O caos e as urnas dan a victoria a Gomes en Guinea Bissau

Arredor de seiscentos mil cidadáns foron chamados ás urnas o domingo 28 de marzo para escoller aos 102 novos representantes da Asemblea Nacional nos primeiros comicios xerais tralo golpe de Estado que puxera fin á inoperante xestión de Kumba Yala. Despois dunha discreta campaña electoral sen sobresaltos significativos, a lóxica do caos irrompeu na mesma xornada electoral. A confusión e desorganización localizada en varios colexios, colocaba a miles de votantes nunha absurda situación: moitos deles, simplemente non puideron facerse cunha papeleta. Para sorpresa dos cen observadores internacionais, en alomenos 89 mesas do sector autónomo de Bissau non había material electoral suficiente co que abastecer ao electorado das terceiras lexislativas multipartidistas logo de 30 anos de independencia.

Entre incidentes e irregularidades, as mesas víronse desbordadas por mor da masiva resposta cidadán á convocatoria plebiscitaria. Moitos colexios abriron máis tarde do previsto, nomeadamente os da capital: Bissau. Outros centros incluso ficarían pechados. Ante a desorde, a Comisión Electoral comunicaba no serán da xornada dominical por boca do vicepresidente daquel organismo, Higinio Cardoso, a decisión de prorrogar o exercicio do voto ate o martes. Entrementres, Jorge Sampaio, presidente da República portuguesa, facía un chamamento ás formacións políticas guineanas, instándoas a se responsabilizar pola salvagarda e rectitude dunhas eleccións que supoñen un “paso decisivo cara á rehabilitación internacional” do país.

Á marxe de que estas “pequenas” irregularidades revolveron a normalidade democrática do proceso electoral pola que velaban, alén dos observadores internacionais, os partidos políticos e representantes das forzas armadas, os previsibles resultados do escrutinio final eran xa avanzados o luns: Carlos Gomes, membro do Consello Nacional de Transición e candidato polo Partido Africano da Independencia de Guinea e Cabo Verde (PAIGC), sería o virtual vencedor das lexislativas e futuro primeiro ministro do país lusófono, gañándolle a batalla ao seu principal contrincante Francisco Fadul, do Partido Unidos Social Demócrata (PUDS) e ex primeiro ministro interino entre 1998 e 2002.

Pola súa banda, o Partido da Renovaçao Social, (PRS) formación á que pertence o deposto Kumba Yala, vería malogradas as súas esperanzas sendo relegado a un modesto terceiro posto. Dentro do previsible e segundo avanzaban algunhas fontes guineanas, o PRS podería impugnar o resultado electoral baixo pretexto dos incidentes rexistrados.

Finalmente, a Unión Europea, por boca do seu delegado en Bissau António Martins, revelouse dispoñible a cooperar economicamente co país africano así coma a ir na procura da concorrencia dos colaboradores internacionais entrementres existan garantías de “goberno estable, sólido e duradeiro”.