Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Haití, matadoiro do Caribe
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 17/02/2004)
 
 

Haití, o país máis pobre do hemisferio occidental, camiña cara á anarquía e á guerra civil mentres o seu presidente, Jean Bertrand Aristide, se aferra cada vez máis ó poder. A crise haitiana está a converterse nun novo test para a OEA, aleccionada pola delicada situación socio-política venezolana e a febleza democrática nalgúns dos países rexionais.

A rebelión nacional contra o mandatario haitiano comezou o pasado xoves 5 na cidade de Gonaives, na rexión da Artibonite, ó norte do país, cando centos de manifestantes asaltaron unha estación policial, provocando 14 mortos. A expansión da rebelión contra Aristide, acusado de corrupción e autoritarismo, chegou á cidade portuaria de Saint Marc, así como ás cidades de Trou de Nord, Listere e Grand Goave, onde unha turba de persoas asaltaron e saquearon estacións policiais, establecementos privados e embarcacións no porto.

A feroz rebelión, encabezada por desordenados grupos armados de civís, xa tomou practicamente o norte da illa, cortando comunicacións e camiños entre as rexións e a capital, Porto Príncipe, a pesar de que a última hora a policía logrou recupera-lo control do porto de Saint Marc, lugar onde se viviron grotescas escenas, cos insurrectos despedazando a machetadas os corpos das súas víctimas.

Resulta paradoxal o caso haitiano por dúas razóns. Primeiro, porque a illa de 8 millóns de habitantes está celebrando este ano o 200 aniversario da súa independencia da metrópole Francia (feito que levou a Haití a proclama-la primeira República negra no mundo), en medio da peor situación interna da última década, que ameazaba no só con acabar co poder de Aristide, senón con atizar un panorama anárquico con posibilidade de converterse en conflicto armado. A segunda razón deste paradoxo é que a crise haitiana está complicando aínda máis o labor hemisférica da OEA, xa o suficientemente ocupada pola situación en Venezuela e a rexión andina, así como a de outros organismos rexionais coma o CARICOM.

A forte presión de grupos opositores, moitos deles constituídos en incontrolables grupos armados, está colocando en xaque a posición política de Aristide. Recentemente, o primeiro ministro Yvon Neptune declarou que a oposición “está fomentando un golpe de Estado” mentres aseguraba que o goberno non era o responsable de organiza-la violencia.

A inédita insurrección permitiu coñece-lo alcance do grupo opositor Fronte de Resistencia de Gonaives, e a existencia dunha variada e desorganizada oposición, o que arroxa recelos sobre a futura estabilidade do país. A violencia que leva meses asolando o país, provocou até o de agora preto de 70 mortos, producto dos enfrontamentos entre a policía, os manifestantes e os simpatizantes do presidente.

O líder da Fronte, Buter Metayer, é familiar do que fora principal opositor a Aristide, Amiot Metayer, asasinado en setembro pasado. Buter Metayer é un antigo simpatizante de Aristide que agora se converteu no seu principal rival xa que acusa ó presidente de estar detrás da morte do seu parente. No aspecto político, o principal partido opositor é Converxencia Democrática, que se nega a asistir ás sesións lexislativas até que Aristide renuncie. Nas cidades controladas polos insurrectos, creáronse comités veciñais para axudar ós rebeldes a controlar e vixia-las zonas.

Nesta incerta e caótica situación, o líder dos insurrectos semella ser Winter Ettienne, líder da Fronte de Resistencia anti-Aristide, que ordeou ós seus simpatizantes prosegui-la rebelión nacional.

Pola parte oficialista, Aristide concentrouse en formaliza-la existencia de grupos paramilitares que acosan e reprimen ós seus opositores. O máis coñecido de todos eles é o “chirere”, pero o máis importante é un grupo denominado “Exército do Caníbal”, formado por coñecidos líderes de bandas criminais. Este peculiar “exército”, constituído como a Fronte de Resistencia de Gonaives, é o que actualmente controla Bruno Metayer. Por outra banda, Aristide aínda controla importantes sectores populares, especialmente nos barrios máis pobres da capital.

En toda esta voráxine social e política, atópanse a OEA e o CARICOM ou Comunidade do Caribe. Ambos organismos activaron mecanismos de sancións contra o goberno de Aristide, cominándoo a que celebre novos comicios presidenciais ou a que renuncie definitivamente.

A negativa do presidente haitiano a acepta-las recomendacións da OEA enfróntao agora á posibilidade dun illamento hemisférico que complicaría aínda máis a crítica situación interna. Nos EEUU e na veciña República Dominicana, onde se concentra a maior parte da diáspora haitiana, prémese politicamente á OEA e ós gobernos rexionais para que actúen contra Aristide.

Deste xeito, e visto o panorama actual, Haití reúne tódalas condicións dun país considerado “Estado falido”, incapaz de gobernar, fragmentado en diversas faccións civís armadas, a polarización política e a extrema pobreza, e suxeito á intervención internacional, ben sexa a través da OEA ou, novamente, do Exército estadounidense.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2004
Fernando Pol