turquia ue

Si ou non á adhesión de Turquía?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A maior oposición á adhesión de Turquía ven do legado musulmán que este país aporta á Unión, e que se converte nunha barreira infranqueable polo momento. De feito asúmese que hai xa 12 millóns de cidadáns musulmáns en Europa, e iso vese na maioría de capitais europeas (onde se perde a sorpresa á moda islámica), e Albania, que é un dos futuros candidatos á adhesión no corazón europeo é un país de maioría musulmana.
 

Supoño que todos poderíamos dar boas razóns e mesmo contraditorias que avalen os nosos pensamentos ó respecto da adhesión ou non de Turquía. Dende logo as postulacións a favor e contra non sobran e son, por veces, simples escusas agochando, decorando, e maquillando, de maneira que non se faga unha forza de oposición demasiado forte ós proxectos "que van nunha ou noutra dirección", dalgúns que gobernan dunha maneira indirecta as nosas vidas, nunha Europa bigbánica e sen madurar económica, política e en xeral, proxectualmente.

Pero os foros decisorios xa non son neste exemplo os despachos en Bruxelas ou en Londres ou en Paris ou Berlin, senón a rúa. Desta volta, e non porque os cidadáns non quixeran dar a opinión en ocasións anteriores, a cidadanía ten unha voz que me temo non é propia. O caso é que por poñer un exemplo, en Francia a política exterior é competencia do presidente, neste caso Chirac, ó que lle moveron a cadeira co tema de Turquía, facendo que se tremesen as columnas dun sistema político que naceu coa influencia directa do xeneral De Gaulle. Os parlamentarios franceses viron unha fermosa oportunidade para crear un novo precedente (xa houbo unha votación sobre a participación militar en Iraq a principios dos 90) de intervención do Parlamento nas accións de política externa que pertencen ó presidente, e queren emitir o seu voto sobre a cuestión turca, facéndolle ver ó cidadán que eles representan a vontade popular.

Chirac, non se sabe moi ben se por falla de convencemento no soporte da adhesión (creo que apoia a adhesión máis por inercia económica que por convicción) non se atreve a opoñerse abertamente, e mesmo fai discurso electoral en contra das prerrogativas que a Constitución lle outorga, e onde el é o único con capacidade de decisión, podendo así complicar posibles proxectos franceses en Turquía (como as vendas de Alston, que tan necesitada anda de diñeiro, os trens de alta velocidade, Carrefour, Airbus, etc), para defender a imaxe dun posible referendo do pobo francés sobre a adhesión de Turquía, igual que cando foi da adhesión dos británicos nos anos setenta.

En efecto, ter un país de entre 70 a 80 millóns de habitantes novos, onde poder delocalizar as empresas con total seguridade e coas mesmas condicións que na propia casa pero cun nivel salarial entre un 40% a un 50% inferior é dende logo un atractivo inestimable, que descalifica e minusvalora as críticas da posible adhesión de Turquía.

Cales son esas criticas? Pois as seguintes: que unha Turquía europea rompería o equilibrio das políticas comúns (como a Política Agraria ou dos fondos estruturais que de tódolos xeitos xa deben reformarse), o poder decisorio dun inmenso país na Unión (nunha unión a mais de trinta membros o poder de decisión dos turcos estaría diluído), o medo á posible inmigración masiva (non deberia existir perigo de inmigración masiva logo das experiencias española e portuguesa e ainda que asi fose a Comision Europa xa fala de imponer clausulas de salvagarda), que Turqía non é realmente un país europeo pero si un perigoso veciño inflexible nas súas teimas e demandas, cunha visión unidimensional da propia defensa (pero se Europa quere ser forte a nivel internacional necesita soldados e Turquía ten medio millón, e ée un potente aliado no Cáucaso e Oriente Medio onde un non europeo causaría unha laparada de ira e inestabilidade)…

O caso é que a maior oposición ven do legado musulmán que este país aporta á Unión, e que se converte nunha barreira infranqueable polo momento. De feito asúmese que hai xa 12 millóns de cidadáns musulmáns en Europa, e iso vese na maioría de capitais europeas (onde se perde a sorpresa á moda islámica), e Albania, que é un dos futuros candidatos á adhesión no corazón europeo é un país de maioría musulmana.

Ademais Turquía é un país secular, onde os veos foron prohibidos nas escolas moito antes que en Francia se acordasen, e con moita menos polémica internacional. Pero sempre quedan reminiscencias, que serán vistas ou non dependendo da distancia con que se bote a ollada ás diferenzas culturais de cada país, parecéndonos ou diferenciándonos cando nos conveña, e en caso de que as cifras do paro non estoupen creando malestar e culpando ós novos inquilinos dos nosos problemas. Ou a vostedes de dar o si ou o non a Turquía.