Nürenberg e Iraq

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

O Fiscal Xeral dos xuízos de Nürenberg para os criminais nazis, Robert H. Jackson, manifestou con moito acerto que "a civilización moderna ofrece á humanidade medios incalculables de destrucción". E tamén que o último recurso para impedir que as guerras se repitan periodicamente e se fagan inevitables por ignorancia das leis internacionais, é "facer que os estadistas sexan responsables ante esas leis". Leis, subliñou aínda, que non só condenaban ós agresores alemáns, senón tamén os ataques doutras nacións, "sen excluír ás que agora se sentan aquí para xulgar".

Entres elas estaban os EEUU e a Gran Bretaña, hoxe principais agresores de Iraq. E se reparamos nos motivos de acusación contra Goering e demais criminais nazis, un por un podían apoñérselle á Bush e a Blair. Pois os conceptos que o Tribunal de Nürenbeg barallou para fixar a tipificación dos delictos como crimes contra a paz, crimes de guerra e crimes contra a humanidade, un por un poderíanselle apoñer ós de foto das Azores. Cunha diferencia grande en contra destes: que os criminais nazis puideron dicir no seu descargo que obedecían ordes superiores. (Os das Azores só reciben ordes de Deus, ou iso ó menos pensa Bush).

A sentencia do Tribunal de Nürenberg dixo algo que non debemos esquecer: "As afirmacións… de que os acusados planearon e executaron guerras de agresión son dunha natureza moi grave. A guerra é esencialmente un crime. As súas consecuencias non afectan tan só ás nacións que se encontran en guerra, senón a todo o mundo. Por iso mesmo, unha guerra de agresión é un crime internacional. É o crime internacional máis grave que poida concibirse".

Pois a guerra preventiva en territorio estranxeiro, di tamén a sentencia, só se xustifica "en casos dunha necesidade inmediata e urxente de defensa que non permitan de ningunha maneira escoller os medios nin deliberar sequera", o que nada tiña que ver coas agresións a Polonia, a Austria ou Checoslovaquia, política de agresión a do Goberno do Reich tan calculada como nos nosos días a que padeceu e padece Iraq, aínda que a desproporción de medios sexa superior no caso iraquí.

Pero non soñemos con levar ós responsables a un tribunal internacional. Porque iso xa é outra cousa, infelizmente.