Constitución europea e cristianismo

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Ninguén pon en dúbida que Europa é unha síntese do pensamento filosófico e científico grego, do legado xurídico romano e da ética cristiá. Podemos engadir aínda o sentido estético grego. Pero non é separadamente ningún deses herdos. É unha síntese de todos eles. Por máis que esas sexan as raíces da cultura europea, esta é outra cousa independente e de seu.

Por iso, a barafunda que vén dende o Vaticano ata os bispos, e outros, pretendendo que se inclúa unha mención expresa ao cristianismo na Constitución europea, non deixa de ser unha parvada, intelectualmente falando. Pois se tal se admite, habería as mesas razóns para que a mención abranguese tamén aos demais herdos culturais, inclusión impropia nun texto como aquel. Texto, por outra banda, que xa é ben explícito ao se referir a que Europa é un continente creador de civilización, orixinado por diversos herdos culturais, relixiosos e humanistas.

Non sei se esa proposta tan combativa e teimosa da Igrexa Católica oculta devezos de poder ou de influencia, pois non teño razóns de peso para afirmalo. Pero non deixa de ser ben sospeitosa. Como sospeitosas son as razóns que, nesa liña vaticanista, proveñen duns e doutros. Por exemplo, a importancia cultural de Agustín de Hipona, de Ramón Llull, de Teilhard de Chardin, Lubac, Rahner, Marcel, Barth, e outros moitos, exemplos que se poñen da importancia do cristianismo en Europa e que, por iso mesmo, xustificarían a mención expresa que se suxire.

En calquera caso, non ten o menor apoio intelectual reducir a mención expresa ao cristianismo e non facelo nin á cultura grega nin ao herdo xurídico romano "ou nin sequera suxerir que tamén se fagan esas outras mencións. Pois aínda resultando desavido facelo nun texto como o dito, sempre será puro maniqueísmo a proposta vaticana, excluínte, e dos seus ben mandados seguidores. E rexeitable intelectualmente, e tecnicamente tamén.

Ou sexa, no suposto máis benévolo estaremos diante dunha proposta ben oca, sen contido verdadeiro "a non ser que outras, e non moi claras, sexan as razóns, non coñecidas e só sospeitadas. As que se nos dan non teñen entidade e só contribúen a escurecer máis, se cabe, un texto ben discutible, pero por outras razóns alleas ao exposto e que agora non veñen a conto.