Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Chávez, reforzado
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 17/08/2004)
 
 

A sólida lexitimación vía referendo do mandato presidencial de Hugo Chávez Frías, gracias ao 58% dos votos obtidos o pasado domingo, aparca momentáneamente a aguda crise socio-política que vive Venezuela dende hai tres anos. Nembargantes, e a pesar das acusaciones de fraude por parte da oposición enrolada na Coordinadora Democrática e o repentino enfrontamento violento nunha manifestación opositora, todo parece indicar que a “revolución de Chávez” transita máis segura e lexitimada a nivel continental. Pero aínda queda por resolver o agudo lastre da polarización social e política interna.

Os resultados do referendo revogatorio do domingo 15 foron posteriormente ratificados polo ex secretario xeral da OEA, o colombiano César Gaviria, e o director do Centro Carter, o ex presidente estadounidense Jimmy Carter. Ámbolos dous foron os expertos aceptados tanto polo goberno como pola oposición como garantizadores do desenvolvemento do referendo. Gaviria e Carter só fixeron unha declaración que avalaba as actas presentadas polo presidente do Consello Nacional Electoral, Francisco Carrasquero, na madrugada do luns 16, e pediron á oposición que aceptara os resultados ou que, caso contrario, presentara as súas supostas probas de fraude electoral.

As tensións renováronse tralas acusacións feitas pola oposición e a súa negativa a aceptar o resultado anunciado polo CNE. Nembargantes, a posterior decisión de Gaviria e Carter deixou aillada á Coordinadora Democrática, quen agardaba o anuncio dos observadores internacionais como a última baza para atopar un sólido apoio ás súas demandas.

A nivel internacional, a victoria de Chávez tampouco deixa moita marxe de dúbidas. México, Brasil, Arxentina, España e Cuba xa anunciaron publicamente o seu recoñecemento á victoria de Chávez, mentres EEUU e a Unión Europea tan só alabaron a alta participación electoral (calculada nun 75%, a máis alta na historia venezuelana), e o civismo amosado polos electores. Coidáronse de apoiar a victoria chavista e, no caso estadounidense, incluso pediron investigar se existen evidencias de fraude electoral.

Visto dende unha perspectiva política global, Chávez volveu a conseguir unha sólida victoria sobre a variopinta e ineficaz dirixencia opositora, ao mesmo tempo que amosou un marcado arte para a supervivencia política. En seis anos de goberno, Chávez someteuse existosamente a oito procesos electorais, ademais de superar o golpe de estado de abril de 2002 e catro folgas xerais, a máis importante a petroleira de decembro 2002-xaneiro 2003. A súa popularidade segue a manterse en niveis estábeis pero a súa imaxe na sociedade venezuelana tamén segue a contribuír á polarización e división social.

No marco do devir social e político venezuelano, o feito de que Chávez poida finalizar o seu mandato en xaneiro de 2007 debería contribuír a aliviar o enfrontamento e a polarización. Chávez ten o apoio dos principais estamentos militares nas Forzas Armadas, mantén maioría parlamentaria e sólida influencia no poder xudicial e unha elevada popularidade, principalmente nos sectores máis desfavorecidos. Os seus amplos programas sociais (desenvolvidos cun gasto próximo aos 3.000 millóns de dólares nos derradeiros meses), contribuíron a fortalece-lo, reforzado polos altos prezos do petróleo, superiores aos $40.

Precisamente, é o petróleo unha das chaves na resolución da crise venezuelana, polo feito de que Chávez podería garantir a estabilidade económica necesaria para os investimentos e o subministro seguro, especialmente cara aos EEUU. Se ben o goberno mantén un férreo control da estatal petroleira PDVSA trala folga do ano pasado, xa comezou as negociacións coas multinacionais do crú para a exploración e explotación de campos petrolíferos. Hai duas semáns, Chevron Texaco propuso un convenio valorado en $6 mil millóns para un proxecto de explotación no río Orinoco, ao mesmo tempo que se posiciona como un dos principais concesionarios na explotación da superficie Deltana. Outras multinacionais como Mobil e LUKoil tamén entraron no mercado venezuelano, calificado por diversos analistas petroleiros como unha das “máis atractivas propostas do mercado actual”, xunto a Libia.

Tan pronto se anunciou a victoria, Chávez declarou que Venezuela seguirá constituíndose como un seguro subministrador de petróleo mentres o prezo do crú baixou unhas décimas, tranquilizando momentáneamente aos mercados.

Por outra banda, a recuperación da economía venezuelana nos derradeiros meses apuntaron forte á “opción Chávez”. Trala contracción negativa en 8-9% no 2002 e 2003, o primeiro trimestre do ano amosou un crecemento de 29,8%, coas expectativas dun índice de crecemento de 10% para o final de ano, segundo a CEPAL. Do mesmo xeito, os investimentos estranxeiros aumentaron un 50% con respecto ao ano anterior. Nembargantes, dende a súa chegada ao poder en 1999, a economía venezuelana contraeuse un 15%, a pobreza agudizóuse, máis de 6.000 empresas e pemes pecharon as súas portas e aumentou a economía informal.

Reforzado Chávez, só queda saber que pasará coa derrotada Coordinadora Democrática. O fracaso, por terceira vez en dous anos, da oposición política no seu intento de sacar a Chávez do poder, pasará factura a unha dirixencia desgastada, percibida polos sectores máis humildes da sociedade (bastión principal de Chávez) como remanentes das oligarquías económicas e políticas. Sen un candidato único lexitimado e popular, poucas opcións teñen nos próximos dous anos, cara ás eleccións lexislativas do 2004-05 e as presidenciais do 2006. A única opción opositora está no 42% que votou en contra de Chávez e a posibilidade dun xurdimento de novos liderazgos e opcións políticas na sociedade civil.

Dende un e outro panorama, aínda queda por saber se o chamado á reconciliación nacional feito por Chávez pódese facer realidade. A división socio-política é clara e se agravaría unha vez os sectores máis radicais da oposición política poderían verse tentados a outra aventura golpista e desestabilizadora aducindo o fraude electoral ou ben Chávez entrara na fase de radicalización da súa revolución. O necesario neste momento é recuperar a cohesión do fracturado tecido social e profundizar no mecanismo democrático, no cal a celebración do referendo foi un exemplo claro. Todo queda nas máns dun presidente reforzado políticamente e que agora posiciónase como un principal referente da esquerda latinoamericana, e dunha oposición obligada a transitar cara un cambio de estratexia.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/08/2004
Fernando Pol