Sudán na Comisión de Dereitos Humanos?

Mary Robinson declarou no seu momento algo tan redundante coma que a Comisión de Dereitos Humanos tiña sido concibida coma principal artífice para a defensa e promoción dos dereitos recollidos na Declaración de San Francisco. Parece obvio e, non embargante, abonda com botarlle unha ollada ao listado de representantes do supremo organismo, para que calquera poida sospeitar o contrario. O nome de Sudán, ademais de outros, renxe con estridencia ao figurar hoxe mesmo entre os delegados designados para fomento de tal misión.

É o tipo de incomprensíbeis e absurdas decisións que cada vez máis socavan a deteriorada reputación da Organización das Nacións Unidas. É, "o máis difícil aínda". Sudán, goberno responsábel dun sinfín de crimes e masacres contra os seus proprios súbditos, retoma o seu mandato para o ano 2004 coma representante do grupo africano ante a Comisión.

No seu empeño por islamizar o país até o último recuncho, desde a súa ilexítima chegada ao poder e especialmente nos días que transcorren, Omar Hasán al Bashir foi acusado unha e mil veces de perpetrar e alentar indiscriminados ataques contra civís cristiáns e animistas do sur, até o punto de ser delatado a día de hoxe coma un dos máis crueis xenocidas dos últimos tempos. O réxime de Jartum, obcecado en aplicar a doutrina da Sharia de norte a sur homoxeneizando todo o Sudán baixo bandeira do Corán, está pasando polas forcas caudinas aos "subversivos" cristiáns do sur.

Coma en moitos outros casos ocorre, o conflito sudanés adquire hoxe através da prensa, a aparencia de mera confrontación étnica. Si ben é certo que desde hai máis dun século as hostilidades entre árabes musulmáns e cristiáns de raza negra foron unha constante, baixo o conflito que hoxe perdura late outra lóxica reveladora: o control dos recursos. Hai xa máis de trinta anos, Jartum decidiu quitar do medio ás comunidades hostís, implantando un case industrializado programa de deportacións masivas entre as comunidades negras para zonas afastadas, para no seu baleiro, reconquistar as súas produtivas terras mediante a implantación de grupos de colonos árabes procedentes do norte. Estímase que perto de catro millóns de sudaneses do sur víronse forzados ao desprazamento dos seus fogares, máis de dous millóns morreron desde 1983 e moi poucos permanecen hoxe nas terras onde naceron.

A decisión de incluír a Sudán na Comisión, xunto a Guinea, Togo (dúas feras ditaduras) e Kenia, provocou primeiro incredulidade e despois indignación entre a delegación estadounidense, até o momento, a única que firmemente condenou tan disparatada eleición. Por boca do embaixador estadounidense do Consello Económico e Social da ONU, Sichan Siv, (que abandonou a reunión en sinal de protesta) o Departamento de Estado estadounidense declarou hai escasos días que o seu país, "está perplexo e consternado pola decisión de propor a Sudán, un país que masacra aos seus proprios cidadáns, para a eleición á Comisión de Dereitos Humanos", engadindo que "este ano, coma e anos anteriores, a miña delegación cre que esta candidatura é completamente inadecuada". Si ben é certo que que o goberno que Siv representa non é nin moito menos o santuario dos Dereitos Humanos no mundo, a comunidade internacional non pode por menos que admitir esta vez, e sen que sirva de precedente, que o embaixador Siv é o único que amosou ter sido coherente cando declarou que a de Sudán é unha eleición "completamente inadecuada".

Pese a quen lle pese, o feito xa está feito. Deste xeito algún dos foraxidos e criminais do corrillo de Al Bashir pasa a se investir dun posto que a todas luces non merece. Representará ao país africano ante o máximo órgano internacional en prol da defesa da Declaración de San Francisco e dos Pactos Internacionais de 1966 sobre dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais. Novamente Nacións Unidas volta a tirar pedras contra o seu proprio tellado.