interior das faccións. Temos novamente que mirar máis alá das diferencias tribais, culturais e relixiosas, que habelas hainas, pero que coma sempre non son a única peza do rompecabezas. Na ancestral loita que norte e sur manteñen tamén conta o esgotamento dos recursos da terra, que os fai mirar cara as terras de Renk, ou a importancia de Bentiu e o seu petróleo, pero tamén o níquel, o uranio e, como non, o auga.

Tampouco debemos esquecer a presencia de alianzas e acordos entre as distintas faccións e outros interlocutores internacionais, ós que botamos de menos á hora de mediar en pro da paz sudanesa. China e Irán cambiaron armas por petróleo, Francia, Estados Unidos, Alemaña… manteñen diversos acordos comerciais co benévolo goberno, Canadá e Malasia forman o Great Nile Petroleum Operating Company, as exportacións de Sudán se intercambian na UE por axuda técnica e militar. Pola súa parte os veciños apoian maioritariamente ós sureños, casos de Uganda, Eritrea e Etiopía. Exipto, a pesares dos recelos, apoia ó goberno por non estar interesado na división do país e sí na protección das augas do Nilo.