Exculpado

Incrible, pero certo. O primeiro ministro británico, Tony Blair, volveu a ser exculpado de esaxerar a información sobre as armas de destrucción masiva que seica posuía Sadam Hussein e que serviu de pretexto para xustificar a participación do seu país na guerra contra Iraq. No Reino Unido non se investiga coma no Congreso dos Deputados español. As de aquí, son investigacións abertamente condicionadas polos intereses de cada unha das partes directamente involucradas no affaire de que se trate (11M, por exemplo), contando a maiores co inevitable eco, a veces pre-inductor en vez de pos-informador, dos medios de comunicación que interfiren a cotío no seu desenvolvemento. Que alguén honorable e independente, respectado e admirado, asuma a dirección dunha investigación política, caia quen caia, podía ser mellor solución. Pero Lord Robin Butler, ao obviar as evidencias de distorsión deliberada na actitude de Blair neste asunto, sitúa no descrédito este outro mecanismo. A fin de contas, o que todo o mundo sabe se converteu no informe de Butler nun malabarismo lingüístico, a medio camiño entre o xogo de palabras e a matizada diferenciación entre erros e mentiras, co agravante de desmentir o que é vox populi, que Blair e os seus achegados "orientaron" a información dos servicios secretos para que facilitase a comprensión social da necesidade de ir á guerra.

Numerosos medios británicos fixéronse eco da reacción de Blair, quen saíu airoso, din, dunha nova investigación que o situaba ante as cordas polo seu papel a carón de Bush. Os conservadores de Howard e os liberais de Kennedy, consideran vaga a exoneración de responsabilidade e apuntan á credibilidade como o factor clave da situación do líder laborista que pode verse sometido nas próximas semanas a novas probas, dificilmente superables para os laboristas, se Blair segue á fronte do partido, de cara aos comicios xerais previstos para mediados do ano próximo. Se Bush perde en novembro, sería a derradeira peza en caer do trío das Azores.

En calquera caso, non será este informe exculpador quen derrube a Blair, senón a conducta democrática dos cidadáns do Reino Unido, democracia noutrora exemplo en moitos aspectos, hoxe doída do apego ao poder de políticos sen escrúpulos, indecentes e inmorais, aínda que se digan laboristas e iniciadores daquela terceira vía que xa demostrou o seu único sentido ao facilitar unha saída honorable para o dictador chileno, coa complicidade, ao parecer, do gran poder financeiro, este sen cara visible, pero que tamén, ao cabo, será igualmente exculpado de colaboración cos violadores dos dereitos humanos.

Os comicios locais do 10 de xuño deron un serio aviso ao Partido Laborista; outro tanto aconteceu o pasado xoves nas parciais: os laboristas perderon a circunscrición de Leicester South, e a duras penas puideron manter a de Birmingham. Os liberais, ata agora a terceira forza no distrito de Leicester South (centro de Inglaterra), se impuxeron cun espectacular aumento dos seus votos do 21 por cento, mentres que o Partido Laborista perdía a súa maioría, que era de 13.000 votos.

O informe de Lord Butler é claramente incompleto e insuficiente. Incompleto porque, entre outros, non aborda de maneira clara a distinta posición dos servicios de información, especialmente os militares, que advertiron da escasa solidez das aseveracións do MI6. Insuficiente, sobre todo, porque elude atribuír responsabilidades, máis alá da xenérica lamentación dos fallos dos servicios secretos (coincidente neste aspecto co informe do Senado norteamericano a propósito do papel da CIA na crise). Confiemos en que a cidadanía resista a manipulación e poña o seu grao de sensatez, completa e suficiente, para rematar coa vergonzante impunidade do premier británico.