tavare uruguai

Uruguai: a hora de Tabaré

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Médico de profesión, Tabaré constitúe a personificación dunha interesante alternativa de reforma política e social nun país tradicionalmente conservador. Foi o primeiro político de esquerda en acadar a alcaldía capitalina en 1989, e substituíu ao líder histórico do Frente Amplo, o xeneral Líber Serigni, cinco anos despois. Perdeu por escasa marxe dúas eleccións presidencias en 1994 e 1999, derrotas que ratifican a súa traxectoria política de demócrata convencido.
 

Por primeira vez nos seus 174 anos de historia republicana, Uruguai non vai ser gobernado polos tradicionais partidos conservadores, Colorado e Nacional. O éxito da plataforma política Encontro Progresista-Frente Amplo, liderada polo candidato Tabaré Vázquez, confirma a viraxe cara a esquerda en América do Sur e suscita un escenario de cambio interesante e necesario, mais non por iso menos incerto. Unha análise de Roberto Mansilla Blanco.

Esta viraxe vense manifestando na rexión desde a victoria de Hugo Chávez en Venezuela en 1998. No 2000, o socialista Ricardo Lagos triunfa en Chile; un ano despois, Alejandro Toledo converteuse en presidente do Perú. No ano 2002, Lucio Gutiérrez en Ecuador, Lula en Brasil e Néstor Kirchner na Arxentina, mudan o péndulo político suramericano do chamado "consenso de Washington" dos anos noventa ata novas alternativas, reforzadas pola revolta social boliviana a finais do 2003 que acabou coa presidencia de Gonzalo Sánchez de Lozada. No caso de Lula e Kirchner, o obxectivo das súas políticas é deseñar unha estratexia común, a través do MERCOSUR, fronte ao ALCA defendido desde Washington.

Polo tanto, coa súa contundente victoria na primeira volta, Tabaré Vázquez confirma este cambio cíclico nun momento sumamente crítico para o Uruguai, un país fortemente dependente da evolución política dos seus dous principais veciños e socios comerciais: Brasil e Arxentina. O país aínda sofre os embates da forte crise financieira do 2002, que deu cabida á peor situación económica da súa historia recente. A incrible débeda externa (¡calculada nun 100 % do PIB!) mantén ao goberno atado aos compromisos financieiros internacionais. O aumento da pobreza foi significativo nos derradeiros anos: máis de .000 persoas nun país de 3,4 millóns de habitantes, dos cales máis de dous millóns viven na capital, Montevideo. Este escenario deu cabida a que a emigración comezara a concretarse como unha seria alternativa para a outrora boiante clase media.

Os vaivéns co MERCOSUR e o reforzamento do eixe estratéxico Brasilia-Bos Aires, deixou ao goberno conservador de Jorge Battle nunha delicada situación, condicionada pola súa política de aliñamento cos EEUU e un leve afastamento do MERCOSUR. Do mesmo xeito, as secuelas da dictadura militar dos setenta aínda perduran: unha polémica lei de amnistía divide políticamente ao país. Tabaré deberá afrontar agora esta débeda co pasado.

O panorama para Uruguai puidérase completar con outras características. A estructura social aínda mantén os parámetros de estabilidade que fixeron deste país un dos máis avanzados do continente. Segundo o Banco Mundial, pese á crise do 2002, o país aínda exhibe a mellor distribución de riquezas na rexión máis desigual do planeta e é o segundo menos corrupto en América Latina, despois de Chile, segundo fontes de Transparencia Internacional. Do mesmo xeito, Uruguai rexistra un dos mellores índices en Desenvolvemento Humano, segundo o PNUD.

Sendo esta a realidade, cómo evolucionará a "alternativa Tabaré"? A incógnita aumenta ao mesmo tempo que o seu ideario e a súa evolución política amosan posicións diverxentes. Médico de profesión, Tabaré constitúe a personificación dunha interesante alternativa de reforma política e social nun país tradicionalmente conservador. Foi o primeiro político de esquerda en acadar a alcaldía capitalina en 1989, e substituíu ao líder histórico do Frente Amplo, o xeneral Líber Serigni, cinco anos despois. Perdeu por escasa marxe dúas eleccións presidencias en 1994 e 1999, derrotas que ratifican a súa traxectoria política de demócrata convencido.

Nembargantes, para algúns analistas dentro e fóra do país, causa preocupación a presencia de elementos da esquerda radical uruguaia, personificados nalgúns elementos da famosa guerrilla urbana dos "Tupamaros". Para outros, o "fenómeno Chávez" e o perigoso exemplo venezuelano, poderían exercer influencia no devenir político uruguaio. Semella difícil que Tabaré elixa este camiño. O seu será un modelo máis axustado aos exemplos de Lula en Brasil e Lagos en Chile, que lidere unha etapa transitoria de cambios estructurais, pero baseados nunha aproximación pragmática.

Sexa como sexa, Uruguai enfronta unha dinámica etapa de cambios, vencellada á evolución rexional cara procesos alternativos, cheos de incógnitas, pero tamén de moitas esperanzas.