20041207cumio cuzco peru75833

A Unión Suramericana: entre Mercosur e o ALCA

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
O cumio de Cuzco, Perú, permitiu o achegamento de 14 países, distribuídos nos pertencentes á Comunidade Andina de Nacións (Colombia, Venezuela, Ecuador, Perú e Bolivia) mais os de Mercosur (Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai, ademais de Chile como membro asociado). A República Cooperativa de Guaiana e Suriname entraron como membros asociados e México e Panamá como observadores. Polo tanto, os mandatarios acolleron o ideal bolivariano da formación dunha "nación suramericana" nun momento simbólico: o dinamismo do cambio en América do Sur e o fracaso na implementación do ALCA para xaneiro de 2005. (Foto: ©Ricardo Stuckert/PR).
 

O pasado 9 de decembro naceu a Comunidade Suramericana de Nacións, un marco de integración baseado no modelo europeo. O 17 de decembro, o MERCOSUR, importante socio comercial da UE, ampliouse coa admisión de Ecuador, Colombia e Venezuela como estados asociados. A rexión suramericana estase a conformar nun marco homoxéneo en busca de voz e voto no concerto mundial e da estabilidade necesaria para afrontar as reformas estruturais. O vello soño de Simón Bolívar renace nunhas repúblicas cunha grande potencialidade humana e económica pero con agudas complexidades políticas internas, determinadas pola puxa rexional entre o MERCOSUR e o ALCA.

O cumio de Cuzco, Perú, permitiu o achegamento de 14 países, distribuídos nos pertencentes á Comunidade Andina de Nacións (Colombia, Venezuela, Ecuador, Perú e Bolivia) mais os de Mercosur (Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai, ademais de Chile como membro asociado). A República Cooperativa de Guaiana e Suriname entraron como membros asociados e México e Panamá como observadores. Polo tanto, os mandatarios acolleron o ideal bolivariano da formación dunha "nación suramericana" nun momento simbólico: o dinamismo do cambio en América do Sur e o fracaso na implementación do ALCA para xaneiro de 2005.

A clave dentro da CSN está contida no sector das infraestructuras, viábel como un modelo de dinamismo integrador auspiciado pola política brasileira. Dende que no ano 2000, Brasilia invitara aos seus veciños á discusión de proxectos de vinculación destes países a través de redes de autovías, ferroviarias e fluviais, coa finalidade de propiciar o impulso económico e comercial, comezou unha ampla discusión de propostas, onde Arxentina, Brasil e Perú levan a voz principal.

Neste apartado, Brasil e Perú avanzaron dun xeito importante: os mandatarios Lula da Silva e Alejandro Toledo anunciaron o acordo de financiar unha autopista que conectará ao suroeste brasileiro cos portos peruanos de Matarani, Ilo e Marcona, na costa Pacífica, xanela importante para o emerxente mercado do sureste asiático e o Pacífico. Nembargantes, diversas ONGs ambientais amosaron a súa preocupación polo impacto que supón o corte forestal de zonas vírxenes.

Contemplado dende unha perspectiva global, a nacente CSN amosa un escenario interesante: alberga uns 361 millóns de habitantes dentro dunha superficie de 17 millóns de Km2, correspondente a un 45% do territorio americano; posúe decisivas reservas en gas natural, petróleo, minerais e auga doce, que potencian un PIB calculado en 973 millóns de dólares. Ademais, a CEPAL calcula o crecemento económico rexional dun 5,5% para o 2004, o maior dende 1980, mentres a inclusión de China como socio comercial alternativo a EEUU fai desta rexión unha das mais dinámicas económicamente para os próximos anos. O déficit atópase na elevada débeda externa dos países pertencentes á CSN, estimado en 315 mil millóns de dólares, co seu decisivo impacto na desigualdade socio-económica e o sometemento dos seus gobernos aos compromisos financeiros cos organismos internacionais.

A pasada fin de semana, na cidade brasileira de Ouro Preto, celebrouse a XIV reunión dos países membros do MERCOSUR, onde Ecuador, Colombia e Venezuela ingresaron como membros asociados. A vertebración deste marco rexional de integración está cada vez mais supeditado ás decisións conxuntas de Brasil e Arxentina, cunhas negociacións comerciais que cobran importancia. A proposta do mandatario venezuelano Hugo Chávez de reestructurar a Comunidade Andina e MERCOSUR para potenciar o ALBA (Asociación Libre Bolivariana para as Américas), renovada trala recente xuntanza de Chávez co presidente cubano Fidel Castro, apenas tivo eco nos mandatarios presentes. Nembargantes, Venezuela é un país importante para o MERCOSUR polos seus recursos enerxéticos e a súa ubicación xeográfica cara o mar Caribe. Do mesmo xeito, o anfitrión Lula da Silva potenciou as relacións comerciais con China, India e Suráfrica, outorgándolle dimensión internacional ao organismo.

Sen dúbida, a CSN e os esforzos rexionais de integración intentan potenciar a Sudamérica na area internacional. Neste sentido, a vontade política dos seus mandatarios parece garantida, pero tamén dependen dos imperativos políticos de algúns deles. Os países andinos xogan a dúas bandas, con MERCOSUR e o ALCA estadounidense, subscribindo acordos bilaterais de libre comercio con Washington e, no caso colombiano, a través da relación directa co goberno Bush no Plan Colombia. E a revitalización do MERCOSUR supón tamén un reforzamento do eixe Brasilia-Bos Aires, evidenciado pola súa potencialidade demográfica e económica.