Crónicas clintonianas

Bill Clinton, un dos mais carismáticos presidentes americanos no dicir dos medios, acaba de publicar unha longa autobiografía, "My life", un libro polo que percibiu un suculento adianto de 10 millóns de dólares da súa editorial. Elixe ben o momento: unha verdadeira moda de publicar memorias acontece nos EEUU, país rei no mercado dos mass media, sempre ávido no mercantilismo das lembranzas dos seus principais persoeiros públicos.

Clinton ven a completar o ciclo comezado pola súa dona Hillary, no interese de revelar o que a maioría dos americanos querían saber: cal era a súa opinión do vergonzante "escándalo Lewinsky". Outro caso moi diferente é o da súa ex secretaria de Estado, Madeleine Albright, quen tamén publica as súas memorias simultáneamente coas do ex presidente a quen ela serviu. O caso é que Hillary defraudou a millóns de americanos, porque non escribiu moito sobre a Lewinsky. Só quedaba saber qué tiña que dicir Bill.

O esperado libro de Clinton só pode explicarse dende unha perspectiva política, evidentemente en clave electoral. As eleccións de novembro aparecen como unha boa oportunidade para a reivindicación política dos demócratas trala "ilexítima" victoria de Bush no 2000. O seu candidato, John Kerry, comeza a repuntar nas enquisas, avalado polos escándalos das prisións iraquíes e o enredo de Bush en Iraq. En poucas palabras, un libro escrito por un persoeiro tan carismático, que parece dispor dunha gran receptividade nas filas demócratas, coma Clinton, pode servir de impulso á candidatura de Kerry e á súa posible victoria. Pero o mais interesante é que tamén favorece, indirectamente, a política dos republicanos…

Clinton deixa nas 957 páxinas do libro algunhas inquedanzas e dúbidas sobre a súa verdadeira traxectoria política e as súas percepcións personais. Primeiro, o sorpresivo apoio a Bush na guerra de Iraq, agora minado polos erros da actual administración da Casa Branca. Clinton asegura "admirar" un presidente agora mesmo criticado, entre outras cousas, por escándalos de violacións de dereitos humanos, cunha perda de credibilidade enorme tralas razóns que levaron á guerra no país árabe, desmentidas polo informe do Capitolio. O carismático Bill tamén asegura ter "simpatía" polo primeiro ministro británico Tony Blair, outro que está mergullado no inferno político a consecuencia de Iraq. Sen dúbida, sorpresivas revelacións dun ex presidente que fixo da diplomacia e a negociación o seu principal activo en política exterior, ao contrario do seu sucesor no cargo.

A segunda inquietude é a perspectiva sobre a crise do Oriente Medio que Clinton da a entender. Por todos é coñecido que a paz entre israelíes e palestinos foi un dos principais obxectivos de Clinton, dominado por esa ben coñecida ambición, propia dos mandatarios estadounidenses, de obter algún gran triunfo en política exterior que lle permita "facer historia".

Clinton ben pudo facelo: acadou unha histórica paz entre Rabin e Arafat, pero espetouse coa dinámica dun problema complexo e traicioneiro. Ao líder palestino diríxelle as súas principais críticas. Conta Clinton que, tralo fracaso en Camp David, Arafat despediuse do ex presidente calificándoo de "home excepcional". Clinton desafiouno cunha frase lapidaria: "non son un home excepcional, senon un home fracasado e vostede é un dos principais responsables".

Terceira inquietude: o "escándalo Lewinsky" e a actuación do fiscal Kenneth Starr. Aquí predomina a idea, xa corroborada anteriormente por Hillary, da "conspiración da ultradereita cristiá e conservadora" contra o "progresista" Bill. O ex presidente revela, coma si fora unha grande cousa, o feito de que, trala discusión con Hillary pola revelación de "mentir baixo xuramento", tivo que dormir nun sofá da Casa Branca durante dous meses. Non fixo uso de ningunha das habitacións da Casa Blanca, cousa rara…

De Mónica Lewinsky apenas fala, pero enfatiza a estraña "relación inapropiada" que tiveron durante meses, mentres non cesa de pedir perdón. Ao fiscal Starr, o encargado de levar adiante a posibilidade dun xuizo que nunca chegou, mais por razóns políticas que legais, Clinton lánzalle os seus principais dardos venenosos. Acúsao de servir aos intereses da "conspiración da dereita" e de invadir a súa intimidade e facela pública. Este é un asunto que atormenta a Clinton: o feito de que a súa orixe familiar, cun pai maltratador e un fogar destruido, marcouno para a posteridade a tal punto que tivo que levar a pesada carga do que calificou como "vidas paralelas". O "escándalo Lewinsky" renaceu os seus principais temores da infancia.

Non deixa de ser interesante que Clinton, coas súas memorias, busque algún tipo de resurrección política, pero quizáis non por ambicións persoais, senón pensando na súa dona. O guiño final das memorias van dirixidos á actual senadora polo estado de Nova York: "non teño dúbidas sobre a súa capacidade. Hillary é a persoa mellor dotada que coñezo para a vida pública". ¿Perspectivas electorais de Hillary para o 2008?

Queda claro que Clinton volve á escea pública, pero dende outra perspectiva. ¿Como asesor, como estratega, como home público cunha imaxe que foi manchada por un escándalo ridículo que pudo costarlle a presidencia, pero que aínda ten os pergaminos necesarios para influir no devir dos demócratas? Coas súas memorias, Clinton "renace" políticamente para os demócratas… e os que non queren a Bush. Que tomen nota Kerry e Hillary.