O aquelarre da Declaración do Milenio

A saúde dos Dereitos Humanos atopase máis coma nunca ameazada baixo pretexto dun choque de civilizacións "tramposo embuste" que a CNN intenta facernos tragar a toda costa. A supresión destas leis fundamentais, impúdicamente deu en chamarse "dano colateral". Unha nova forma de prostituí-los conceptos morais en Europa e nos Estados Unidos, onde baixo amparo dunha legalidade sobrevida cuxo motor é o diñeiro, aprendeusenos a ollar para o resto do mundo dende o púlpito do predicador, do catequista, do evanxelizador dunha terra de bárbaros.

A xuízo de moitos segue persistindo a idea de que todo canto nos rodea non é senón un mundo de caníbales, simpáticos pigmeos, metade homes, metade animais e suicidas palestinos. Ese rol que Europa herdou na súa xenética dende tempos de Torquemada e antes, é o que lle confire a Occidente a maior catadura moral á que se refería Silvio Berlusconi cando comentaba: "temos que ser conscientes da nosa superioridade". A nimia diferencia é que hoxe xa non somos inquisidores, senón xendarmes do mundo; xendarmes das alianzas militares, dos pozos de petróleo, dos préstamos do FMI, dos depósitos minerais, das prazas bursátiles, dos oleoductos, das transnacionais, do tráfico de armas, dos gasoductos, das redes da Internet, das vías marítimas de contrabando. Moralmente superiores, algúns dos gobernantes occidentais seguen a campar polo mundo enteiro, declarando guerras, perdoando vidas e conculcando por todas partes os dereitos humanos, esas leis que paradóxicamente a superior intelixencia occidental pariu.

Os ataques contra civís nos conflictos armados, as matanzas, as violacións sistemáticas contra o dereito fundamental á vida e á propia integridade física, os desprazamentos os reasentamentos, as expulsións en masa de refuxiados, as execucións de prisioneiros, a tortura, a restricción da liberdade de circulación, os ataques perpetrados contra as escolas, as instalacións hospitalarias ou os convois de socorro e a derrogación do dereito de asilo e refuxio, seguen sendo hoxe o pan noso de cada día en moitas das guerras esquecidas que flaxelan á poboación civil. O eixo do mal xa non se contén nas fronteiras norcoreanas ou iranianas. Alcanza amais ao Estado hebreo, terra sen lei e latrocinio histórico e á base de Guantánamo, viaxe para a Meca da impunidade.

Por iso resulta gracioso imaxinarse como, nun arrebato delirante, en algo máis parecido a un aquelarre de bruxas que a un cumio da ONU, os representantes das Nacións Unidas redactaban os estatutos da Declaración do Milenio créndose posuidores dalgunha brebaxe máxica e anunciando para o ano 2015, a chegada do Mesías.

Cumprir cos obxectivos do Cumio do Milenio para entón é, cando menos, unha pretensión conmovedora, máis infantil. Non quer dicirse con isto que non sexa importante apoiar a convocatoria deste tipo de conferencias internacionais, antes ao contrario: hoxe máis que nunca é de vital importancia saír en defensa da celebración de encontros e foros de debate que vaian na procura da implementación dunha alternativa de Desenvolvemento Sostible que a súa vez reforce a baza dos Dereitos Humanos e o diálogo intercultural, xa que só nestes termos estaremos avanzando positivamente. Nesta lóxica, o rol a xogar por unha institución supranacional coma a Corte Penal Internacional, é de vital importancia, pois só rompendo o ciclo da impunidade poderá ser aliviada a deplorábel situación dos Dereitos Humanos no mundo. Desafortunadamente, entrementres o capo da xendarmería mundial, o goberno USA, non recoñeza a xurisdicción da CPI, seguiremos coma estamos ou, previsiblemente, indo a peor. Rebasaronse os límites da concordia humana; é por iso que hoxe, xa non cabe falar dun posíbel mundo mellor, senón dun forzado mundo mellor que non ameace a supervivencia dos pigmeos.