A adversidade democrática

Nun artigo de balance do ano que rematou, Colin Powell, secretario de Estado de EEUU, facía fincapé na resolución da administración Bush de "expandir a liberdade", de apoiar as "xoves democracias" e liberar aos pobos de Irán, Cuba e outros países cunhas poboacións "ás que se lles ven negando sistematicamente a liberdade". Dicía o marqués de Flers, que democracia é o nome que se lle da ao pobo sempre que se lle necesita. Aínda así, Powell semella estar más preto da definición de Churchill cando definía a democracia como a tranquilidade de saber que se alguén petaba na porta ás seis da mañá, non podía ser outro que o leiteiro; iso si, adaptada agora aos tempos da loita interminable contra o terrorismo.

A visión do moderado da Casa Branca é que o mundo avanza a tropezóns cara escenarios de maior progreso, benestar, paz e democracia. Esas, afirma, son as prioridades do departamento exterior dunha superpotencia intervencionista pero benéfica, en loita permanente contra o terrorismo internacional, un éxito que fai depender, de mala gana e con palabras escasamente cribles, da cooperación internacional.

A visión desde outras latitudes non pode ser máis contradictoria. Tomando os mesmos exemplos do Sr Powell, Afganistán e Iraq, países convulsos e desfeitos onde os haxa, as súas sociedades son víctimas dos empeños democratizadores do señor Bush e duns principios "xenuinamente norteamericanos" (seica tamén a Revolución Francesa foi en Washington!). Sabiamos do dobre raseiro habitual nas diferentes Administracións norteamericanas. Na historia recente, a lista de dictadores, militares ou civís, apoiados por EEUU podía ser case interminable. Daquela, o ecuador da alianza non viña determinada polo apego aos valores democráticos senón pola capacidade de expresar o maior nivel de lealdade inquebrantable coa Casa Branca. E a pesar de que ese tempo podiamos dicir que foi en boa medida periclitado pola fin da guerra fría, non é de todo auga pasada. Cando o golpe de abril en Venezuela contra Chávez, todos os membros da OEA, reunida en Washington, condenaron nos máis duros termos a rebelión dereitista de Caracas. ¿Todos? EEUU foi a única excepción. Ninguén agarde autocrítica nin por tal comportamento nin polo apoio directísimo a dictadores e dictaduras no pasado.

A sinceridade de quen asume como misión histórica a diseminación da democracia por todo o mundo non é de recibo. Pero compre recoñecer que é unha coartada estupenda. Non é crible, obviamente por que os feitos, os grandes e os pequenos, o desmenten. Tomemos outro exemplo. Na súa campaña a prol da expansión democrática polo mundo adiante, a Casa Branca ven utilizando con inusitada demagoxia a defensa do patrimonio cultural da humanidade ou, máis irritante aínda, a reivindicación dos dereitos políticos da muller no mundo árabe. Pero, paradoxalmente, sanciona e persegue a países como Siria ou Irán, onde, a pesar de todo, as mulleres, por exemplo, teñen recoñecido o seu dereito de sufraxio, pero non a Kuwait, onde, pola contra, as mulleres non teñen dereito de voto. En suma, o que mais preocupa a EEUU non é quen ven sendo mais democrático senón quen é amigo e quen adversario de Washington nun determinado ámbito rexional ou mundial. Con Bush, a xeralización do sambenito de "antidemocrático" a todo país que desafíe o seu dictado, entorpeza os seus plans ou non se desfaga en encomios, está a adquirir tinturas enfermizas e delirantes, desastrosas para quen as debe padecer.