Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Unha cita con Arxentina
Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 16/03/2004)
 
 

O culebrón protagonizado polo Fondo Monetario Internacional (FMI) e Arxentina, nesta pasada semana -coa sombra dos EEUU tras dos acordos- pasará á historia por lembrar o que son as sobras dun triste episodio de crise no pais sudamericano e máis por definir os límites do respecto das regras dunha das máis relevantes institucións internacionais, o FMI, que xunto co Banco Mundial é o ferro candente ó que amarrarse en caso de última necesidade.

A principal misión do FMI é a intervención financeira co obxectivo de rescatar as economías en profunda crise tal e como aconteceu no 94 con México, e con Arxentina no 2001, e volvelas ó camiño do crecemento e da prosperidade. Sen embargo neste caso as negociacións se centraron fundamentalmente en dous ámbitos cun compoñente que non soe ser habitual e que marca a singularidade co caso.En primeiro lugar, o pagamento de 3,1 billóns do empréstito ó Estado Arxentino -ata aquí todo é normal- e en segundo lugar, a cuestión do impago de 82 billóns de dólares en bonos do Estado hai dous anos atrás, logo da repentina crise do 2001. De facto, daquela o FMI fixo a vista gorda impoñendo como condición que Arxentina levada pola “boa fe” fixese un esforzo por chegar a un acordo cos acredores.

Dende entón, os datos macroeconómicos falan dunha economía puxante,cun crecemento do 7,8% (cifras non lonxe da economía china) e dunha inflación do 2,6%. Sen embargo, o dialogo estivo sempre na recámara co cal é difícil xustificar isto como “boa fe” dentro das instancias do FMI. Algúns Estados membros da Unión Europea ou o Xapón, amais dos EEUU, están detrás das negociacións da semana pasada xa que contan cunha boa parte destes acredores da débeda Arxentina.

En realidade, o FMI pode forzar a situación negándose a conceder novos empréstitos en caso de que sexan necesarios, a menos que o goberno de Néstor Kirchner chegue a un acordo cunha alta porcentaxe dos propietarios dos bonos, un 70 ou un 80 % por poñer por caso. Pero estes acredores non están dispostos a negociar un prezo por debaixo dos 65 céntimos por dólar, mentres que o ministro de economía, Roberto Lavagna, non ofrece que 25 céntimos por dólar poñendo unha fronteira do 40% dos acredores como máximo.

Baixo presións sociais en Arxentina, Néstor Kirchner puido pensar en faltar ás citas co FMI o que preocuparía nos despachos de FMI logo de que o impago dun Estado como o arxentino represente o 15% dos fondos prestados polo FMI, o que podería axitar as contas da institución, e faría que os gobernos membros do FMI comecen a se preguntar cómo se fan os empréstitos...

Sen embargo, como vimos FMI non está só; o pasado cumio do G7 envioulle unha mensaxe ó goberno arxentino: “Arxentina ten que entenderse constructivamente cos seus acredores para poder alcanzar un alto grado de participación na reestructuración do pais”.

En realidade as relacións fóronse tensando a través da insistencia -do FMI co amparo dos EEUU- nunhas negociacións cada vez máis serias para chegar a un campo común de entendemento que posibilitase un acordo. E aínda que dende Arxentina se vangloriaban de ter conseguido os servicios do FMI sen se ver obrigados a novas condicións, o feito é que o goberno arxentino empezou por recoñecer representantes dos accionistas estranxeiros e o comezo das negociacións.

 
 

Xosé Manuel Figueiras.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/03/2004
Fernando Pol