Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Venezuela: Xeopolítica, petróleo e revolución
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 07/09/2004)
 
 

Días antes do referendo revogatorio do 15 de agosto, unha información da axencia France Press, citando fontes petroleiras en Londres, titulaba así: “Mercado petroleiro desexa victoria de Chávez en Venezuela para evitar crisis”. Tanto a AFP como Julian Lee, analista do Center for Global Energy Studies, coincidían en sinalar que “o mercado necesita un voto claro e decisivo” no referendo e que, se Chávez gañaba, “podería darse un período de estabilidade política necesaria para os investidores. Isto calmaría as inquietudes sobre o subministro mundial”.

Para os venezuelanos, o que se xogaba no referendo era a posibilidade de poñer fin a case tres anos de enfrontamentos entre o goberno e a oposición e traballar nun proxecto de país garante dun consenso e gobernabilidade a corto e longo prazo. Para os organismos rexionais e os veciños de Venezuela, o referendo significaba a necesidade de pacificación dun país ao borde do conflicto, coa posibilidade de expansión exterior do mesmo, e a revitalización da función dos organismos de integración rexional á hora de mediar nas situacións conflictivas.

Para os mercados petroleiros, o que se decidía en Venezuela era, en boa medida, a garantía de estabilidade na demanda e subministro de enerxía. A interminable crise de Iraq e os atentados nos seus oledouctos, a inestabilidade terrorista en Arabia Saudita e política en Nixeria e a ofensiva do goberno ruso de Putin contra a empresa YUKOS, eran escenarios demasiado preocupantes para que agora, Venezuela se engadira con consecuencias incertas.

O problema actual do mercado de crú, nunha época de petróleo caro, é o aumento da demanda mundial, especialmente en China, India e EEUU, ademais do agotamento das reservas e a inestabilidade dos principais escenarios xeopolíticos de subministro, como Medio Oriente e o Mar Caspio.

Polo tanto, a victoria de Chávez no referendo, inmediatamente lexitimada polos gobernos continentais e europeos, así como os organismos rexionais, constituiu o signo de estabilidade que as multinacionais e os mercados necesitaban para frear a imparable subida no prezo do crú, que chegou preto dos $50 o barril días despois. De feito, o prezo Brent baixou ata os $40,64 mentres en Nova York, o índice nos mercados a futuro afincouse en $43,18.

Para o propio Chávez, esta victoria adiantou unha nova e decisiva fase do proceso revolucionario bolivariano, pautada en principio para o 2006. Queda por saber como se ampliarán as canles de comunicación cunha oposición fragmentada nun país social e políticamente aínda perigosamente polarizado.

Do mesmo xeito, a victoria no revogatorio tamén acelera o proxecto continental de Chávez dos “eixos estratéxicos”, como reforzamento dun intenso xiro á esquerda na rexión. O obxectivo é opoñerse aos plans de Washington de constituír o ALCA a partir do 2005. Neste sentido, Chávez conta co apoio de mandatarios como Lula, Kirchner e Fidel, e movementos políticos como os sandinistas, o Frente Amplo uruguaio e os indíxenas en Bolivia e Ecuador. A diferencia é que, actualmente, diversos gobernos como Colombia, Perú e Ecuador xa negocian directamente con EEUU tratados de libre comercio.

A nivel de política rexional, o monitoreo da situación venezuelana facíase constante. En Brasil, con intereses políticos moi estreitos con Caracas, a victoria de Chávez tamén constitúe o reforzamento dun eixo xeopolítico Brasilia-La Habana-Caracas-Bos Aires, onde o petróleo xogaría un papel esencial á hora de iniciar negociacións comerciais con EEUU e Europa. O goberno de Lula apostou forte pola estabilidade vía referendo, enviando ao seu voceiro, Pecly Moreira (amigo persoal de Chávez e fundador do Foro de Sao Paulo), como observador xefe do Grupo de Amigos. O Partido dos Traballadores e o MST tamén fixeron declaracións públicas de apoio á revolución bolivariana días antes do referendo, o que evidenciaba unha mestura de simpatía ideolóxica con intereses xeopolíticos.

No que respecta a Cuba, o reforzamento de Chávez no poder significa garantía de subministro petroleiro e unha xanela importante para superar o seu illamento. É de esperar agora unha profundización dos vínculos entre ambos gobernos. No caso arxentino, Venezuela é unha peza básica no proxecto rexional de constituír Petroamérica, un organismo con capacidade para controlar o 11,5% das reservas de crú. Velaí os contactos entre Nestor Kirchner e Chávez.

Mesma perspectiva pódese dicir de EEUU e as multinacionais do petróleo. A pesar de que Washington amosou unha cautelosa aceptación da victoria chavista, nunca ocultou a súa animadversión cara Chávez. Pero agora, o goberno de Bush, concentrando as súas forzas na reelección en novembro, atisba un escenario máis favorable para os negocios e os investimentos. Non importa a retórica do presidente venezuelano, o importante son regras claras e un escenario definido.

As multinacionais, especialmente ChevronTexaco, Exxon Mobil e Shell, teñen a garantía do goberno de Chávez para desenvolver proxectos de exploración e explotación petroleira e gasífera na Plataforma Deltana, preto de Trinidade e Tobago, valorados en 6 mil millóns de dólares. Así o declarou públicamente Chávez un día antes do referendo. Nos mesmos proxectos participan Conoco Phillips, British Petroleum, Statoil, Total Fina Elf e Repsol YPF. Isto forma parte do plan de ampliación de PDVSA para o período 2004-2009.

Así que, o 15 de agosto, non só se definiu o futuro político a corto prazo en Venezuela. Unha mestura de intereses petroleiros, ideolóxicos e xeopolíticos fixo da consulta electoral unha oportunidade decisiva.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2004
Fernando Pol