A CIA tira da manta

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

En xaneiro, o vicepresidente dos EEUU, Dick Cheney, declarou a un diario de Colorado que había conexións entre Saddam Hussein e al Qaeda e que a "mellor fonte de información ó respecto" era un texto do semanario ultraconservador The Weekly Standard, baseado, á súa vez, nun discutido informe do Pentágono. George Tenet, director da CIA, di agora, en marzo, que a Axencia contactou co Departamento de Defensa para que se retractase dos contidos do informe, algo que, tamén segundo Tenet, este tería feito. Está facéndolle a CIA a cama a Bush? Os grupos agraviados pola camarilla de Washington e as elites corporativas e financeiras xa tomaron a decisión: Bush non ten futuro, queira ou non, roube ou non as eleccións de 2004.

Dende o crescendo periodístico de 1972-74 do Watergate non existe unha cadea de revelacións públicas máis coidadosamente preparada. Os efectos do Armagate xa eran evidentes en xuño de 2003, cando o Washington Post incluiu na súa portada un artigo no que Walter Pincus, voceiro da CIA, dicía que Bush estaba "aniquilado". Dito doutra maneira, se buscaba unha saída culpando á CIA, esta non ía aceptalo. Pero xa antes as críticas á súa política exterior proviñan de medios moito máis reputados, como o Foreign Affairs e o Foreign Policy, as dúas publicacións máis influíntes nesta área, ou a Comisión Hart-Rudman sobre ameazas terroristas ós EEUU; todos coincidían en que era moi probable que aumentase o terrorismo e a proliferación de armas de destrución masiva. Mesmo a Academia Americana das Artes e das Ciencias, que só ó raro se pronuncia sobre asuntos polémicos de actualidade, fixo público un estudio que chegaba ás mesmas conclusións.

Supoñendo que George W. Bush fose sacado da Casa Branca xunto, sen dúbida, a Cheney, Powell, Rumsfeld, Ashcroft, Wolfowitz, Perle e Rove (os membros do autodenominado "Conciliábulo", algún dos cales xa anunciou a súa retirada política) faise cada vez máis probable que algún deles puidese ser sometido a algún tipo de sanción política no Congreso pola súa mala administración. Pero a cousa podería non rematar aí.

A base legal para a acusación foi establecida en marzo de 2003 por Henry Waxman, congresista de California que persegue á Administración Bush polas súas violacións da lei dende que chegou ó poder. A primeira batalla tivo que ver coa negativa de publica-los arquivos, que na súa maioría seguen sendo secretos, sobre o 11-S. Respecto da invasión de Iraq, varios senadores e congresistas teñen interpostas denuncias contra a Administración pola falsificación de documentos de intelixencia (a conexión al Qaeda- Saddam, o uranio de Níxer, os tubos de aluminio, os camións biolóxicos…). A compilación reunida por Waxman constitúe aínda o núcleo de calquera acusación contra Bush. É condenatoria, dende un punto de vista legal e non político. Asemade, é consenso, tamén entre a cidadanía, que a actitude criminal de Bush antes do 11 de setembro de 2001, desoíndo as advertencias da CIA, pendura aínda coma unha espada de Damocles sobre o seu futuro electoral.

De que a CIA está agora pasándolles "papeis" ós senadores demócratas non hai dúbida, é, por outra banda, o procedemento establecido cando hai unha denuncia en curso. Durante toda a preparación da guerra contra Iraq, a Axencia actuou segundo as necesidades do Executivo, nun proceso que tivo moito de retroalimentación: dime que papeis non queres e eu non porei énfase neles. Chegou un momento, non embargante, no que o Executivo montou a súa propia oficina no Pentágono (a Oficina de Plans Especiais, OSP) para analiza-la información a soas, a nivel do Conciliábulo. Só chegou o demandado. A OSP nutría os seus informes cos do Congreso Nacional Iraquí e Ahmed Chalabi, o home de Bush para o "futuro Iraq", daquela. E con eses documentos que acenden presentouse Powell perante o Consello de Seguridade. Non houbo erro ningún, senón uso moi consciente de mentiras e omisións.

Arestora, non só a Axencia se despide de Bush. Segundo Ray MaGovern, membro do grupo de observación crítica Profesionais Veteranos da Intelixencia pola Cordura (VIPS) existe unha verdadeira revolución dentro do Pentágono, a súa Axencia de Intelixencia da Defensa e o Departamento de Estado sobre o amaño sobre as armas non existentes de destrucción masiva de Iraq. Nas ringleiras militares, o disenso é crecente co estilo totalitario do secretario de Defensa Rumsfeld e a "falla de sentido da realidade" da Administración respecto a Iraq. O poder dos militares é considerable, e se se comeza a dicir que non confían en Bush, tanto Washington como Wall Street han sufri-lo golpe. A Bolsa precisa dos militares, man invisible do mercado estadounidense, especialmente cando están estoupando conflictos en todo o mundo e Washington vén de amplia-la "loita antiterrorista" ós países do Sahel, onde al Qaeda estaría tentando, con éxito, espallarse. Analistas, financeiros e espías, saben que esta inestabilidade foi creada en gran parte por unha Administración que amosa unha crecente incapacidade de xestión.

Semella que os neoconservadores están agora en repregamento, reorganizándose até o momento en que recuperen o favor dos poderes corporativos e financeiros que, a fin de contas, pagaron no seu día a súa campaña. O aristócrata de Boston John Kerry pode agora apoderarse do discurso do candidato Howard Dean "que soubo conectar co clima antiguerra do país- mesmo que non crea minimamente nel. Seguramente por iso, o discurso xa non dá medo, xa non semella antipatriota. É pouco probable que Kerry afronte as mentiras. Toca rotación, non cambio de rexime; unha volta ó preme pero non afoga. Non, polo menos, con ostentación.