Benvidos á “nova” Europa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Un voceiro do presidente da Eurocámara Pat Cox, exclamou o domingo 13 de xuño, xa en horas da noite, unha vez se coñeceran os resultados das eleccións ao Parlamento europeo, que, a partir de agora, "había que traballar mais para comunicar a mensaxe europea". A declaración ten tintes de mostrar a amargura vivida en Bruxelas trala catastrófica xornada de participación electoral cidadá, unha data que se lembrará como a do triunfo do abstencionismo e a indiferencia, e que coloca o proxecto europeo nun momento histórico complicado.

Deixemos de lado, por un momento, cales foron os resultados clave da estraña xornada electoral do 13-X. Pouco debe interesar o feito de que socialistas e populares lograran manter prácticamente intactas as suas posicións no Parlamento de Estrasburgo. Esquezamos, por un instante, o varapao político sufrido polos principais líderes europeos: Jacques Chirac en Francia (co indetible avance da esquerda), Gerhard Schröeder en Alemaña (o PSD sofreu a súa peor derrota electoral dende a II Guerra Mundial), Tony Blair en Gran Bretaña (que o deixa nunha situación precaria cara os comicios xerais do próximo ano), ou Silvio Berlusconi en Italia. Nin sequera a derrota do ultradereitista Jöerg Haider en Austria é unha noticia positiva. En realidade, non houbo gañador político o 13-X.

Se o medimos en termos da política tradicional, o único "gañador" foi o 55,4% de persoas que, formando parte dos 350 millóns de europeos capacitados para votar, non se tomou a molestia de facelo. A taxa mais baixa rexistrada na historia duns comicios europeos, o que deixa en entredito o futuro do proxecto europeísta. O outro "gañador" pode estar en Washington, convencido de que os euroescépticos triunfaron nesta xornada electoral.

Cómpre facer un esforzo para saber porqué a maioría dos europeos prefiriu ese domingo ir á praia, de camping ou ben ver a Eurocopa de fútbol que ir a votar nas urnas. E iso que en catro países o voto era obrigatorio: Bélxica, Luxemburgo, Grecia e Chipre. ¿A qué se debe que mais do 50% de europeos decidiran non ir a votar? Quizais a mais importante "xustificación" é a de que moita xente descoñece o funcionamento do Parlamento europeo, da Comisión Europea, e dos órganos decisorios na UE. A política europea parece ser un tema afastado das preocupacións cotiás, para a maioría dos europeos. O cansanzo da clase política europea, a falta de democratización e a excesiva burocratización en Bruxelas, a inexistenza de líderes europeístas carismáticos que leven adiante a mensaxe concibida por Jean Monnet e Robert Schumann e a superposición das identidades locais e nacionais sobre a identidade europea, xogaron unha mala pasada aos defensores dunha Unión que moitos esperan sexa, xa dunha vez, europea.

O que parece mais resaltable é que, trala ampliación ao Leste europeo, os novos membros da UE que ían por vez primeira a votar nunhas eleccións ao Parlamento europeo fixeranno dun xeito tan apático. Só un 28,7% dos europeos do Leste mais Malta e Chipre foron a votar. En países coma Polonia, cunha poboación similar a España, o mais destacable foi o avance dun líder populista, Andrezj Lepper, dun partido cun curioso nome, Autodefensa, contrario á idea europeísta. Nos demais, o voto foi para castigar as clases políticas dos seus respectivos países.

No caso da Europa occidental, aparentemente mais "europeísta", os resultados tampouco están para brincos. En Gran Bretaña, a principal ameaza para o goberno de Tony Blair é o avance do Partido Independentista, que quere ver fora a Londres da UE. Xa nin sequera paga a pena pensar si é posible facer o referendo do Euro. En Holanda, Francia e Bélxica, a ultradereita antiinmigración fixo unha nova e "estelar" aparición. Isto acontece cando unha organización humanitaria europea da a coñecer unha enquisa onde sinala que a actual UE é a mais "ultradereitista e xenófoba" da súa historia. De paso, un tema foi recurrente na campaña electoral: a posibilidade de que a UE proporcione a Turquía unha data de comezo de negociacións, a partir de decembro. A negativa cara esta posibilidade no se fixo esperar.

Mentres Europa "votaba", en Portugal comezaba a Eurocopa de fútbol, con todo o impacto mediático, popular e sentimental para millóns de europeos que non saben, ou non queren saber, cómo vai a UE. O 13-X, Zidane, Valerón, Beckham e compañía ganáronlle a loita aos "comisarios" de Bruxelas.