Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
O incerto futuro haitiano
Por Roberto Mansilla Blanco (Galicia Información, 03/03/2004)
 
 

A pesar de que a fuga do ex presidente haitiano Jean Bertrand Aristide abre unha eventual e repentina solución ó conflicto do país caribeño, a situación cara ós próximos meses dista moito de mellorar. No tapete está o que farán os xefes da rebelión militar, a realidade dun Estado fraccionado, unha oposición politicamente feble e os intereses de Washington e París.

A caída do rexime de Jean Bertrand Aristide, posibilitada polo inédito eixo Washington-París-Ottawa, abre un novo capítulo na convulsionada illa caribeña que, salvo que se acade un clima de seguridade e estabilidade, non amosará melloras inmediatas nos próximos meses. Unha das razóns principais deste problemático escenario constitúeo o feito de que a presión externa para a saída de Aristide e a intervención de tropas estadounidenses e francesas como garantes da transición, non é de completo agrado a nivel rexional, especialmente no seo do CARICOM, tal e como sinalou o primeiro ministro xamaicano P.J. Patterson.

Nos círculos diplomáticos e políticos estímase que o respaldo de Washington e París á caída de Aristide e a asunción do procurador Boniface Alexandre como novo xefe de goberno até a realización de novas eleccións podería provocar un prexudicial efecto noutras latitudes hemisféricas á hora de apoiar ou non a gobernos elixidos democraticamente que veñen perdendo a súa lexitimidade. Neste apartado, o labor da OEA, a ONU e outros organismos rexionais, está en tela de xuízo, sobretodo tendo en conta que unha crise aguda e semellante á de Haití se está a escenificar paralelamente en Venezuela con respecto ó presidente Hugo Chávez e as lexítimas tentativas da oposición por convocar un referendo revogatorio ó seu mandato, pugna política provocou nos últimos días graves enfrontamentos directos entre as forzas de seguridade e os simpatizantes civís da oposición.

Outro dos puntos de preocupación da crise haitiana é a natureza e os obxectivos que os líderes da rebelión militar contra Aristide poderían ter na constitución dun novo goberno. O xefe dos militares rebeldes, Guy Philippe, de a penas 36 anos e que debe o seu ascenso castrense ó propio Aristide, non deu mostras aínda de posuí-lo mando completo das bandas militares alzadas contra o ex presidente dende hai días. A Fronte de Resistencia Nacional posúe outros líderes como Bruno Metayer e Phillipe Ettienne, ó que o propio Guy Phillipe cualificou como o verdadeiro líder da resistencia. Entre os líderes rebeldes poderían aflorar diferencias políticas sobre o futuro da nación.

Ningún deles semella ter conexións directas cos líderes da oposición política, incluso estes mesmos se desmarcaron abertamente dos rebeldes. A pesar de que os rebeldes teñen manifestado repetidamente o seu rexeitamento á intervención estranxeira, mostraron un indirecto apoio ós 300 marines estadounidenses e franceses que chegaron inmediatamente a Porto Príncipe, horas despois de que Aristide saíra do país con rumbo á República Centroafricana, tras unha decisión emanada do Consello de Seguridade da ONU horas despois do abandono do poder por parte de Aristide. Isto espertou as sospeitas entre os partidarios de Aristide e diplomáticos veciños, de que Washington apoiaba ós rebeldes.

O estilo autoritario e represivo de Aristide deixará igualmente unha pegada negativa no curso do accionar político da nación, a raíz do feito de que Aristide aínda conserva unha considerable popularidade e grupos armados que poderían provocar enfrontamentos contra os rebeldes e as forzas estranxeiras. Se ben o clima de enfrontamento e saqueos a nivel nacional minguou nas últimas horas, o camiño cara á estabilización nacional semella aínda complicado e é pouco probable que Haití vaia ás eleccións xerais este ano. Durante todo este tempo, a situación evolucionará cara á lexitimación, por parte da OEA e a ONU, do novo goberno provisional de Alexandre apoiado polas forzas estadounidenses e francesas, e nas múltiples negociacións cos partidos políticos opositores, o oficialista Familia Lavalas e os rebeldes militares, a fin de conformar un novo goberno nos vindeiros 90 días, tal e como reza a Constitución do país. Outro punto importante será o desarmamento das descontroladas bandas armadas en todo o territorio, proceso aínda incerto e que correrá en maior medida por parte das forzas estranxeiras lexitimadas pola ONU.

Para palia-las dificultades económicas da nación máis pobre do hemisferio occidental, o goberno de George W. Bush verase na obriga de liberar paquetes de axuda económica, valorados en 500 millóns de dólares, que foran suspendidos logo de que se comprobara o fraude realizado por Aristide nas eleccións presidenciais de 2000. A axuda económica busca tamén evitar un novo éxodo de haitianos ás costas de Florida.

En canto ó futuro de Aristide, pouco se pode conxecturar. O ex mandatario haitiano, que dende que chegou á República Centroafricana declarou ter sido “secuestrado” polos EEUU, espera obte-lo asilo político por parte do goberno de Sudáfrica. Outros destinos que se manexaron como eventuais refuxios do ex mandatario haitiano foron Panamá e Costa Rica, así como Ecuador, país que acolleu durante un tempo ó líder rebelde Guy Phillipe como enviado de Aristide para preparación militar, sendo desbotada a posibilidade de que a veciña República Dominicana o recibise. Outra opción podería ser Taiwán, tralo anuncio non oficial do seu goberno de que estaría disposto a recibir a Aristide.

O problema para Aristide agora é obter canto antes un lugar de refuxio porque nos próximos meses, e todo depende de como evolucione o novo goberno, as denuncias contra o ex mandatario sobre violacións dos dereitos humanos poderían incrementarse, coa posibilidade aínda afastada da repatriación e o enxuizamento. Resulta claro que Aristide non poderá viaxar ós EEUU, lugar que lle deu refuxio cando foi obxecto dun golpe de Estado en 1991, e que permitiu a restauración do seu goberno trala invasión militar estadounidense de 1994. A dona e os fillos de Aristide son nacionalizados estadounidenses, pero xa en Washington avisaron de que non lle concederán asilo a ningún membro da súa familia.

En canto ós posibles sucesores de Aristide, existen múltiples opcións cara ás eleccións presidenciais, ou negociacións das forzas políticas e militares. Agárdase a conformación dun grupo tripartito con representantes da comunidade internacional, a sociedade civil e figuras moderadas do partido do goberno Familia Lavalas de Aristide, que nomea un Consello de Persoas Eminentes que dirixa a transición. Este grupo recomendaría o nomeamento dun novo primeiro ministro ó presidente en activo, na actualidade Boniface Alexandre, para que prepare as novas eleccións.

Os nomes que máis soan para o cargo de primeiro ministro son Herard Abraham, un respectado antigo comandante do exército haitiano e vello coñecido de Aristide que vive arestora no sur do condado Miami-Dade, e Smarck Michel, un destacado home de negocios antigo primeiro ministro baixo Aristide cando este retornou ó seu cargo cargo despois da invasión armada dos Estados Unidos en 1994. Michel posúe negocios preto do aeroporto de Porto Príncipe que foron obxecto da ira dos partidarios de Aristide durante os saqueos previos á partida do ex presidente.

Xunto á constitución dun novo goberno legal e lexítimo, o outro gran reto para os próximos días será a conformación dun clima de seguridade nun país azoutado pola anarquía. Sen Exército dende 1994 e cunha forza policial desmantelada entre os simpatizantes e os opositores de Aristide, as tarefas de seguridades lle corresponderán á forza multinacional da ONU, principalmente conformada polos 1,000 efectivos estadounidenses, franceses e británicos que chegarán ó país nas próximas horas. Isto fai de Haití un obxectivo para a política exterior de Washington de reconstrucción nacional, semellante ós que actualmente ocorren en Afganistán e Iraq.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2004
Fernando Pol