Europa e o “adulterio” turco

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A polémica reforma do Cógido Penal turco está a crear obstáculos entre Turquía e a Unión Europea nas vésperas do informe que a Comisión deberá presentar en Bruxelas co obxectivo de aprobar ou non o comezo de negociacións con Ankara, cara unha futura ampliación. O rexeitamento do goberno islamista moderado de Recep Tayyip Erdogan a modificar a penalización do adulterio provoca friccións coa elite militar turca e os líderes europeos, fieis á lexislación secular. A UE xa advertiu a Erdogan da necesidade de modificar o Código; caso contrario a súa solicitude de admisión sería denegada. O líder turco respondeu a Bruxelas dun xeito lacónico: "non entrometerse nos asuntos internos do país".

A puxa pola lexislación turca é tamén unha loita entre as forzas islamistas mais moderadas e a tradición secular da Turquía republicana. Erdogan sabe que o asunto do Código Penal non é banal, visto tanto dese Bruxelas como dende os poderosos sectores militares turcos e as elites políticas, as cales consideranse os "gardiáns do laicismo turco" e do legado de Mustafá Kemal Atatürk. Nun país de case 70 millóns de habitantes, cunha poboación urbanizada nun 75% pero carcomida por elevados niveis de pobreza, os sectores mais humildes conservan as tradicións islámicas "populares", polo que o asunto do adulterio remite ás súas propias creenzas.

Polo tanto, Erdogan intenta nivelar un debate fortemente polarizado entre os laicistas e os islamistas dentro dunha Grande Asemblea Nacional que debeu suspender a discusión por falta de quorum. A reanudación prevista para o 1 de outubro case coincide coa data, o día 6, en que a Comisión presentará o seu informe sobre os pasos dados por Turquía. Moitos pensan que agora é prácticamente imposíbel que o poder lexislativo aprobe en tempo a modificación, tralo recente ultimato de Bruxelas.

O problema para Erdogan é que o asunto do Código Penal vai acabar por "tirar por terra" o relativo consenso dos líderes europeos por aceptar as aspiracións turcas de admisión, as cales deberán facerse públicas o mes de decembro, tralo informe da Comisión en outubro. Deste xeito, o efecto 11/S e a actual guerra contra o terrorismo, favoreceu a imaxe dunha Turquía islámica pero secular, occidentalizada e sempre atractiva xeopolíticamente. Do mesmo xeito, as reformas iniciadas hai dous anos polo anterior goberno de Bulent Eçevit e continuadas e ampliadas polo actual de Erdogan, se conformaron en Ankara como unha verdadeira "carreira contra o reloxo" por adaptarse ás esixencias europeas. A Asemblea Nacional aprobou a eliminación da pena de morte, a protección dos dereitos das minorías, a utilización pública da lingua kurda, a liberación da activista kurda Leyla Zana e afinou a balanza de poder entre os civís e os militares.

O goberno de Erdogan tamén contribuiu a despexar as tensións en torno ao problema de Chipre, hoxe integrado na UE na súa parte grega, ademais de que, en case dous anos de goberno, a economía turca superou as secuelas da crise financieira do 2001, cun crecemento preto do 8%, o saneamento das finanzas e a diminución do desemprego. Con estes resultados, países como Alemaña, Francia, Gran Bretaña, España, Italia e o chamado "inimigo histórico" turco, Grecia, anunciaron o seu apoio ás demandas de Ankara, anque non todos aceptan o eventual ingreso turco. O goberno austriaco amósase en contra, así como os demócrata-cristiáns alemáns, tralas declaracións feitas por Anxela Merkel, líder da CDU. O aumento da ultradereita nalgúns países europeos tamén ten que ver co seu rexeitamento ás comunidades turcas e os 12 millóns de musulmáns que son cidadáns europeos.

A puxa entre o laicismo, o islamismo e a ampliación determinará tanto a decisión final de Bruxelas coma os pasos que Ankara debe dar a futuro, en caso de que sexa aprobada a súa solicitude e a UE outorgue unha data (presumiblemente, entre dez e vinte anos) para o ingreso definitivo. Pero non todo é un "camiño de rosas". O interese occidental de amosar unha Turquía laica e islámica como modelo de convivencia para o mundo musulmán, non ten o éxito garantido. Turquía non exerce unha grande influencia no mundo musulmán, anque é verdade que o rexeitamento europeo á integración turca podería ter consecuencias nefastas. En realidade, o dilema turco-europeo ten moito que ver cos imperativos civilizacionais.