Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Chávez e o Revogatorio
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 08/06/2004)
 
 

Trala sorpresiva decisión do Consello Electoral venezolano de convocar un Referendo revogatorio contra o mandato do presidente Hugo Chávez, previsto para o mes de agosto, xurden varias conclusións que ilustran o aínda complexo acontecer da crise socio-política venezolana.

A primeira conclusión, vistos uns resultados onde máis de dous millóns e medio de venezolanos piden a convocatoria refrendaria, é que a oposición a Chávez conseguíu unha importante victoria. A segunda conclusión ten que ver coa habilidade, e as alternativas, que o presidente Chávez ten nas suas máns nas próximas semáns, a fin de resolver favorablemente este novo reto para a súa presidencia. E unha terceira conclusión sinala a importancia da presión internacional, vía OEA e Centro Carter, para supervisar e posibilitar o camiño ao referendo.

No espacio da oposición vívese un momento de algarabía que pode dar paso a unha difícil realidade. Tras meses de atrasos, decisións polémicas e obstáculos aínda non superados no seo do CNE, os movementos opositores enrolados na variopinta Coordinadora Democrática deben facer conta que loitan contra o tempo no camiño para recoller os máis de 3 millóns 700 mil votos necesarios para revogar o mandato presidencial de Chávez, de acordo cos rexistros acadados na elección presidencial do ano 2000.

Non cabe ningunha dúbida de que o principal triunfador desta decisión do CNE é a propia Coordinadora Democrática, un organismo que non sempre actuou de manera coordinada pero que apostou todas as súas bazas á celebración do referendo. A evidencia de que o proceso de “reparos” era inclusive innecesario quedou determinado polo feito de que os opositores a Chávez lograron recaudar 15.000 firmas máis das necesarias. E a determinación dun importante sector da poboación, calculada preto ao 60% segundo algunhas fontes, é a de revogar o mandato de Chávez.

Por outra banda, atópanse as posibilidades dun presidente Chávez que, paradoxalmente, podería saír reforzado desta derrota política. Xa no domingo en que finalizaban os “reparos”, Chávez deixou entrever a posibilidade dun triunfo da oposición. Posteriormente, o vice-presidente José Vicente Rangel declarou o mesmo. A mensaxe presidencial do pasado xoves 3 de xuño é a evidencia de que Chávez sabe cómo sacar habilmente partido desta derrota e convertila nunha posible victoria. O mandatario preparou os seus partidarios para a “batalla polo Referendo”, utilizando reminiscencias históricas da batalla de Santa Inés nos tempos das loitas federalistas do século XIX, e felicitou á oposición por alcanzar un logro “constitucional”. Polo tanto, está disposto a medirse porque sabe que ten posibilidades de triunfar.

A Chávez poderían sonreírlle os escenarios a sabendas de que saiu reforzado nas últimas enquisas, onde se ubica a súa popularidade preto do 40% da poboación. O seu control do sector militar parece ser un feito indubidable, e a subida dos prezos do petróleo lle favorecería no caso de aplicar programas sociais nos sectores máis marxinais da sociedade. Do mesmo xeito, a inexistencia dun líder popular na oposición xoga a favor dun mandatario que conta co apoio incondicional dos seus.

Nembargantes, queda a terceira conclusión, a referinte á presión internacional e a súa influenza. O ex presidente estadounidense Jimmy Carter e o secretario da Organización de Estados Americanos, César Gaviria, viñeron observando persoalmente os procesos de “reparos” refrendarios, así como reuníndose con Chávez para persuadi-lo de chegar ao inevitable revogatorio. Ámbolos dous saen gañando nun momento en que o papel das organizacións rexionais atópase en franca dúbida, trala crise en Haití e Iraq. Gaviria acaba de deixar a secretaría da OEA e, polo tanto, alcanzar un éxito de tal calibre en Venezuela pecharía satisfactoriamente o seu labor. No caso de Carter e o seu centro, unha saída constitucional á crise venezolana daríalle máis prestixio e podería afastar a imaxe dun Washington desesperado por retirar a Chávez, dacordo aos últimos reportes e declaracións públicas que sinalan a inxerencia norteamericana nos asuntos venezolanos a través do National Endowment for Democracy, unha organización case-gobernamental acusada de financiar á oposición anti-chavista.

A negociación agora concéntrase na posibilidade de realizar o referendo na data do 8 ou 15 de agosto. A oposición espera realiza-lo antes do 19 de agosto, data que marca a metade do mandato de Chávez. Se o referendo se realiza despois do 19, o presidente Chávez podería renunciar e quedaría a cargo o vicepresidente Rangel ata as eleccións xerais de decembro do 2006. Con Chávez como “poder na sombra”, nada lle impediría postularse novamente á presidencia nas eleccións do 2006.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2004
Fernando Pol