Colombia: as dúas estratexias de Uribe

O proceso de ubicación e desmobilización iniciado o pasado 1 de xullo polo goberno de Álvaro Uribe Vélez e os principais líderes das Autodefensas Unidas de Colombia, co apoio da Unión Europea, a ONU e a Igrexa católica, e os contactos entre o goberno e a guerrilla do ELN, ven a susbtituir o fracaso do proceso iniciado polo anterior presidente Andrés Pastrana coa guerrilla das FARC e a manifestar unha fase decisiva no futuro do longo conflicto colombiano.

As conversas teñen lugar na localidade de Santa Fe de Ralito, un área de 368 quilómetros do municipio de Tierralta no departamento de Córdoba, zona onde as forzas paramilitares dispoñen dunha significativa presenza. Dende a súa constitución en 1998 polo hoxe desaparecido Carlos Castaño, as AUC expandiron o seu radio de acción en 25 dos 32 departamentos do país, mantendo vencellos cos principais narcotraficantes locais e, como sinalan algúns dirixentes e xornalistas colombianos, con membros das Forzas Armadas.

O panorama se presenta agora mais favorable para o presidente Uribe que para o seu antecesor, anque a pantasma do fracaso nas negociacións Pastrana-FARC e as anteriores experiencias de negociación cos paramilitares aínda asoman nubarróns. A estraña desaparición de Carlos Castaño en abril pasado evidenciou o debilitamento político e militar das AUC, divididas en torno a varios líderes locais, cos seus respectivos líderes narcos. O mais visible dirixente paramilitar é Salvatore Mancuso, antigo aliado de Castaño, que agora espera lograr a reinserción na sociedade civil dun "exército" de 15.000 combatentes, e a transformación das AUC nun "movemento político de masas". Ademais, Mancuso espera obter algúns beneficios legais (perdón limitado) para evitar o que mais temen os líderes paramilitares: a extradición a EEUU, polas acusacións de vencellos co narcotráfico.

Uribe ten ante sí unha oportunidade única para definir a súa combinación de política de "garrote duro" coa apertura de canais de negociación. Sabe que a súa popularidade é elevada (algunhas enquisas ubícanna preto do 80%), e que a maioría dos colombianos ansían unha solución militar, e despois política, no conflicto coas FARC. Porque precisamente é iso o que busca Uribe: allanar o camiño de negociación cos paramilitares e o ELN para concentrarse mais adiante, probablemente nunha segunda lexislatura, en derrotar militarmente as FARC. Para iso necesita que prospere no Congreso a súa proposta lexislativa de reelección constitucional, e que o proceso de pacificación paramilitar teña éxito.

Pero Uribe tamén ten ante sí un agudo problema moral: a reconciliación nacional, e todo isto depende de cómo aplique a súa política de perdón limitado ou ilimitado.

Por outra banda, as FARC dan a impresión de atoparse nunha fase de reacomodo dos seus efectivos militares e políticos. Se ignora que está a pasar co seu líder Manuel Marulanda, quen parece seguir un camiño similar ao de Castaño. Tampouco se sabe se existe un sucesor designado, polo que a dirección da guerrilla vai camiño de ser cada vez mais "colexiada" entre o líder militar Raúl Briceño, alias "Mono Jojoy", e os líderes políticos Raúl Reyes e Alfonso Cano. As FARC, acusadas tamén de crímes contra os dereitos humanos e narcotráfico, senténse agora cercadas pola estratexia de Uribe.

A historia recente das negociacións de paz en Colombia non deixa moi bos exemplos. As interrupcións e as rupturas foron unha tráxica realidade, mal presaxio do que podería acontecer agora entre o goberno e as AUC. Colombia, Uribe, Mancuso e as FARC xóganse moito no que se negocia nestes días en Santa Fe de Ralito.