Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Chile non baixou a cabeza
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 25/11/2004)
 
 

  Chile, incidente escoltas Bush
Os axentes de seguridade do presidente USA conducíronse en Chile como se dunha colonia se tratase. Os xornais informaron de diversos incidentes, como o da cea do sábado, día 20, na que, despois de teren entrado Bush e a súa esposa, os axentes de seguridade chilenos impediron o paso da escolta deste, composta de seis membros do Servizo Secreto, que quixeron abrise paso a empuxóns, sen conseguilo, porque a rexa actitude dos chilenos o impediu. O incidente resolveuse permitindo a entrada a só un dos seis axentes.
 
Chile non baixou a cabeza diante de Bush. E non a baixou porque Ricardo Lagos soubo mantela ergueita. O incidente é coñecido: o servizo de seguridade de Bush pretendeu que os trescentos convidados ao banquete no palacio de La Moneda, en homenaxe a Bush e á súa muller, se sometesen a detectores de metais. Non houbo acordo, Lagos negouse a semellante asoballamento e substituíu aquel acto por unha cea privada de traballo, con dez convidados por cada país.

Os axentes de seguridade do presidente USA conducíronse en Chile como se dunha colonia se tratase. Os xornais informaron de diversos incidentes, como o da cea do sábado, día 20, na que, despois de teren entrado Bush e a súa esposa, os axentes de seguridade chilenos impediron o paso da escolta deste, composta de seis membros do Servizo Secreto, que quixeron abrise paso a empuxóns, sen conseguilo, porque a rexa actitude dos chilenos o impediu. O incidente resolveuse permitindo a entrada a só un dos seis axentes.

Penso que eses feitos –con outros máis, porque as incidencias foron moitas-, demostran que os dirixentes chilenos tiveron moi claro en todo momento, primeiro, que os incidentes se ían producir, segundo, que non estaban dispostos a ser asoballados polos sicarios do emperador e, terceiro, que tiñan xa previstas as respostas máis axeitadas. As autoridades chilenas deron unha lección ao mundo de dignidade, manténdose firmes sen perder a cortesía e sen permitir nunca ser asoballadas.

Teño as miñas dúbidas de que Aznar, no seu caso, e outros que non son Aznar, tivese chegado aos lindes de dignidade das autoridades chilenas. É unha hipótese, unha simple sospeita e non un feito obxectivo. Pero, despois de tanto servilismo con Bush, un ten dereito a agardar unhas determinadas maneiras ou unha certa lóxica. En calquera caso, hai que subliñar que, nalgunhas circunstancias, é moi difícil manter a dignidade (a nosa difícil dignidade, do poema de Salvador Espriú), moi en especial diante do poderoso e do prepotente.

Chile, ao cabo, é un país culto e os seus dirixentes non defraudaron nin aos chilenos nin aos demócratas de fóra. Porque tamén puxeron de manifesto que, con intelixencia e con cortesía, é posible resistir. E manterse ergueitos. Que non é pouco. Chapeau para Ricardo Lagos.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2004
Fernando Pol