Cabo Verde: saíndo a flote do naufraxio africano

Cabo Verde comeza a postularse nos últimos tempos, excepción á realidade do progresivo empobrecemento africano, coma firme candidato a remontar postos no Índice de Desenvolvemento Humano, traspasando virtualmente a fronteira para a escala de países de Desenvolvemento Medio. O xa anunciado proceso de transición e o despegue da economía caboverdiana, está a ser supervisada pola ONU, que se amosa optimista calculando para dez anos, o éxito dos indicadores macroeconómicos no arquipélago.

O país está hoxe factiblemente en condicións, segundo verbas do Primeiro Ministro José Maria Neves, de iniciar o despegue dun desenvolvemento de bases sustentábeis. No discurso de posesión do novo Executivo, recentemente remodelado coa entrada de sete novos ministros, Neves asegurou que a rexeneración do Goberno habería pasar polo firme compromiso de “dinamizar, facer medrar a economía e reforzar a cohesión social” substancialmente na loita contra a pobreza coma obxectivo primordial, amén da reactivación das estratexias de emprego e de capacitación profesional. O goberno de Neves insiste amais na utilidade potencial que implicará a planificación de novas e mellores alternativas de investimento, seleccionando os obxectivos sectoriais que máis favorezan ao país, destacando, por riba de calquera outro, o turismo. Subliña tamén, a responsabilidade que o seu goberno asume no saneamento do sistema nacional de seguridade social, da sanidade, das administracións públicas e da renovación da lexislación laboral. Finalmente, o primeiro ministro caboverdiano anunciou que o desenvolvemento loxístico do transporte aéreo e marítimo permitirá ao país servir de ponte de acceso á masa continental africana. "Queremos transformar radicalmente Cabo Verde modernizando o país. Pensamos que Cabo Verde poderá ser un país competitivo no campo financeiro se aproveita todo o seu potencial vencellado ao mar, se hai unha forte cohesión social e se é capaz de mellorar a calidade do seu ambiente", recalcou.

Polo que se refire á recepción de axudas procedentes das axencias internacionais de cooperación ao desenvolvemento, Cabo Verde perfilase en virtude da súa cada vez máis sólida estabilidade macroeconómica, coma un obxectivo prioritario para os gobernos de Madrid e Lisboa. O pasado mes de marzo, o novo embaixador español para Cabo Verde e Guinea Bissau, Fernando Morán Calvo Sotelo, anunciaba durante a súa visita á capital caboverdiana Praia, acompañado polo presidente Pedro Pires, a vontade de reforzar a cooperación española co país africano. Nomeadamente, logo da mudanza de goberno acontecida despois das lexislativas do 14 de Marzo en España, Calvo Sotelo, comunicaba a Pires a predisposición do novo executivo español para incentivar o bo nivel de relacións de cooperación pactadas entre ámbolos dous países. Cabo Verde, alén de Guinea Bissau e Senegal, estaría a se converter, segundo verbas do embaixador, nunha área de intereses prioritarios para a cooperación ao desenvolvemento española con África. Tamén o presidente portugués, Jorge Sampaio na súa recente visita a Cabo Verde asinou os compromisos que Lisboa implementará na cooperación bilateral co goberno de Praia, referendando o Programa Anual de Cooperación PAC 2004 e animando amais, aos investidores privados portugueses a dinamizar os seus compromisos comerciais nun país que cada vez máis despunta coma a mellor e máis seductora oportunidade da África lusófona.