Terror na casa de Saud

Os ultimos atentados terroristas contra complexos residenciais da industria petroleira saudí, nas cidades de Yambú e Khobar, que causaron preto de 30 persoas mortas, revelan unha nova fase da estratexia de Al Qaeda para desestabilizar a monarquía saudita e poder influír no mercado enerxético.

A crise de Khobar, lugar onde un comando terrorista secuestrou a 250 persoas, entre elas cidadáns norteamericanos, europeos, asiáticos e árabes, revela tamén a ineficiencia e inestabilidade dos servizos secretos do reino wahabita, a pesar de que os mesmos xa foran avisados de antemán polas axencias de seguridade estadounidenses do perigo de atentados terroristas no país árabe. Aínda hoxe, tres membros do comando están declarados fuxitivos, e as autoridades sauditas intentan "peinar" varias residencias e zoas para pode-los atrapar.

A excesiva dependencia da seguridade saudí das máns estadounidenses é cada vez mais patente, feito que contribúe a expandir a ideoloxía salafista de Al Qaeda e atizar o descontento popular cara a monarquía de Al Saud.

A repercusión dos ataques no mercado petroleiro non se fixo esperar: o prezo do crudo Brent, principal referencia para os EEUU, chegou ata os $39,45. Os países membros da OPEP, reunidos en Beirut, acordaran aumentar a producción petroleira ata os 2,5 milleiros de barrís diarios, e incluso o reino saudita estimou producir 700.000 barrís mais para xuño, a fin de estabilizar o prezo OPEP e evitar a evidente tendencia alcista das últimas semanas. A gravidade da crise actual quedou patente nas declaración do líder relixioso saudita, Abdulaziz bin Abdala, cando pedíu aos seus compatriotas "actuar para protexer a riqueza petroleira" do reino.

O problema do mercado petroleiro é que moitos dos membros da OPEP están producindo moi por riba da súa capacidade máxima de explotación, como é o caso de Venezuela. Isto, xunto á nova fase do terrorismo global, marcará a tendencia alcista do cru cara os próximos meses, o que preocupa a Washington nun momento en que debe definir a situación en Iraq. Do mesmo xeito, a proximidade das eleccións presidenciais de novembro e a posibilidade de que a economía estadounidense, agora en fase de expansión, chegue a entrar en recesión debido ao alza no prezo do barril que afecta á inflación, causa zozobra nos círculos políticos e económicos da administración Bush.

Dende o punto de vista estratéxico, os ataques de Yambú e Khobar amosan unha clara definición de que Al Qaeda volve ás súas tácticas orixinais de atacar hoteles, complexos petroleiros e militares e outros símbolos da presenza occidental no mundo árabe. O obxectivo agora é provocar en Arabia Saudita unha especie de "efecto Irán" semellante ó que sucedeu en 1979, coa caída do Sha de Irán a máns dun réxime fundamentalista islámico. Agora, para Al Qaeda, só cabe a posibilidade de que o reino saudita sexa substituido por un réxime de ideoloxía salafista, con profundas repercusións na situación do Iraq, o conflito palestino-israelí e a situación en Exipto e outros países da rexión aliados de Washington.

Nestes momentos, o panorama luce propicio para un escenario de tal calibre. O príncipe Abdullah, gobernante do reino ante a doenza do rei Fahd, confronta unha aguda polarización social, entre as clases medias que piden reformismo e liberalización, e as elites wahabitas que reforzan o carácter islámico do réxime. Pola outra banda, as clases populares ven na ideoloxía revolucionaria salafista dos grupos caritativos e relixiosos, afiliados ou non a Al Qaeda, unha nova alternativa de superación social.

En relación á actividade e expansión de Al Qaeda, o recente informe do "think tank" estadounidense International Institute for Strategic Studies, IISS, revela que o grupo terrorista de Osama ben Laden aínda mantén mais de 18.000 militantes "jihadistas" nos campos de entrenamento do mundo islámico, e que os mesmos aumentaron trala invasión anglo-estadounidense de Iraq. Outra razón de preocupación para Washington é a posibilidade dun gran ataque terrorista nos EEUU de aquí ata as eleccións presidenciais de novembro, tal e como manifestou o fiscal xeral John Ashcroft. Os Xogos Olímpicos de Atenas semellan ser outro obxectivo do terrorismo global. O efecto político do 11-M de Madrid tamén podería ter sentido na actual coxuntura estadounidense.