Yasin, Aziz e tiro porque me toca

A hipérbole obscena que encerra o eufemismo "asasinato seletivo" parece servir de paliativo á brutalidade que o exército de Sharon libra contra as autoridades e representantes espirituais da comunidade palestina, algo que vai alén inclusive, do sinfín de ocasións nas que sionismo político ten transgredido as resolucións de Nacións Unidas que obrigan a Israel en tanto que Estado parte.

Os sistemas xudiciais baseados no respecto á lei e ao Dereito, receben sepultura cos cadaleitos de Yasin, Aziz ou Yaser Arafat, magnicidio de quen, segundo sustenta o conselleiro palestino para a seguridade nacional, Yibril Rayub, é só cuestión de tempo. Arafat, non embargante, di gardar para si unha bala na recámara para, chegado o momento, non lle brindar esa satisfación aos seus verdugos.

O asasinato seletivo non deixa de ser en realidade máis que un asasinato preventivo, algo tan de moda nos tempos que transcorren e tan de uso cotiá para certos gobernos ultraconservadores. As execucións extraxudiciais son usos consuetudinarios dos reximes fascistas, non das sociedades democráticas. Ariel Sharon, está á fronte dun goberno fascista, aínda que con iso non descubramos a pólvora. Israel non é o bastión da democracia ás portas de Oriente Próximo aínda que na tese contraria se empeñen certos analistas internacionais alegando que, o permanente estado de excepción que asoballa ao pobo xudeu, xustifica determinadas accións de defensa nas que o fin xustifica os medios. Pola súa banda Estados Unidos, en tanto que goberno benfeitor de Israel, non pode por menos que dar conta das acusacións que sobre a súa cúspide recaen ao estar actuando en complicidade co talante criminal do executivo israelí.

Yasin e Aziz, alentaran ao longo das súas vidas o terrorismo e o fanatismo, mais, ¿non son estes talvez os mesmos pecados de Sharon? Chegados a este punto, no que todo vale, é imposíbel deixar de sospeitar que o Likud é, de facto, unha organización terrorista de igual ou maior envergadura que a Hamas, Al Fatah e tantas outras. ¿Coma pode seguir dándose a circunstancia de que Israel siga asasinando sen máis?

O de Ahmed Yasín, é un asasinato máis que absurdo, sen lóxica aparente, tendo en conta sobre todo que o vello parapléxico estivo encadeado por Israel desde 1989 até 1997, cando Benjamín Netanyahu decidiu poñe-lo en liberdade nun troco con Hamas de dous prisioneiros israelís. Acostuma dicirse que as autoridades israelís non querían deixar que o xeque morrese en prisión para non crear outro mártir. Exactamente o que agora fixeron.

Sen tan sequera asomar o rubor as súas meixelas, Suaron felicitou ás forzas de seguridade israelís por ter acometido con éxito ambos crimes, alegando que "o pobo xudeu ten dereito a golpear a aqueles cuxo único obxectivo é a nosa exterminación". Fraco favor lle fai aos seus ao implicar nada máis e nada menos que a todo "o pobo xudeu" en semellante atrocidade. Tres mísiles fixeron falla para rematar coa vida do sinistro líder espiritual de Hamas. Indirectamente, eses mísiles están lexitimando á organización terrorista palestina para relanzar a súa campaña de atentados suicidas, pois, se algo fica claro é que esta desleal práctica do asasinato seletivo está en relación de causalidade co incremento dos atentados terroristas.

A morte de Yasin primeiro e Aziz despois, está dando alas a Hamas. Uns e outros empeñanse en alimentar a violencia dando continuidade á nai de todos os conflitos, sen ofrecer, nin por asomo, a máis mínima oportunidade á paz.

Xa se sabe. A paz é a fame ao galope dos asasinos; a guerra, o seu festín. É triste pensar que Sharon rolde xa os 80 anos, pois, como escribía hai pouco Alfredo Conde parafraseando a Neruda: "desexaríamos que un río de ollos de mozos mortos percorra eternamente a pel dos asasinos, (…) xa que non a súa conciencia, si os seus ollos eternamente abertos, abertos para que poidan contemplar o resultado da masacre, eternamente". Desexaríamos que Sharon, Yasín, Aziz, Hussein, Amin, Ceacescu, Mao, Duvalier, Bush, Milosevic, Ben Laden, Pinochet, Somoza, Suharto, Polpot, Khomeini, Cemal e tantos outros, mantivesen eternamente os ollos abertos para contemplar a macabra danza mortuoria que arremuíña ese río de mozos mortos.