A acción exterior no novo Estatuto de Galicia

Sexa cun texto enteiramente novo ou cunha reforma do actual, o texto estatutario resultante do debate que se abrirá nos próximos meses, necesariamente deberá incorporar propostas articuladas sobre a conveniencia dunha maior presencia exterior de Galicia, habilitando espacios normativos que nos permitan o seu desenvolvemento sen colisións e mesmo contribuíndo dende a nosa especificidade á implementación da política exterior española.

Os cambios xeopolíticos que se produciron no mundo e en Europa, e os desafíos e oportunidades que presenta a mundialización, establecen un novo marco de referencia para un texto estatutario que incorpora evidentes sinais de obsolescencia a respecto do seu tempo (1981). Pasados máis de vinte anos, unha das consecuencias dese novo contexto é a afirmación da proxección exterior das entidades subestatais, asumida por imperativo dunha realidade que soamente aspiraba a gañar espacios de tolerancia normativa, pero que hoxe precisa dispor de políticas e instrumentos claros que faciliten a súa aplicación por parte da Xunta de Galicia. A oportunidade que presenta este debate non debe ser desaproveitada.

A tal efecto, cómpre sinalar que a definición dunha auténtica política exterior esixe considerar con caracter previo a concreción das prioridades xeopolíticas, consenso que debe ser establecido coas forzas políticas do país, pero igualmente co conxunto da sociedade e os seus actores mais implicados e dinámicos. Esa visión estratéxica compartida debe ser complementada cunha clarificación acerca da lexitimidade e recoñecemento por parte do Estado da capacidade das Comunidades Autónomas para actuar na escena internacional e cun pacto sobre os instrumentos mais idóneos para acometer esta tarefa.

O punto de partida que debemos asumir parte dunha triple aceptación: en primeiro lugar, que o Estado perdeu o monopolio das relacións exteriores; en segundo lugar, que as nacionalidades ou rexións non constitúen o único novo actor internacional que emerxe desa mutación da tradicional fronteira existente entre a política interior e a exterior "moi evidente no caso europeo-; en terceiro lugar, a perda de peso específico do feito estrictamente territorial. En calquera caso, como se veu demostrando nos últimos anos, e en especial dende a adhesión do Reino de España á Comunidade Económica Europea "feito substancial e posterior á aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia-, para exercer plenamente as competencias autonómicas hoxe resulta imprescindible desenvolver unha acción pública no eido exterior.

Galicia precisa unha maior presencia en Europa e no mundo. En Europa apostamos polos cidadáns e polos pobos. No mundo debemos asegurar a defensa dos nosos intereses de todo tipo promovendo unha cultura universalista e humanista, respectuosa coa legalidade internacional, a paz e os dereitos humanos.

A Xunta de Galicia debe liderar e coordinar a acción exterior no ámbito da nosa Comunidade, asumindo tanto a defensa do interese público e a converxencia dos esforzos dos diferentes actores, públicos e privados, como a imprescindible coordinación co Estado nesta materia. A mellor defensa dos nosos intereses nos tempos actuais esixe a conformación do noso actuar no eido exterior a través dunha dobre vía: directamente, e por medio do incremento da incidencia e participación no actuar exterior do Estado, de forma que a complementariedade resulte un principio operativo e á vez disuasorio respecto a hipotéticos escenarios de conflicto, que deben formar parte, definitivamente, do pasado.

Galicia debe apostar no marco europeo actual por un rexionalismo reforzado e pola cooperación transfronteiriza. No primeiro aspecto, apuntalando a necesidade dun recoñecemento da personalidade das colectividades territoriais integradas por entes subestatais que poden e deben participar directamente no proceso de construcción europea, sen o requisito da intermediación omnipotente e obsesiva de cada un dos Estados a que pertencen. As comunidades con poder lexislativo e maior capacidade competencial deben contar con mecanismos específicos para participar de forma mais activa e directa na UE, participación que debe ser facilitada polo propio Estado, perfeccionando os mecanismos de coordinación existentes e mesmo innovando outros para superar as actuais insuficiencias.

No segundo aspecto, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cómpre un impulso que debe partir do recoñecemento da súa personalidade xurídica, lamentablemente obviado no recente Tratado asinado en Valencia polos dous Estados ibéricos.

En suma, Galicia non pode conformarse co actual nivel de relacións existente coa UE, e debe aproveitar este novo debate e as enerxías liberadas pola ampliación para gañar espacios de comunicación, de presencia e de influencia para os sectores máis dinámicos da nosa sociedade e con maior ímpeto internacionalizador.

América Latina, especialmente aqueles países onde está presente de forma significativa o feito diaspórico, é un área xeográfica de especial transcendencia que debe formar parte dos ámbitos xeopolíticos prioritarios para a nosa Comunidade. Nese contexto, a consolidación dos vínculos coa nosa emigración a través de mecanismos innovadores coma os Foros Bilaterais, baseados na reciprocidade e na relevancia individual, debe asegurarnos a construcción perseverante dese lobby dinamizador e multiplicador dos intercambios a todos os niveis.

Se a diáspora é a ponte que nos conecta especialmente cun área xeográfica do mundo a través do capital humano, é a cultura e a lingua o que nos aproxima ao universo lusófono, reforzado coa presencia diaspórica no Brasil, pero ampliable aos países africanos de expresión portuguesa cos que cómpre establecer redes plurais que complementen os ámbitos das relacións económicas e empresariais, institucionais, cooperativas ou educativas, etc.

O debate sobre a presencia exterior das Comunidades Autónomas, que se está a desenvolver en paralelo ao relativo á reforma estatutaria, cun talante inicialmente receptivo e dialogante por parte da Administración do Estado, debe incluír tamén, partindo desas prioridades xeográficas, unha reflexión sobre a necesidade de perfeccionar os instrumentos existentes e mellorar a coordinación interadministrativa para dotarse dos mecanismos mais eficaces neste eido.

Nesa perspectiva, Galicia debe prestar o seu apoio a iniciativas que actualmente se atopan en fase de discusión e que afectan a esa necesidade de reforzar e regulamentar, sen miopías restrictivas e infundados temores a deslealdades inconfesables, a presencia exterior dos entes subestatais. En concreto:

  • A reforma do Senado como Cámara de representación territorial e referencia política de primeira orde para definir o papel das autonomías no Estado, en Europa e no mundo.
  • A habilitación de mecanismos de coordinación das propias CCAA, especialmente as nacionalidades históricas, para aproximar posicións e achegar enunciados comúns en asuntos de interese.
  • A reforma do sistema de participación das CCAA nos asuntos comunitarios, apostando por un órgano estable que concrete de forma inequívoca a intensidade e formas da presencia galega, incluída a representación e dirección plena das negociacións naquelas materias específicas de relevancia estatal.
  • O establecendo de mecanismos institucionalizados e bilaterais de diálogo co Estado, naqueles asuntos de maior especificidade e significación para Galicia.
  • A regulamentación da presencia exterior a través de Oficinas propias de representación política, cun estatuto paradiplomático singular, sen descartar a súa integración nas representacións diplomáticas do Estado.
  • O recoñecemento do dereito a contar con representación permanente en organizacións internacionais, directamente ou formando parte da delegación estatal.
  • O recoñecemento da posibilidade de celebrar acordos internacionais con Estados ou organizacións multilaterais en materias que afecten aos intereses de Galicia.

A asunción destas novas responsabilidades por parte da Xunta de Galicia implica tamén as subseguintes obrigas, moi especialmente en dous planos. En primeiro lugar, no eido da acción, deben mellorarse e ampliarse os mecanismos de actuación que poden facilitar o desenvolvemento de políticas de promoción económica exterior e de promoción cultural ou en materia de cooperación ao desenvolvemento. En segundo lugar, institucionalizando o diálogo cos actores políticos no que atinxe tanto á actuación europea como, en xeral, no exterior, en sede parlamentaria, contemplando a súa participación nos organismos que se poidan establecer ou que xa estean en funcionamento nesta materia.