Conflitos interétnicos no corazón das tebras

Cando Joseph Conrad escribía “O corazón das tebras” non se estaba a inventar nada que os seus propios ollos non viran no antigo Congo do Rei Leopoldo. O protagonista da súa novela, o sanguinario xeneral belga Kurtz, foi levado máis tarde ao cinema por Coppola, esta vez transmutado á selvática atmosfera do Vietnam da Guerra Fría. Kurtz, era reencarnado en “Apocalipse Now” pola demente figura dun perturbado Marlon Brando, alto comando militar do exército norteamericano, obsesionado polo horror, para quen a máis feroz proba de sadismo consistía en instalar simétricas ringleiras de cabezas degoladas atravesadas por estacas á entrada da súa morada, unha guarida deixada da man de Deus, perdida no corazón da selva.

Un século despois do xenocidio que o Rei Leopoldo de Bélxica perpetraba no Congo e tres décadas despois do pesadelo da Guerra do Vietnam, os conflitos interétnicos que persisten e renacen por todas partes no continente negro, evocan a memoria maldita da pantasma do xeneral Kurzt.

Sudán e Nixeria, alén de outros, son talvez neste momento os expoñentes das máis atroces guerras fratricidas que se libran baixo amparo dunha incondicional impunidade na África subsahariana.

Os refuxiados sudaneses, escapados das milicias Jajaweed protexidas polo goberno de Jartum, están sendo obxecto de abusos en masa, matanzas, torturas, violacións e outras vexacións ante as que ninguén parece reaxir polo de agora. As aldeas da rexión foron devastadas por completo. Da limpeza étnica, do xenocidio flagrante de Darfur, poucas liñas se escriben nos xornais. África nunca é noticia. O día que as Nacións Unidas interveñan, terá sido demasiado tarde, e, de novo, o mundo descubrirá aterrado o macabro espectáculo dun novo exterminio africano, outro máis, diremos, na lóxica violenta desta terra endemoñada.

Centenas de millares de persoas de cor, preto dun millón, están sufrindo en Sudán unha persecución violenta e indiscriminada por parte dos seus veciños musulmáns do norte, nun programa de depuración étnica consentido polo goberno de Omar Hassan O-Béshir. Moitos, os máis afortunados, conseguiron xa escapar para Chad provocando xa que logo un previsíbel “dano colateral” que desestabilizará ao país veciño a curto prazo, dada a súa incapacidade para absorber tal cantidade de refuxiados amoreados nas súas fronteiras. O conflito en Sudán exténdese cara Chad e con iso, a rexión centroafricana outra vez en risco, sofre os coletazos dunha violencia atroz que rexorde tamén desde outra fronteira veciña, a nixeriana.

Até o momento calcúlase que máis de 800 persoas pereceron nun novo rebrote de violencia interétnica que enfronta no Estado nixeriano de Plateau ás comunidades relixiosas dos Fulani, (musulmáns) e dos Tarok, (cristiáns). O conflito, de reivindicacións territoriais en loita polo usufructo dos recursos agrícolas e gandeiros das rexións centrais, recrudécese desde hai tres meses. O maior número de víctimas civís está afectando á comunidade musulmana, localizándose o foco das tensións principalmente na cidade de Yelwa. O líder musulmán Abdulkadir Orire denunciou publicamente os ataques cometidos polas milicias cristiáns, acusando aos Tarok, en vella rivalidade coa tribo Fulani de estar a perpetrar unha masacre de dimensións que se achegan xa ao grao de xenocidio. O desigual reparto da terra administrado polo goberno de Abuja, atópase na raíz das tensións que enfrontan aos dous clans étnicos na rexión nororiental de Nixeria e ao norte de Camerún. As cabezas de gando dos Fulani pacen nesas terras desde tempos remotos, antes inclusive da etapa colonial. Os Tarok e outras comunidades nómadas non musulmanas cultivaban eses mesmos campos tentado sen éxito durante décadas acceder á propiedade das mesmas. O conflito intensifícase e coma no caso de Sudán, a violencia instrumentalizada polas autoridades relixiosas representantes das comunidades en loita está a se deixar arrastar por unha inercia atropeladora da que non poderá fuxir nun futuro previsíbel. Son só dous tristes exemplos da perversidade enquistada nesta terra antiga. África, o continente á deriva segue, coma escribira Conrad, latexando entre tebras.