20041218bruselas turquia europa

O noviazgo condicional entre Turquía e Europa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A intensa rolda de negociación dos xefes de Estado e de goberno europeos para decidir, co respaldo da Comisión e do Parlamento, o inicio "condicionado e sen garantías", a partir de outubro de 2005, das negociacións para unha eventual e futura admisión turca na Unión Europea, sen dúbida constitúe un momento histórico na evolución da idea da identidade e a integración europeas. Bruxelas enfróntase ao seu reto máis difícil, aínda máis complicado que a derradeira ampliación aos dez países da Europa do Leste, ademais de Malta e Chipre. Precisamente, a clave da decisión europea estivo no complicado recoñecemento turco desta illa mediterránea, un feito que tamén constituiu un avance histórico nas relacións turco-greco-chipriotas e da seguridade do Mediterráneo.
 

A finais do século XIX, as potencias europeas calificaron ao Imperio otomano como "o home enfermo de Europa". A Turquía republicana concebida por Kemal Atatürk, herdeira dese pasado otomano, elixiu a "occidentalización" como modelo e comezou nos anos sesenta as súas demandas para ingresar nunha Comunidade Europea en pleno desenvolvemento. Hoxe, un amplo debate en canto ás razóns históricas, relixiosas, culturais, económicas e xeopolíticas vense presentando en torno á posibilidade de que Turquía sexa ou non admitida nunha Europa unida. Alén das razóns obxectivas ou dos estereotipos creados, Bruxelas e Ankara parecen camiñar nun mesmo sentido, aínda que o risco dun afastamento pode ter consecuencias moito mais perigosas que os obstáculos socio-económicos, políticos e culturais que as separan.

A intensa rolda de negociación dos xefes de Estado e de goberno europeos para decidir, co respaldo da Comisión e do Parlamento, o inicio "condicionado e sen garantías", a partir de outubro de 2005, das negociacións para unha eventual e futura admisión turca na Unión Europea, sen dúbida constitúe un momento histórico na evolución da idea da identidade e a integración europeas. Bruxelas enfróntase ao seu reto máis difícil, aínda máis complicado que a derradeira ampliación aos dez países da Europa do Leste, ademais de Malta e Chipre. Precisamente, a clave da decisión europea estivo no complicado recoñecemento turco desta illa mediterránea, un feito que tamén constituiu un avance histórico nas relacións turco-greco-chipriotas e da seguridade do Mediterráneo.

Ao igual que Bruxelas, Turquía sente chegada a súa "hora da verdade", na que a sociedade deberá experimentar en profundidade as vantaxes e complexidades do modelo de "occidentalización". A data de ingreso é unha incógnita que virrá determinada pola evolución das negociacións. En todo caso, será posterior ao 2014.

Obviamente, existe en Europa un temor cara o "mundo turco" que xa era notorio dende a expansión otomana no século XIV. O "orientalismo" decimonónico europeo apuntalou directamente o proxecto imperialista occidental cara as rexións turco-otomanas. Na actualidade, a verdadeira preocupación ten que ver co dilema que supón dixerir a integración dun país musulmán, cunha historia e cultura dividida entre Oriente e Occidente, provisto dunha poboación numerosa e menos desenvolvida dacordo cos cánones socio-económicos das sociedades avanzadas e que, polo imperativo demográfico que determina as decisións na Comisión Europea, en caso de ingresar, Turquía podería desprazar a Alemaña coma o principal actor na toma de decisións da Europa do futuro.

Tamén pódese considerar que a democracia turca só é comparábel coas de Europa occidental no seu particular proceso de secularización, mais non en materia de liberdade e dereitos civís (neste apartado, teñanse en conta os casos dos curdos, as minorías relixiosas, a aplicación da tortura, Chipre, etc), a pesar dos avances legais do actual goberno islamista de Recep Tayyip Erdogan. E, para rematar, políticos e intelectuais europeos argumentan que a tradicional alianza turca con Washington fai deste país unha especie de "cabeza de ponte" do poder estadounidense en pleno corazón europeo, ademais de que o factor xeográfico que supón unha Turquía dentro da UE ampliaría as fronteiras europeas a rexións tan conflictivas como Iraq, Irán, Siria, o Cáucaso e o inmediato corredor euroasiático ata China, onde tamén atópase un "mundo de fala túrquica" de 100 millóns de habitantes.

Non deixa de ser característico que o "problema turco" revela en sí mesmo un enigma relativo á esencia e o alcance da identidade europea. Europa amplíase sen saber antes qué quere ser, polo que fanse necesarias unha serie de interrogantes: ata onde chega Europa, cultural e xeograficamente? É Europa un "club cristiano", tal e como a calificara o ex presidente turco Turgut Özal? Ten a relixión e a cuestión civilizatoria (Huntington dixit) un papel preponderante nas relacións internacionais e na configuración dun dilema europeo entre a súa ascendencia "xudeo-cristiana" e a súa configuración "laica"? Hoxe en día, Bruxelas e Ankara, están tan lonxe ou tan perto de sí mesmas?

As razóns históricas teñen tanto peso neste asunto que hoxe unha das principais críticas que Europa (con Francia á cabeza) espétalle a Turquía, ten que ver co recoñecemento turco do xenocidio armenio de 1915. Tamén atópase a realidade do poder dunha elite militar turca que corresponde á clave para a resolución do tema dos dereitos humanos e Chipre. Se ben a casta militar turca, tradicionalmente occidentalizada, supón un claro obstáculo nas relacións turco-europeas, precisamente ese poderío militar turco serviullle no pasado a Europa occidental e a EEUU, por medio da OTAN, cando a ameaza era a URSS ou en crises mundiais como a guerra do Golfo de 1991. Daquela, Turquía era cualificada coma "o centinela de Occidente". Hoxe perdeu ese papel, en favor da súa importancia xeo-estratéxica política e enerxética.

Nun escenario internacional onde está novamente no tapete a secular confrontación entre Occidente e o Islam, Turquía pode servir como "ponte de comunicación", aínda que a súa influencia no mundo musulmán non sexa decisiva nin maioritaria, precisamente polo seu afastamento cultural cos países musulmáns e a adopción do laicismo. Para os grupos radicais islamistas, así como para os autoritarios rexímenes árabes, o éxito do "islamismo laico" na Turquía de Erdogan constitúe unha ameaza potencial, polo posíbel éxito en coordinar o Islam cunha democracia laica. Neste apartado, Europa pode contribuir tendendo precisamente esa "ponte de comunicación" con Turquía, e facilitando a viabilidade desta "revolución" de Erdogan.

Os factores xeopolíticos tamén contan, aínda que constitúen un arma de dobre fio. Turquía é paso obrigatorio dunha serie de oleoductos e gasoductos dende o Mar Caspio ata Occidente, ademais de ser considerada unha das dez principais economías emerxentes e un mercado potencial. Aliada a Bruxelas e Washington, Turquía fai de "cordón sanitario" nas aspiracións estratéxicas de Rusia e Irán e un socio importante na estabilidade da área mediterránea, cos Balcáns, o Maghreb e Oriente Medio. Un rexeitamento definitivo da candidatura turca significaría a perda dun aliado estratéxico, que buscaría precisamente en Moscova, Teherán e incluso Beijing, unha xanela xeopolítica alternativa.

O "problema turco" ten dividida social e políticamente aos europeos, mediatizados pola presenza de 12 millóns de musulmáns e o reto que supoñen para a conformación da cidadanía europea. No caso do ingreso turco, xa ninguén podería acusar a Europa de ser un "clube cristiano", aínda que para o 2015-2020, non sabemos qué Turquía e qué Europa teremos. Parece contradictorio, pero é precisamente un goberno islamista o que coroou o inicio de negociacións con Bruxelas. No fondo, todo parece ser un problema de identidades, culturas e civilizacións, polo que Huntington poida que tivera algo de razón.