As dúas Américas do Cumio

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O Cumio das Américas celebrado en Monterrey, México, entre o 12 e o 13 de xaneiro, semellou se-lo "cumio de tódalas treboadas". Nunca antes os EEUU e América Latina acudían a este foro tan marcadamente divididos polo futuro da integración rexional, marcado pola pugna entre a formulación da Área do Libre Comercio para as Américas, ALCA, prevista para xaneiro de 2005, e a forte oposición que o eixo Lula-Kirchner, motor de MERCOSUR, ten feito fronte ó ALCA dende hai meses.

As pautas do cumio, que estaban claras dende o principio, terminaron por modificar de xeito substancial a axenda de traballo. Bush está en ano electoral, e acudir a Monterrey significaba darlle unha importancia a América Latina na súa futura política exterior, en caso de ser reelixido en novembro. O mandatario norteamericano déulle-lo visto bo ós tres piares nos que agarda basea-la política de Washington en Latinoamérica os vindeiros anos: ALCA, loita contra o narco-terrorismo e apoio á democracia continental. Isto último supón posar por un cambio de rexime en Cuba e apoiar oficialmente á celebración dun Referendo revogatorio en Venezuela, sen esquece-la situación na rexión andina, especialmente Colombia e Bolivia.

A sabendas xa de que Brasil, Arxentina e Venezuela constitúen o eixo máis marcadamente anti-ALCA na rexión, Bush buscou reaxustar un eixo xeopolítico con aliados xa tradicionais. Tivo a resposta no país anfitrión, mediante un anovado recoñecemento ó presidente mexicano Vicente Fox, que estaba un tanto desprestixiado en Washington pola súa negativa á guerra en Iraq.

A medida tomada por Bush días antes de ir a Monterrey, en canto a legaliza-la situación de millóns de inmigrantes ilegais en EEUU (que beneficiaría a millóns de mexicanos residentes no país) e garanti-los seus aforros e remesas unha vez estes emigrantes regresasen ós seus países, non é vista só coma un arma electoral, senón tamén coma un xesto para buscar apoio en Fox e outros países, especialmente os centroamericanos. O resultado foi o agardado, xa que o mandatario mexicano ten na inmigración un punto en común co seu homólogo estadounidense. E Bush sabe que a súa política de inmigración lle podería gañar votos entre os 30 millóns de hispanos dos EEUU.

Coa Declaración de Monterrey case lista, faltaba afinar certos detalles finais. A maioría dos países latinoamericanos enfatizaron na necesidade de darlle prioridade ás cuestións sociais, especialmente pobreza, desenvolvemento, comercio equitativo e democracia. Todo isto foi tido en conta, especialmente o aspecto da democracia, que tódolos mandatarios catalogaron como vital.

Para o presidente estadounidense, utiliza-la cláusula en prol da democracia significaba poxar por un cambio de rexime en Cuba, o único dos países que non ten sido invitado a estes cumios. Neste apartado, ós EEUU atoparon a oposición do eixo Lula-Kirchner-Chávez, que teñen feito dos seus achegamentos ó rexime cubano unha "dor de cabeza" para Washington. Días antes do cumio, o subsecretario de Asuntos Hemisféricos, Roger Noriega, criticou os achegamentos de Kirchner a Castro, e isto arrefeceu as relacións Washington-Bos Aires nuns momentos nos que o goberno arxentino finalizaba con éxito un novo acordo co FMI. Sen embargo, nunha das reunións máis agardadas do cumio, Kirchner baixou as orellas ante Bush na busca de apoio para o refinanciamento necesario por parte do FMI.

As subidas de ton viron por parte de Hugo Chávez, especialmente ó referirse ás políticas norteamericanas. Días antes do cumio, o secretario de Estado, Colin Powell, e a asesora de Seguridade, Condoleeza Rice, realizaron declaracións puntuais ó respecto, acerca de que o goberno venezolano debía outorgar-la posibilidade de realizar un Referendo revogatorio en Venezuela, e expresaron a súa confianza en que este se realizaría. Chávez arremeteu no "Aló Presidente" do domingo 11 cualificando a Rice de "analfabeta", acusando ós EEUU de "mete-los fociños en Venezuela" e asegurando que iría a Monterrey a denunciar unha conspiración de Washington para asasinalo ou tombalo do goberno.

En Monterrey o que Chávez recibiu foi unha contundente e inusual declaración de Bush de apoio ó Referendo e de rexeitamento ó rexime cubano. A declaración de Bush non puido ser máis clara: "traballamos coa OEA para asegura-la integridade do proceso de referendo revogatorio presidencial que se leva a cabo en Venezuela". Vicente Fox reforzou esta declaración sinalando que traballarían conxuntamente coa OEA na celebración do referendo venezolano. Ante este escenario, o presidente venezolano quedou cunha escasa marxe de manobra.

En canto ó ALCA, a sensación que deixou o cumio foi a persistencia da división existente entre Washington e Brasilia. EEUU conta co apoio de México, Chile e Centroamérica, pero non conta coa mesma sorte na rexión andina e sudamericana. O MERCOSUR vén de afortalarse co eixo Lula-Kirchner e un audaz acordo de asociación coa Comunidad Andina en decembro pasado. O obxectivo é crear unha Asociación de Libre Comercio suramericano para xaneiro de 2005, xusto cando está pensado que arrinque oficialmente o ALCA. En 2004, EEUU espera culminar acordos bilaterais con Ecuador, Bolivia, Perú e Colombia, para poder crea-la área de libre comercio.

Neste apartado, a discusión semella estar estancada. Lula e Bush reuníronse a porta pechada sen que se saiba de que falaron, pero a oposición do presidente brasileiro é notoria. Isto augura un 2004 conflictivo en canto ás negociacións de integración rexional, que se poderán afondar a medida que se achegue a data de xaneiro do vindeiro ano.