20041122havana hu jintao fidel castro

A nova realidade xeopolítica de América Latina

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Hu Jintao e Fidel Castro na Habana
A xira do novo presidente chino Hu Jintao á rexión, con paradas en Arxentina, Brasil, Chile e Cuba, revelou a importancia que está adquirindo a relación entre China e América Latina na configuración dun mundo multipolar, que ten a Brasil como un dos centros deste eixe alternativo. Beijing xa relevou a Xapón como o principal investidor asiático en América Latina, ademais de ser o terceiro maior importador na rexión e o cuarto maior mercado en exportacións.
 

A victoria electoral de Tabaré Vázquez en Uruguai confirma o decisivo xiro á esquerda e o centrismo político na maioría dos países da América do Sur, rematando así os anos dominados polo chamado "consenso de Washington". América Latina está a experimentar un dinámico mais incerto período de transformacións políticas e sociais que configuran unha nova realidade xeopolítica, plasmada arredor do éxito reformista que pode acadar o goberno Lula en Brasil. Neste apartado, a reelección do presidente estadounidense George W. Bush, se ben podería incrementar a importancia da rexión na axenda política da Casa Branca, non contribuirá decisivamente a frear a paulatina perda de influencia estadounidense no contexto latinoamericano. Así, a rexión parece darlle unha xanela aberta a Europa, Rusia e China como novos socios económicos e políticos.

Bastaría con facer un amplo repaso dos acontecementos políticos en América do Sur nas derradeiras semanas para decatarse dalgúns sinais dos cambios que está experimentando unha rexión afastada do centro da atención mundial tralos atentados terroristas do 11 de setembro de 2001, pero convulsionada pola dinámica interna de sociedades que ansían transformacións profundas e gobernos atrapados no eterno dilema de conciliar a democracia social co desenvolvemento e o progreso económico.

As primeiras noticias veñen do ámbito electoral. O domingo 31 de outubro, a esquerda e a socialdemocracia latinoamericana confirmaron a súa potencialidade como nova alternativa política, tralas victorias presidencial en Uruguai e municipais en Venezuela e Chile. Unhas dúas semanas antes, o Partido dos Traballadores de Lula da Silva en Brasil obtivo unha sólida victoria nos comicios rexionais e municipais, a pesar da perda de prazas simbólicas e políticas tan importantes como Sao Paulo e Porto Alegre.

O domingo 14 de novembro, o Frente Sandinista en Nicaragua avanzou como a principal forza política dese país, trala súa victoria nos comicios municipais. Ese mesmo día, o PRI mexicano tamén avanzaba electoralmente en estados claves, colocándose como a principal alternativa electoral ao goberno de centro-dereita de Vicente Fox cara as eleccións presidenciais do 2006. E, para rematar, a reelección presidencial do republicano George W. Bush en EEUU, confirma unha continuidade da visión de Washington na rexión, aínda que agora tamén podería modificarse un tanto o enfoque debido aos novos cambios políticos acontecidos ao Sur.

China e Rusia entran en escena

Xa fora do ámbito electoral, a xira do novo presidente chino Hu Jintao á rexión, con paradas en Arxentina, Brasil, Chile e Cuba, revelou a importancia que está adquirindo a relación entre China e América Latina na configuración dun mundo multipolar, que ten a Brasil como un dos centros deste eixe alternativo. Beijing xa relevou a Xapón como o principal investidor asiático en América Latina, ademais de ser o terceiro maior importador na rexión e o cuarto maior mercado en exportacións. O crecemento do comercio China-América Latina foi dun 50,4% superior co respecto ao ano anterior.

Un dos vértices da estratexia china para América Latina ten que ver co petróleo: a fin de diminuír a dependencia de Oriente Medio, Hu Jintao selou alianzas coas empresas petroleiras de Brasil (Petrobras) e Venezuela (PDVSA) para a construcción de gasoductos e oleoductos.

Seguindo con China, o presidente Lula desexa configurar unha relación estreita con Beijing á hora de moldear unha orde mundial mais multipolar, que se converta nunha alternativa á hexemonía de Washington. Neste apartado, outros países como India, Rusia e Suráfrica tamén ingresan na ecuación xeopolítica de Brasilia. Moscova entra agora en América do Sur cun inesperado énfase en materia militar e petroleira, especialmente cara Brasil e Venezuela, mentres o goberno Lula avanza con forza no desenvolvemento do seu programa nuclear e espacial, con apoio europeo. Todo isto sen esquecer que Brasil, xunto a Arxentina, constitúen os centros neurálxicos da potencialidade de MERCOSUR como marco integrador sudamericano, en clara contraposición ao ALCA defendido dende Washington e que non verá a luz na data prevista, xaneiro de 2005.

Os pasos neste sentido parecen ir aínda moito mais lonxe: o próximo cumio latinoamericano en Cuzco, Perú, pautado para o 9 de decembro, servirá de marco para a proposta do lanzamento da Unión Sur Americana como elemento político integrador de MERCOSUR coa área andina. E Santiago de Chile acaba de ser a sede do Cumio da APEC (Cooperación Económica do Asia Pacífico), coa activa participación dos mandatarios de China e Rusia, ademais de Bush.

Revolución ou reforma?

Esta decisiva viraxe á esquerda e as alternativas reformistas e centristas en América Latina vense manifestando desde a victoria de Hugo Chávez en Venezuela en 1998. No 2000, o socialista Ricardo Lagos trunfa en Chile; un ano despois, o líder de orixe indíxena, pero educado en EEUU, Alejandro Toledo, converteuse en presidente do Perú.

A tendencia continuou no 2002; Lucio Gutiérrez en Ecuador, Lula en Brasil e Néstor Kirchner na Arxentina, mudan o péndulo político sudamericano do chamado "consenso de Washington" dos anos noventa, caracterizado polas reformas de mercado neoliberais e os programas estructurais do Fondo Monetario Internacional, ata novas alternativas quizais máis autóctonas e receptivas ás crecentes demandas populares.

Neste sentido, a revolta social boliviana a finais do 2003 que rematou coa presidencia de Gonzalo Sánchez de Lozada, tralo seu polémico intento de vender a industria de gas estatal as compañías transnacionais, especialmente estadounidenses, marcou tamén a simboloxía do novo escenario.

Polo tanto, a contundente victoria electoral de Tabaré Vázquez en Uruguai confirma este cambio cíclico nun momento sumamente crítico para un país fortemente dependente da evolución política dos seus dous principais veciños e socios comerciais, Brasil e Arxentina. Pero o cambio en Uruguai tamén imprime unha dose de esperanza para a maioría das sociedades da rexión e os partidos e movementos que ansían un cambio profundo.

En 1994, a conformación do Foro de Sao Paulo, completado posteriormente co Foro Social Mundial de Porto Alegre, aglutinou os principais movementos políticos e sociais de esquerda, reformistas ou revolucionarios, desafectos ao "consenso neoliberal de Washington". Desde o Partido dos Traballadores brasileiro, o bolivarianismo venezuelano, o sandinismo nicaragüense, o Frente Amplo uruguaio, o "zapatismo" de Chiapas, os partidos indixenistas de Guatemala, Ecuador, Perú e Bolivia, a guerrilla das FARC colombianas, todos eles forman parte activa dun organismo que, dez anos despois, pode concluír con éxito que a súa plataforma socio-política chegou ao poder nalgúns países da rexión, especialmente os da área do MERCOSUR. Do mesmo xeito, o Foro de Sao Paulo confirmou a importancia de Brasil como centro dunha alternativa política rexional.

Nembargantes, a realidade actual semella un escenario non tan homoxéneo como se esperaba, senón tamén cheo de incertezas. A proposta "revolucionaria bolivariana" de Hugo Chávez en Venezuela, hoxe afianzada trala súa relexitimación referendaria en agosto pasado e a abrumadora e recente victoria electoral municipal (a pesar da alta abstención), atisba un escenario de total control político interno dun chavismo con pretensións de expansión rexional do seu modelo. Esta proposta tivo eco nas rebelións sociais e indíxenas en Ecuador e Bolivia, pero con resultados diversos.

A chegada á presidencia ecuatoriana do coronel Lucio Gutiérrez, apoiado por diversos movementos indíxenas como a poderosa CONAIE, transitou por un camiño marcado polas ambigüidades: non puido satisfacer as principais demandas populares mentres mantén unha interesada relación con Washington. O mesmo caso é o de Alejandro Toledo en Perú: o primeiro presidente de orixe indíxena en chegar ao poder en Lima e a súa imaxe de principal opositor á autocracia de Alberto Fujimori, derivou nunha forte caída de popularidade en a penas tres anos, dun 60% de aceptación a un pírrico 9%.

En Bolivia, a explosión social de finais do 2003 puido ser contida tralo ascenso dun moderado de centro-esquerda, Roberto Mesa, á presidencia transitoria, ata as próximas eleccións. Polo tanto, a chave do cambio nos países andinos ten que ver co espertar social e o ascenso político dos movementos indixenistas e autóctonos.

Noutro escenario, as opcións menos radicais e mais centristas son as que gañan terreo. Lula en Brasil, Kirchner na Arxentina, Lagos en Chile e agora Tabaré en Uruguai, conforman unha rede cada vez mais sólida, firme cara aos intereses estadounidenses e do capital internacional, sen que isto signifique un afastamento global con respecto a Washington. A negociación e un novo consenso como marcos de acción, pero sen afastarse das ansias de necesarias reformas sociais e políticas. En todo caso, esta perda de influencia de Washington na rexión reforza a opción alternativa de Lula en Brasil.

Washington espera o seu turno

A viraxe latinoamericana implica un reto ineludible para a reelixida administración republicana na Casa Branca. Do mesmo xeito, o ascenso de Condoleeza Rice á secretaría de Estado en substitución do moderado Colin Powell, reforza o "ala dura" republicana da administración Bush, influída pola visión dos "falcóns", Donald Rumsfeld e Paul Wolfowitz e, no caso latinoamericano, do lobby cubano anticastrista de Florida, ben manexado polo irmán do presidente, Jef Bush.

Os próximos catro anos en Washington estarán presididos tamén por unha reafirmación do peso da comunidade hispana na política estadounidense: dous senadores, Mel Martínez e Ken Salazar, conforman o salto máis importante dos hispanos na política estadounidense e confirman a esta comunidade como a maior minoría en EEUU.

O novo escenario dun eixe alternativo de centroesquerda na área de MERCOSUR, revela para Washington un panorama a contemplar en dúas direccións: por unha banda, o escenario económico e de integración estará marcado pola conformación de dous bloques, o ALCA de EEUU, Canadá, México, América Central e algúns países andinos, e o MERCOSUR, conformado por Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, con Chile, Venezuela e Bolivia como socios comerciais e a Unión Europea e China como mercados en potencia. Este escenario se expande aos intereses xeopolíticos dos dous principais líderes destes bloques: EEUU e Brasil.

O outro escenario para Washington ten que ver con tres países: Colombia, Cuba e Venezuela, panorama enmarcado na política de loita contra o terrorismo e a seguridade hemisférica, coa ameaza do narcotráfico, a insurxencia armada e os réximes "rebeldes" fronte as políticas estadounidenses. Neste apartado, Venezuela xoga un dobre papel.

A reelección de Bush reforza as opcións do presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez, o único mandatario conservador e confesadamente de dereitas que queda na rexión sudamericana. Isto conformará unha maior relación militar entre Bogotá e Washington, a través dun Plan Colombia rexionalizado cara Ecuador, Perú e Bolivia, coa intención de derrotar aos carteis da droga e os movementos insurxentes das FARC e o ELN. Con respecto a Chávez, a súa oposición ao Plan Colombia ven agregada ás denuncias en Bogotá e Washington de presunta colaboración coas FARC colombianas.

Do mesmo xeito, Cuba e Venezuela serán dous asuntos case inseparábeis para Bush. O decisivo apoio da comunidade cubano-americana ao candidato republicano marcará un reforzamento da política do embargo, aínda que algúns observadores enfatizan a posibilidade dun levantamento próximo. Pero Fidel sae hoxe reforzado externamente pola súa especial alianza política e petroleira con Chávez e as victorias electorais de aliados como Lula, Tabaré e Kirchner, que buscan acabar co illamento de La Habana no concerto hemisférico.

Se ben parece probable que Bush buscará desestabilizar o réxime de Castro, outra percepción tomará con respecto a Chávez. O interese aquí é o subministro petroleiro, garantido a pesar das confrontacións retóricas entre ambos gobernos. Pero a preocupación estadounidense é que o réxime chavista se afirme como unha xanela para o goberno cubano e poida expandir a súa idea revolucionaria, percibida como antiamericana, a nivel continental.

Mais alá dos imperativos xeopolíticos e a problemática dunha rexión considerada como a mais desigual do mundo segundo os indicadores socio-económicos, América Latina está transitando por unha interesante e dinámica etapa de cambios, maiormente enfocados cara a profundización da democracia social. Nembargantes, as opcións autoritarias e populistas aínda seguen sendo unha realidade nunhas sociedades desencantadas coas súas elites tradicionais.